off
Politica internacional — 3 Setembro, 2013 at 7:35 a.m.

Que está a pasar cos dous millóns de refuxiados sirios?

by

A guerra civil en Siria xa entrou no seu terceiro ano de atrocidades , provocando a saída de máis de dous millóns de refuxiados, segundo datos da ONU , aínda que outras fontes dobren esa cifra. Un número de refuxiados maior ao das guerras na ex- Iugoslavia e comparabel ao xenocidio de Ruanda en 1994. Acontece que Síria está a sofrer as consecuencias da ilegal intervención- empregando a resolución 1973- da OTAN e EUA en Libia. Un condicionante real de que agora a Rusia e a China teñan os seus reparos, históricos axentes influentes na rexión aos que hai que sumar os fortes e determinantes intereses xeopolíticos dalgúns membros proamericanos da Liga Árabe (Arabia Saudita e os opositores sirios veñen de apoiar a acción militar proposta por Washington).Todo apunta a que a lección a tirar da carnicería siriana -entre outras frentes abertas- sexa a necesidade de imaxinar unha nova entidade internacional capaz de defrontar estes conflitos perante a obsolescencia da ONU, que non fai outra cousa que servir á perpetuación política dos blocos da guerra fria, cando hai paises que xa non existen (URSS, Iugoslavia, Checoslovaquia) e dos 51 estados orixinarios pasouse aos 193 de hoxe en día.Que debería pasar para que mudara a vella Sociedade das Nacións e xa non digamos o Consello de Seguranza? (mellor non imaxinalo).

Hidrocarburos e hexemonía política nun mundo multilateral

Coma outros ditadores da zona, tamén o Baath, o partido con cinco décadas no poder, tentou sen éxito ningún liderar unha especie de “transición” sen que nada mudara. A brutal represión co pobo anulou calquera caste de recoñecemento de aperturismo. O analista Aníbal Garzón ten destacado que a máis da liña proamericana da Liga Árabe non hai que desbotar o control dos recursos humanos, os hidrocarburos e a hexemonía política na rexión.”Actualmente hai outros países como Siria que teñen un contacto directo con novas potencias emerxentes que serían os BRICS, entre elas Rusia e China, que procuran un papel hexemónico e un papel dentro do multilateralismo”.

Se ben hai quen afirma, como Michael T. Snyder, que o país máis beneficiado dun conflito militar entre EUA e Siria sería a Arabia Saudita que “xa tería investido millóns de dólares no conflito en Siria, pero ata agora non tiveron éxito nos seus intentos de derrocar o réxime de Assad”. Segundo Snyder, consegurían enfrontar dous grandes inimigos estratéxicos a longo prazo do islamismo sunita:. Estados Unidos e Israel dun lado e do outro o Islam xiíta.

Para este analista habería outros beneficiados, entre deles Catar, que quere construir un gasoducto de gas natural desde o Golfo Pérsico a Europa a través de territorio sirio e turco, razón pola que Catar está a investir milleiros de millóns de dólares na guerra civil en Siria.

Refuxiados

Con todo, no contexto actual , como estamos asulagados nunha forte mudanza das relacións de poder global, na chamada crise, hai unha inercia que nos fai ausentes do que acontece ao redor. Abstraídos nos nosos problemas, amedoñados e sen dignidade fronte á xenuina estafa que sofremos fronte aos intereses xerais do sistema, estamos a comprobar mais unha vez como nos tornamos insensíveis ao que non nos afecta directamente. Aquén ou alén, nada do que acontece arestora no mundo é raro para nós, gústenos ou non, temos fortes vincallos. A tendencia crecente na nosa sociedade a ser absorbidos nos nosos problemas egoicos ou hipnotizados coa visión dos nosos propios embigos – a alucinación óptica na que acreditamos- non é estratexia menor para que esquezamos que a mudanza das coordenadas de poder global teñen efectos directos na nosa percepción do local. Mais non todo é pesimismo, hai posibles vieiros de acción, restaurando o local e os espazos de convivio, de cooperación e de comunitarismo mínimo. Eis un vieiro posible de acción e non en acreditar na trola de nos convenceren do suposto “atavismo islámico” e do perigo que iso supón para o mundo ou nesa superstición maléfica do crecemento ilimitado que nos está a escachar nas cabezas.

Os sirios que están a fuxir, sobre todo, para os países veciños, son incorporados en situacións moi difíciles. Só o Líbano ten 1,2 millóns de refuxiados , o que supón o 25% da poboación total do país. Segundo ACNUR (Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados), até finais de agosto, máis de 53 mil sirios xa se tiñan rexistrado. O traballo de ACNUR cos refuxiados sirios en Trípoli e no val Bekaa foi retomado en 28 de agosto, despois de ser brevemente suspendido por seguridade. Ainda que o dato máis aberrante é o millón de nenos sirios forzados a fuxir das súas casas para tornarse refuxiados. O conflito xa deixou uns 7.000 nenos e nenas mortos, informou a Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. ACNUR e UNICEF estiman que máis de 2 millónss de nenos sirios foron desprazados no interior de Siria. A comunidade internacional, u-la? Paga a pena lembrarmos que hai poucos anos, antes da guerra na ex- Iugoslavia , dende Europa lanzouse unha importante rede de solidariedade.

“Este millón de crianzas refuxiadas non é só unha estatística máis”, dixo Anthony Lake, Director Executivo de UNICEF. “Este é un neno ou unha nena real, que foi afastado da súa casa, quizais ata da súa familia, e sufriu horrores que non podemos comprender plenamente.”

As crianzas xa son a metade dos refuxiados do conflito en Siria, segundo as dúas axencias da ONU. A maioría veñen para o Líbano, Xordania, Turquía, Iraq e Exipto. Ademais, cada vez son máis as persoas que fuxen cara ao Norte de África e Europa. Os datos máis recentes mostran que perto de 740 mil nenos e nenas sirios refuxiados son menores de 11 anos.

Desde esta perspectiva, é moi importante, especialmente Europa e os países con máis nivel de renda e as áreas do mundo que teñen nivel superior de vida sexan sensibles a este feito e non adien organizar un programa de axuda aos refuxiados sirios. Se persiste a inoperancia da comunidade internacional en caso de que tirara adiante o ataque de EUA e Franza as consecuencias podían ser devastadoras para a poboación civil.

No caso de Europa, vendo que a actuación en Siria é de total desleixo, o Alto Comisionado para os Refuxiados de Nacións Unidas , Antonio Guterres , tivo que emitir hai uns días, un rexo chamamento, instando a Unión Europea a actuar lembrándolle as súas obrigacións internacionais, observando que a Alemaña e Suecia están actuando en conxunto a prol dos refuxiados desa guerra.

“O que está en xogo é nada menos que a supervivencia eo benestar dunha xeración de seres humanos inocentes”, dixo Antonio Guterres

As causas e os factores implicados nesa guerra son complexos e a gran importancia do perverso xogo de xadrez dos intereses económicos e financieiros das grandes potencias (e da Corporate Class norteamericana) non pode tirar da nosa vista que o conflito está a tomar como refén á poboación siria. O premio Nobel da Paz, Barack Obama, debería saber a esta altura que as guerras humanitarias non existen, que non son como pensaba Clausewitz a continuidade da política por outros medios, senón un acto que nos devolve á condición de simios loitando por dominar unha fochanca enlamada.

One Comment

  1. Gabriel Beceiro

    Obama está preso da súa palabra cando hai un ano condicionou a intervención ao uso de armas químicas.Rara ética a de axir por milcatrocentas vítimas do sarín e non facelo por máis de cen mil mortos por metralla. A revolta siriana apareceu no tempo xunto á exipcia e á tunecina. Até aí. Acontece que a guerra civil siriana está a amosarlle ao mundo que os rebeldes son grupos heteroxéneos, algúns próximos ao jihadismo de Al-Qaida. Depor Al-Assad para darlle o poder a grupos cos que EUA está en guerra non ten siso, o que explica en parte a falta de firmeza da comunidade internacional, incluida a UE. Os propios británicos pretendian sentar nunha cadeira a Al-Assad para negociar. Quen non se arreda e fai uso de armas químicas,un aviso a navegantes. Non se pretende un cambio de réxime. A sensación é que todos queren agochar as súas diferencias de interese na zona baixo o argumento de que sería millor poñer Al-Assad diante da xustiza. O presidente da ONU citou a Lennon. Movémonos na ignorancia das sociedades árabes. E quen o paga: a poboación civil, os refuxiados e os nenos.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off