off
Fotografía — 31 Xaneiro, 2016 at 11:55 a.m.

Man de Camelle. No borde mesmo dun cómaro de pedras

by

Pregúntome, no caso de existir, cal é ou tería sido o artista total?

Quizás o que é capaz de expresar o mundo interior a través da súa obra, ou o que reflicte a sociedade do seu tempo con visión propia, ou o que bebe da tradición para crear mundos novos, ou o que rompe cos ancestros para atopar unha resposta, ou o que critica e condena o anaco de mundo no que lle tocou vivir, ou o que o rexeita todo, ou o que explora camiños ignotos que so el entende, ou o que é quen de trazar novas vías polas que camiñarán outros artistas durante moito tempo, ou o que persigue a beleza estética, ou o que entende a estética coma un puñal cravado no peito, ou o que defende a arte sen estética, ou o que transcende, ou o efémero, ou o ancorado nunha soa idea recorrente que transmite unha e outra vez, ou o polifacético,… poida que non exista o artista total e que o que haxa de verdade sexan moitas maneiras de ser artista.

Unha maneira de ser artista é pensar, e vivir, e mesmo morrer pola propia obra. Non ter nada mais que aquilo que se crea. Andar nu, cun taparrabos pola beira do mar, sempre a pensar no propio universo artístico. Un extremista no borde mesmo dun cómaro de pedras. Deitarse a durmir ao sol, deitarse no muro de cemento aínda verde para deixar nel a propia silueta enxoita. Vivir nunha chouza mollada polas ondas do mar na que hai que entrar de canto. Un creador tolo coa barba polo peito. Veñen mareas que destrúen as composicións, as performances de pedras quedas e ondas a bater…pero non pasa nada, levántanse de novo. Tras das mareas voltará o sol. Voltará a calma e irá medrando o universo artístico. O interior e o de fora. O que se toca e o que se percibe. Ata que un día a marea trouxo una lousa negra que o inundou todo…Negra Sombra por riba da ribeira, por riba do creado, por riba da vida. O seu triste prestixio de despoxado artista tolo…, mergullado no chapapote. E o artista decide morrer, enrolarse na tripulación desa última viaxe, na dorna que nunca ha tornar, lixeiro de equipaxe, “discalzo” e nu, coma un mariñeiro…coma un fillo do mar.

Man de Camelle….,abraiada, permítome publicar aquí unha parte do teu legado. Son fotos miñas, non moi boas. Aos que non vistes en vivo a súa obra, ide prestos a vela ao espigón de  Camelle. Non perdades o mundo sinxelo e imposible do artista total, antes de que unha marea Lagarteira de cambio climático acabe con el para sempre. Hai tema épico para unha lenda que
transcenda na memoria colectiva de boca en boca ou polas redes. As nosas redes peixeiras como alegoría das, tamén xa nosas, redes sociais.

Manfred Gnädinger, Man, o Alemán de Camelle. In memoriam.

 

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off