off
Movementos sociais, Opinião, Pensamento, Política — 18 Maio, 2021 at 12:51 p.m.

Nen utopias tetrabrik, nen distopias neon

by

Os amigos do Ateneu Al Margen, que tanto e ben fan pola cultura libertaria con notábel teimosía e enorme mérito, pídenme un texto para o número de primavera da súa revista baixo a rúbrica “Distopía para un mundo imperfecto”. E a suxestión chégame cunha nota xustificativa contendo como nexo argumental senllas ideas das que modestamente me permito discrepar e sobre as que basearei a miña achega. A primeira afecta á Revolución Industrial como o momento en que se torceu o curso positivo da historia, presupondo que até entón houbo un tempo mellor. A segunda e concluínte estimula como manifesto de supervivencia a <<seguir camiñando cara a esas utopías sempre necesarias como referentes dos nosos actos>>. Acredito, pola contra, que por esa savia-vaivén, utopías-distopía,  conxugadas ao chou e amoreadas, circula boa parte de certo esquema maniqueo construído sobre o desideratum e a mitoloxía escatolóxica. Desde esa perspectiva incorreriamos no vicio clásico da posición do observador que modifica o obxecto observado. Principios de máximos, prexuízos proxectados como certezas que a miúdo sufocan o anarquismo experimentado, que non é senón unha teoría da Xustiza en plenitude de Liberdade, non unha <<ciencia subversiva>> como anunciaba unha promo de RNtv con inmerecida fe de carboeiro. Explícome.Revolución e Utopía son dous conceptos abracadabrantes. Alfa e omega dun mesmo sistema alternativo. O universo do Todo xa, aquí e agora. O non plus ultra vital. Continente contido. Significante significado. E, en consecuencia, a eterna bigorna da nosa frustración. Ese ámbito cognitivo no que o pretensioso Aquiles xamais é superado pola esforzada tartaruga. Porén, a condición Sísifo en si mesma non é algo rexeitábel, ao contrario, implica vontade de esperanza legada xeracionalmente. O problema nace cando Revolución e Utopía convértense en consignas que envenenan os nosos soños. Soños da razón que, como mostran os famosos gravados de Goya, teñen carácter dual. En canto fantasía abandonada á razón, produce monstros imposibles; unida a ela é nai das artes e orixe das marabillas (copio a cita que explica as pinturas negras no Museo do Prado).

Desde que Platón escribise a que se considerou a primeira utopía política, A República, (en realidade distópica e despótica porque sacrificaba a liberdade persoal ao igualitarismo uniformador), o xénero contou con ilustres propagandistas. Todos aqueles pensadores que dunha ou outra maneira consideraron ilimitadas as capacidades da razón, práctica ou teórica, contribuíron a enmarcala no posible en diferido. Por falar só dos tempos modernos, René Descartes co seu <<penso, logo existo>>; Karl Marx cando afirma que <<a humanidade só propon obxectivos que pode acadar>>, en colisión co afirmado antes polo seu amigo e benefactor Friedrich Engels, quen no seu libro Anti-Dühring distinguira entre un socialismo utópico, disfuncional, e un socialismo científico, de probidade asegurada; mesmo Max Weber aproximouse ao segredo da esfinxe ao declarar: <<o home non alcanza o posibel a menos que, unha e outra vez, non tente o imposibel>>. Ben é certo que no caso do pai da socioloxía comprensiva o seu achegamento á problemática utópica na escena do social constrúese distinguindo entre accións guiadas pola <<ética da convicción>> e accións encomendadas á <<ética da responsabilidade>>. Mas todos eles tiñan en común, de entrada, considerar a utopía un vástago do progreso e, en segundo termo, ao expor a condición do home como ser social, que o racional domina ao emocional. Seguramente porque en maior medida eran tributarios do Hegel de <<o real é racional e o racional real>> (Filosofía da historia). Un siloxismo que acubillou tanto ao utopismo de esquerda (comunismo) como ao utopismo de dereita (fascismo). Dous totalitarismos uncidos ao Estado como supremo regulador para asaltar os ceos. Outro cantar é Hebert Marcuse e o seu ensaio O final da utopía. Aquí por primeira vez lígase a utopía e a emancipación ao terreo do fáctico e realizable grazas ao favorable grao de desenvolvemento económico. Dotando ao pensamento utópico até entón dominante de alento antiautoritario, o filósofo alemán sinala que <<coas forzas produtivas tecnicamente dispoñibles, xa hoxe é posible a eliminación material e intelectual da fame e da miseria>>.

A evidencia constada por Marcuse devólvenos a un evento crucial: a utopía como prosperidade. Nese sentido, sería consecuentemente a Revolución Industrial, cos seus avances en todos os ámbitos do coñecemento, a fonte de onde manaría a concreción da utopía. A encrucillada precisa en que, debido aos avances instrumentais técnico-científicos, a humanidade empeza a abandonar a longa noite das necesidades fundamentais insatisfeitas pola dramática escaseza de recursos. Certo é que ao mesmo tempo en que se inaugura unha nova etapa de abundancia material que leva até a sociedade do benestar que hoxe declina, son moitos os millóns de persoas que quedan á marxe da nova orde de presunta igualdade de oportunidades. Que o capitalismo, co seu axioma do beneficio caia quen caia, instalouse como sistema hexemónico, co seu correlato de grandes desigualdades e dilacerantes inxustizas, non significa que a nivel macro non se deron cambios favorables para unha inmensa minoría onde antes reinaba a indixencia xeral. É o que Marcuse reflicte no seu traballo e as estatísticas corroboran. Por cinguilo só a ámbitos que teñen que ver coa <<calidade de vida>>, con datos da Organización Mundial da Saúde (OMS) e o Banco Mundial (BM), rexistramos: que a esperanza de vida duplicouse nun século (en 1909 a media era de 38,8 anos nos homes e de 43,6 anos nas mulleres, e en 2009 de 78,4 anos nos homes e de 84,5 anos nas mulleres); a pobreza extrema flutuou do 64 % da poboación mundial en 1960 ao 10% en 2012; e a mortalidade infantil ha dado un envorco desde 1960, cando de cada cinco nenos un morría antes de cumprir cinco anos até a actualidade en que sobreviven 19 de cada 20. Exemplos exportabeis a temas como acceso o a fontes de auga protexidas da contaminación; escolarización; médicos por habitante; analfabetismo; etc. Mas não estamos nen perto do mellor dos mundos posibeis, encanto continúan as guerras, a fame e o 11% da poboación sobrevive con menos de 2 dólares ao día fronte a unha elite depredadora que atesoura a maior parte da riqueza planetaria.

Loxicamente a percepción de Marcuse, esa posibilidade de realizar a utopía cun excedente de medios que son enaxenados a unha parte significativa da sociedade pola dominación política, supón unha chamada á rebelión que nada nin ninguén pode paliar. Porque levamos un mundo novo nos nosos corazóns que crece a cada pouco. Ese é o factor humano que os anarquistas e todas as persoas de ben deben comprometerse a preservar. Un imperativo categórico e solidario que debe guiar unha vida plena. Extensible ao que Hans Jonás definiu como <<o principio de responsabilidade>>: obrar de tal maneira que os efectos da nosa acción sexan compatibeis coa permanencia dunha vida humana auténtica sobre a terra. Neste dilema é onde aparecen como vasos comunicantes a utopía e a distopia (utopía en negativo), está reprobada desde as tribunas contestatarias con luces de neón, e aquela tan idealizada que se conserva en tetrabrik ao alcance de todas as mitoloxías revolucionarias. Porque a necesidade da utopía e a esixencia da revolución, máis aló da aparencia, forman un conxunto disxunto esporeado pola inmediatez. A utopía en canto afán de mellora civilizatoria adquire unha dimensión errática ao uncirse a un revolucionarismo que dita a transformación total a través dun só acto de forza. Unha especie de fágase a luz! creacionista característico do pensamento máxico. Unha labarada de rumbo milenarista capaz de voltear 360 graos a orde imperante sen volver onde adoitaba. Mutación que presuporía unha madurez individual e colectiva do motor do cambio, e que por ser allea á maceración da experiencia que precisa o metabolismo da conciencia, adoita instar a necesidade dun axente ou estrutura mediadora como executor representante. Extrapolación que en última instancia anula as virtudes que acompañan idealmente ao gradiente utópico e ao proceso revolucionario. Que a natureza non procede a saltos (Natura non facit saltus), é unha verdade convida desde Aristóteles a Linneo. Quizais por unha impropia asimilación do que significa o termo revolución no campo político. Concepto este que ten a súa razón de ser xenealóxico no terreo da ciencia, onde naceu, como lembra Hannah Arendt, <<grazas á obra de Copérnico De revolutionibus orbium coelestium (Sobre a revolución). Desa mesma saga xurdirían expresións como a Revolución Industrial para catalogar unha mudanza de épocal.

Chegados a este punto en que parece que nin contigo nin sen ti teñen os nosos males remedio, a cuestión a expor sería: que pintamos nós neste enredo? E a resposta máis directa resúmese en ser proactivos na polinización libertaria e a centrifugación do compromiso ético. E como comer iso? Sen engasgar. Asumindo que a experiencia non se delega porque deixa de ser existencia propia. Que a utopía en distopía é posible e necesaria mas que non nace da nada, por un acto de fe revolucionaria. Que moitas veces a evolución sen présa mas sen pausa dá mellores froitos e máis duradeiros que os saltos no baleiro, porque envolve arraigamento (entra no terreo da superstición esa pretensión dun <<home novo>> que liquidaría dunha plumada séculos de tradicións, hábitos, crenzas, mitos e prexuízos desde a noite dos tempos). Que en tanto seres racionais e afectivos, contamos con máis capacidades para favorecer a empatía e a solidariedade que os limitados recursos que ofrece a política a curto-prazo e institucional do aquí pílloche aquí mánoche. Que como dicía Proudhon non hai que confundir ser revolucionarios con ser atropeladores. E, aproveitando que estamos no centenario de Kropotkin, que o apoio mutuo é un factor da evolución humana. Un, mas non o único. Que xunto á veta cooperativa tamén existe a competitiva que manexou Hobbes para cimentar o contrato social do Estado Leviatán.

(Nota. Este artigo publicouse en castelán no número de primavera da revista  Al margen).

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off