off
Literatura, Poesía — 21 Outubro, 2013 at 8:37 a.m.

Nas brasas de Torneiro

by
Manuel Álvarez Torneiro é o recente gañador do Premio Nacional de Poesía
O poeta Amauta Castro defende a sinceridade  e sempre lúcida poética do recente gañador do Premio Nacional de Poesía, outorgado por vez primeira a un autor en lingua galega.

Falar de Álvarez Torneiro é un exercicio de experiencia. De esixir a cada verso a disciplina de saber agardar o momento indicado para se mostrar. Da tarefa daquel que non  pregunta e entende o oficio de poeta como una loita pola permanencia en franco entendemento cunha universalidade que fai da súa poética una corrente que poderia percorrer continentes diversos sen perder o rumo.

Eis o compás de Álvarez Torneiro, un elemento feito para a navegación en mar aberto, e que permite neste caso o recoñecemento pleno de universalidade e transparencia poéticas. Unha fluenza persoal e vital que chega á oitentena presto a nos facer sulcar polos seus referentes: Octavio Paz, Pablo Neruda, Avilés de Taramancos, González Garcés, Fray Luis de León …

Un imaxina as horas de Torneiro como una especie de Dickinson á galaica. Deitando extensamente os versos, cun axir case que de eremita fronte á palabra, mesturando tamén isto e aquilo, e producindo un conxunto xenial, á altura das máis senlleiras pezas do noso tempo. É por iso que namora no espazo curto, mais tamén no bolear dos anos, como una desas cancións francesas que un acolle tarde e que logo nos cambian a vida (desde o esencial, desde o auténtico).

Testemuña do que a crítica se nomeou Xeración dos 50, ou Xeración das Festas Minervais, penso que tivo algo moi de seu que o fixo avanzar dun xeito autónomo. É por iso que a súa é una chegada final, desde a memoria, desde a reapropiación que implica a memoria. Un esgutío de libros que van caindo aos poucos, cada 5 ou 6 anos desde a década dos 80, e que nos manteñen á espreita sempre, a agardar polas súas novas achegas que hogano adquiren grande recoñecemento. “Os ángulos da brasa” leva o aquel de Yeats chantado fronte ao lume, que tanto ten de hipnótico. Debeu ser pois a devandita hipnose a que fixo decantar indesperadamente ao xurado do Premio Nacional de Poesía que outorga o Ministerio de Cultura por vez primeira a un autor en lingua galega.

Lonxe de posicionamentos fechados Torneiro di: “eu inda creo nas utopías”. Pois ben, eu engado: e nós nas túas illas, e nós nas túas illas.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off