off
Eleccions 20-D 2015, Movementos sociais, Opinião, Televisão — 15 Decembro, 2015 at 10:10 a.m.

De produtos 20D e partidos emerxentes

by

“É mellor non facer nada do que contribuir para invención de maneiras formais de

tornar visibel aquilo que o Império xa recoñece como existente”

Alain Badiou

AUTORITARISMO POSDEMOCRÁTICO. A moit@s as eleccións do 20D fannos sentir fora e á marxe de todo. PP e PSOE teiman no vello mantra de que só eles poden gobernar. A posta en escena do debate cara a cara semellaba de hai trinta anos. Dúas impotencias cara a cara: a de quen non foi quen de dimitir cando estoupou o caso Bárcenas e a dun Sánchez obsesionado en manter o que hai. A súa é unha democracia submetida aos tecnócratas e expertos e á política sen política, e sen política non hai demos nin democracia. Ambos e dous, Rajoy e Sánchez, PP e PSOE, non poden debater porque partillan o mesmo ideario de submisión aos poderes económicos. Por iso se escudan na enxurrada de números xa que a realidade fala noutros termos, alí onde se fai efectivo, en termos de Rancière, o “reparto do sensibel”: a desigualdade, as relacións económicas de subordinación territorial, de clase e de xénero,  a violencia sexista e os desafiuzamentos, … O caso paradigmático é como non ousaran entrar na cuestión do soberanismo. Para qué a política se quen goberna non afronta a realidade? O máis interesante do face à face  foi todo o que quedou fora. Mas a concepción patrimonial do Estado do bipartidismo  ten compañeiros de viaxe de esquerdas (Podemos) e de dereitas ( Ciudadanos) que están a xerar as mesmas condicións de aceptabilidade submeténdose voluntariamente ao xogo de poder que lles propoñen os dominantes consentindo deixar fora  dos debates das televisións privadas aos soberanistas e independentistas con representación parlamentar.  Albíscase un empate de impotencias  onde todo ficará igual.  España non ten valor de repensarse. O que se anuncia como novo ou emerxente eivará o bipartidismo mas non a concepción institucional da política que máis nos debería preocupar, o autoritarismo posdemocrático.

PP, PSOE, Ciudadanos e Podemos teiman en ignorar que o fracaso do estado español de crear un estado nación de fasquía francesa non se derivou da insuficiencia da unidade político-administrativa (do aparello de estado español que non devalou nunca) mas da insolvencia ou incapacidade das elites gobernantes para trasfegar as identidades territoriais existentes nun proxecto confederal. Na segunda metade de século XIX Rosalía de Castro ilustraba ben a incapacidade de España para facer dos labregos galegos que viñan de provincias auténticos cidadáns españois. A diferencia de Franza, pola contra, no estado español a revolución liberal non alcanzou o poder para sublimar as diferencias nun novo cidadán cunha só identidade. Porén, no canto de obtar por axustar o estado á diversidade nacional e lingüística existente ( Suiza, Canadá, Finlandia,Bélxica)  teimou no mito francés prevalente no centro peninsular ( incuestionada identidade única). Unha ferida que é máis do que simbólica xa que   aproveitan calquera oportunidade  para unificar o que non se fixo cando tocaba, no século XIX. Acontece que no presente, no mundo contemporáneo o proxecto defendido abertamente polo PP e Ciudadanos e de xeito débil tamén por PSOE e Podemos, perante a negativa da periferia a disolverse nunha unidade, ameza máis coa negación e a exclusión do outro sob a pátina políticamente correcta do multiculturalismo e do “café para todos”. A tendencia federal-republicana non tivo fortuna e reaparece cando a esquerda española está en posición de debilidade  (velaí a proposta de referendum de Podemos en Catalunya ou coaligándose cun sector da esquerda nacional galega), reeditando aquela vella angueira decimonónica de xunguir obreiros, intelectuais e iberistas  para derrotar a dereita e substituir o socialismo burocratizado.

PARECIDOS. O caso é que quen se  apresenta a si mesmo comoalho-bugalho_OLLAPARO algo “novo” prodúcenos certo pruido non exento de pasmo. Todos coñecemos alguén con parecido ao Albert Rivera ou ao Pablo Iglesias. Representa Albert Rivera algo novo? Porén, mais do que algo inédito seméllase moito a un mozo de Nuevas Generaciones do PP cos acenos pròprios da dereita extrema e un discurso españolista ideolóxicamente ambiguo. A dereita española é idéntica a si mesma. O ‘sorpasso’ ao PP, simples cohabitación. A fasquía setentera reloaded de Pablo Iglesias tórnase nos medios un acartonado maniquí posmoderno embriagado de histérica retórica esquerdista que máis do que a ollada perplexa de quen cuestiona, ten o sorriso compracente de quen partilla máis coa ideoloxía dos creadores do capitalismo dixitalizado do que coas protestas anticapitalistas dos sesenta. Produtos ou “partidos boia”, ou mais ben monótona repetición do mesmo? Talvez, fasquía xeneracional, porén, sobretodo, dous líderes que consinten e explotan que un parlamento español desacreditado sexa subsituido polos platós das televisións privadas que ditan o que interesa e o que non interesa e que partidos que tendo apoio da cidadanía con alcaldes e deputados en exercizo non teñan esa visibilidade. Alguén decidiu, porén, que os “emerxentes” tiñan de estar no Parlamento e debían ter, en consecuencia, unha permanente presenza mediática. Mas velaí  que o miolo desa sobreexposición  é a falacia alicerzada en identificar o “novo” co “bo”. Con certeza, nen o novo é certo, nin o certo é novo.

A exposición mediática de ambos e dous como algo endexamais visto é mesmo cousa de pasmo. E tamén diredes que todos temos  algun coñecido que se parece á Carme Adán (Nós) e algúns talvez ao Antón Gómez (En Marea). Con certeza. E máis próximos. Porén, non gozan como aqueles dunha escolla en base á súa utilidade porque non contan coa posibilidade de que  o expectador goce a experiencia do seu consumo (ainda que Gómez conta co amplificador podemita). Esta experiencia estetizante do goce é o elo de significado no que alicerza o capitalismo cultural que nos goberna desde adentro.

Ao cabo, a mercadotecnia  é a praxe política, funciona en base a unha lóxica da novidade na que a proliferación de productos novos agochan que en realidade  son derivados espurios da sobreexposición mediática e das súas plataformas de poder (revisitar as raiceiras do Manifesto do Tarxidermista publicado en 2005 por El País na súa edición catalá ou a grella de programas de La Sexta para trazar a xenealoxía de Podemos). Será por iso que non nos sorprenda o ritmo acelerado do proceso de moderación dun partido que hai pouco falaba de sair da OTAN e agora apresenta un militar como futuro ministro de Defensa.

Inseridos en campaña, Podemos e Ciudadanos cada vez se semellan máis no que teñen de organizacións promovidas pola mercadotecnia eleitoral e os intereses de Estado 

Só así se entende que todo aquilo que non convén por ser a súa unha subalternidade non consentida ( poñen en causa democracia liberal española e o seu deseño centralizado) malia teren traxectoria e representatividade segundo os parámetros estabelecidos polo sistema electoral español, non teñan a mesma cobertura nen amparo da Xunta Electoral. Todo aquilo que conte cun mínimo de independencia política é demonizado, substraido do relato e da delirante ficción argallada para o noso consumo diante das cámaras. A diferencia da Transición militarizada, o permisivo amo posmoderno acadou  o maior dominio do plasma.

AQUÍ.Con ese pano de fondo é dificil debullarmos a praxe de  “En Marea” como colectivo e o permanente apelo  dos seus portavoces e representantes á devaluada Constitución do 78 (ver o debate da tarde na TVG), que non se precisaba un proceso constituínte e  que con algúns cambios do texto da constitución borbónica abondaba, mas tamén e, sobretodo, na súa autoexteriorización de “multitudo”  no que tén en común con outros movimentos sociais que se teñen producido nos últimos anos ao non tomarense a serio a realpolitik para alén da formulación do cuestionamento das xerarquías de poder e teren certa propensión a facer tabula rasa dos movementos sociais doutrora. O “tomar a serio” é a principal condición para poder combatela. Non é que careza dunha visión política concreta mas non diagnostica acaidamente os antagonismos que atravesan a realidade galega e alén (incluido o glamour adánico de quen obvia e mesmo desmerece a historia do pensamento nacionalista, dos movimentos sociais e da esquerda de noso). Para acabar postulando un suxeito subxectivado completamente polas técnicas que dí subvertir, recluindo  pola via acelerada a potentia  en acción política no marco das institucións prevalecendo a razón estratéxica sobre a o consenso intersubxectivo. O resultado é a mitificación dun “suxeito galego de ruptura” que non por falta de tempo foi quen de producirse a si mesmo con certa independencia das prácticas de resistencia realmente existentes. O que prevalece é un suxeito apolitizado que esconde a visión única do suxeito español soberano. Formúlase a necesidade do suxeito galego e áxese, paradoxalmente,  do aveso e como se o “suxeito de ruptura” non fose posibel,  repetindo os mesmos erros e fracasos xeracionais  do nacionalismo que se din combater (Beiras, Rodriguez, Nogueira e cia), obviando que de darse o suxeito galego  non será imanente e será constitutivamente diverso. Con certeza, o devalo da prestación das necesidades materiais básicas de grandes sectores de poboación  poñen en causa afirmarmos que vivamos nunha sociedade “libre”, mas a liberdade como tal non depende da satisfacción desas necesidades. Porque un suxeito galego soberano tería de darse alén de calquer esixencia de utilidade electoral. Sería posibel pensar nun suxeito político galego que se traduza mas que non se reduza nin disolva no momento electoral e nas  institucións estatais? Se a loita política consiste nunha loita por acadar a hexemonía, se en Galiza hai materia semisólida susceptibel de ser unha maioria de cambio abaixo-acima ( bottom-up), porque agardar a do estado español?“

Os sucesivos gobernos da dereita española na autonomía galega é mostra dos campos antagónicos marcados pola herdanza da Transición  e súa “visión de mundo” que colocou a uns e a outros en lugares diferentes da xerarquía social e política. Preocúpame que fronte a iso o modo reactivo da formulación dun “suxeito de ruptura” cando este non é obviamente un  puro acto performativo, con insuficiente base material para ir impondo unha nova organización social e outras relacións de poder. Ter relativo suceso electoral non performa “un suxeito de ruptura” e menos cando o factor territorial acabará por despuntar entre as particularidades da cadea. Para iso precísase un corpo político forte capaz de tomar decisións rápidas e as realizar con todo o rigor necesario en toda a cadea de equivalencias. Mas, sobretodo,  o acto instituinte, para alén de toda representación,  precisa ainda o acomodo de corpos, do contaxio mútuo e un outro reparto do sensibel (J.Butler). Non abonda coa formulación discursiva nin a formulación de “significantes baleiros” (Laclau). Quer dicer, cómpre axir como suxeito político para chegar a selo, porque o que está en causa é a capacidade para demandar algo e non só contido do que se pide, mas tamén a dimensión afectiva que non se deu. Máis philia (amizade). Despois virán as unións, demandas, consensos e disensos, a representación. Lémbrese o pronóstico realizado por Slavoj Zizek perante a decisión de que na Grecia o que se precisaba era un movimento da sociedade civil co obxectivo de presionar os partidos políticos. Procurouse o novo naquilo que xa existe? É o autodenominado “suxeito de ruptura” unha nova forma de organización, disciplina e traballo árduo ou apenas a formulación do desexo de quen parasita o que nega?

Faltou deliberación política e o momento instituinte da “vontade común”. Houbo algunha deliberación mas non liberación que constitue a condición de posibilidade de todo acto de ruptura.  Trátase do eido ontolóxico de incompletude ( ningunha vontade é externa a un sistema de vontades). Acho que por non recoñecer na práctica a posibilidade de exterioridade fronte ao poder contra o que loita. É dicer, non pode haber suxeito galego (e menos de ruptura) sen presupoñelo, sen axir como tal aqui e agora. A soberanía non se pide nen se pacta, exércese decote, no día a día na casa e na empresa, no concello, nos ámbitos asociativo e sindical.   Fica, porén, a sensación de que se está a pedir permiso. Por outras palabras, alén “da exterioridade relativa” de Gramsci e da “guerra de posicións”, talvez algo de Altusser e Žižek fronte ao só relativismo inspirado en Deleuze, Derrida e Foucault. De pouco serve metaforizar a loita ao xeito de Castoriadis ou da “multitude” de Negri-Hardt como”maré” (potentia), elidindo e mesmo non tomando como referencia territorialidade do Estado-Nación mas un “Imperio” que non ten “afora”, para logo axir primeiro – na xeira podemita- contra todo tipo de representativide e despois abrazar con urxencia e sen paliativos unha democracia liberal parlamentaria e non en acto. Un adanismo que obvia e mesmo esquece  que se trata de gañar articuladamente a hexemonía do “sentido común”, que seica é conservador e tende a institucionalizarse baixo a forma da elite hispano-madrileña patriarcal, como ten sido até o momento. Ou pode ser vinculada aos intereses das poboacións subalternas percebidas como “periféricas  e vernáculas” por esas elites centrais. O que significa construir a través da política un suxeito e un sentido común no que as institucións galegas podan funcionar con plena subxectividade política e de xeito non hispanocentrado. Mas non é posibel mudar esa posición de subalternidade sen intervir no sistema de relacións. Por iso non hai que dramatizar a imposibilidade dunha totalizadora candidatura de “unión” de cara as eleccións xerais xa que do que se trata é da radicalización democrática e ningunha forma de soberanía debería esgotar o seu potencial (Negri, Rancière) ou”exceso” ( Zizek).  A autoxestión rizomática ten os dias contados cando deixa intocada a esfera do económico e non cuestiona o horizonte capitalista de posibilidade da democracia liberal española, que actua máis por coerción do que por consenso, tal e como vén de pór en evidencia a proceso catalá. Porén, non existe unha identidade popular (chámase pobo, maré ou nós) antes da construción política dun plexo de equivalencias de quen decide organizarse e procurar solucións colectivas no canto de debruzar a súa acción ao momento electoral ou en facer “peticións” ao Estado. Acontece, como ten observado Laclau, que as demandas democráticas non son suficientes para xerar un suxeito político. Mas erra o pensador arxentino cando acha que esa forma de poder pode reducirse a unha simples unificación de demandas. Ao cabo, como ten sinalado Rancière, a chave da desavinza e do lixitio non é a demanda en si ( sectores productivos, bens básicos,etc) mas como ten sinalado Castro-Gómez, a cualidade do suxeito demandante. Porque mesmo nunha hipotética xuntura ou unión de equivalencias, non todos fomos subxectivados polo mesmo tipo de relacións de poder. Mesmo entre os deliberantes do Encontro e de IpU se deu de forma nídia e notoria “o tí de quen vés sendo”. Para alén de dispor grupo parlamentar eís, ao meu ver, a cuestión chave: están os galegos e galegas en condicións de demandar algunha cousa cando é tan feble a relación de continuidade dos organizados coa potentia da sociedade civil ?  

Non camiñaríamos mais unha vez cara un legalismo de esquerdas sen lexitimidade “mergullante”? Acho que ese é o cerne do que está en xogo -quer para Nós, quer para En Marea- e non o contido da demanda, xa que non haberá postulación de demanda pola via reactiva, como se a identidade política dos suxeitos ficaran reducida o que pide ou recibe do Estado.

RE-EXISTINDO. Non vaia ser que se lle acabe dicindo ao “cidadán pasivo” e ao “subalterno” (non se confunda co “oprimido”) o que ten que facer através da pantalla do televisor contando con cumplicidades diversas e antagónicas. Se históricamente a esquerda nacional galega articulada en partidos aderiuse e vinculouse ás loitas subalternas para acadar a hexemonía ( que non a dominación) esta deberá revisitarse e rexenerarse no seo da sociedade civil galega fronte ao Estado, sexa este de dereitas ou de esquerdas. E esta, a loita pola hexemonía, dase en toda parte e non necesariamente de modo organicista. Infelizmente, hexemonía da sociedade civil e a hexemonía na sociedade política son dous eidos que non van necesariamente xuntos como ainda pensaba Gramsci.

A cotío, lembrémolo, hai moita xente que fai cousas importantes, máis do que “resistir” re-existe, para mudar o sentido común …sen agardar a “multitude”, o lider carismático, o partido “mesiánico” nin a reforma da constitución (un sentido común que teima en nos dicir que a Constitución do 78 foi un acordo notabel, ainda que canto máis tempo pasa , a impunidade da violación dos dereitos humanos proe aquela parte do cránio que ficara anestesiada).

Last but not least, dá que pensar a criminalización da esquerda nacional galega en plena campaña electoral convocada pola Audiencia Nacional por se ter entrevistado con Causa Galiza e as insólitas acusacións do Tribunal de Contas español a respecto da falta de xustificación do ensobrado e reparto a mán de 2.000.000 de envelopes e papeletas nas pasadas eleccións municipais.

Mais unha vez, de votar, pensemos, para que?

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off