off

España retrógada

by

Que pasa cando se substitue un goberno autónomo e o seu presidente escolleito polo parlamento de acordo cos resultados dunhas eleicións, por persoas e órgaos nomeados por outro goberno, central ou federal, vinculadas aos seus ministerios? Malia ser inédita, para alén das óbvios paralelismos co 6 de outubro de 1934 cando Companys  proclamou o Estat Català dentro da República Federal Española, trátase dun golpe antidemocrático arranxado desde o interior do Estado, xerador de máis problemas dos que resolve xa que despois  da reprobación da lexitimidade do fiscal xeral do Estado por parte do Congreso dos Deputados (a Audiència Nacional non tén competencia para enxergar do delito de sedición), da denuncia sen mínima aparenza de xustiza e a prisión incondicional ditada contra os Jordis e fulminar 40 anos de autogoberno, non fai máis que encirrar o problema de fondo nacional-territorial, repetindo os mesmo erros que no 34 cando se creou unha xestora de suplantación que non votou ninguén. Até aquí a semelleza,  porque se obviamos que se trata da segunda intervención da mesma institución se descartamos o golpe de estado de 1923, aquelas foran mobilizacións de confrontacion sobre o pano da militarización que levou á suspensión do Estatut, máis da metade dos concellos cesados e millares de persoas prendidas. No momento actual non houbo violencia agás a exercida polo proprio Estado contra poboación civil que quería votar o 1-O, e derívase da decisión do Tribunal Constitucional de cortar o Estatut e do rexeitamento sistemático das peticións catalanas. Porén, existe a semellanza de colocar á frente das instucións catalás a quen ninguén votou.

Quen poderia aceitar sen revoltarse a enaxenación do princípio fulcral dos parlamentos e os gobernos emana do voto popular e non dunha intrusión inadmisíbel de instituicións políticas por  incapacidade de resolver os conflitos?

Porén, non hai posibel aplicación amabel do artigo 155. Porque a súa activación deriva dunha malintencionada e instrumental lectura do dereito. Por un lado, supón a suspensión práctica da autonomía dese parlamento e, por outro, unha voladura do estado de dereito. A decisión do goberno central de aplicar o artigo 155 da Constitución española co contido presentado por Rajoy supón a suspención de facto da autonomía catalana. O Parlament perde a función de control, a de votación da investidura do presidente así como a súa capacidade lexislativa, ficando vinculado ao Senado español. Unha recentralización  que afecta tamén  á capacidade de disolver o Parlament -que o Estatut reserva en exclusiva ao presidente da Generalitat- e convócanse eleicións desde as institucións españolas.

Non se poderán recorrer ao Tribunal Constitucional- tan utilizado outras veces- para dar comprimento á posibilidade do Parlament de presentar recursos de inconstitucinalidade. O artigo 155 non permite relevar o goberno da Generalitat, non hai interpretación posibel xa que fala de “obrigar ao comprimento forzoso das súas obrigas”, non da substitución dos órgaos de autogoberno. Portanto, trátase dunha medida inconstitucional. Alén diso, fica tamén arrombado o principio de legalidade que garante que as decisións dos gobernos podan ser recorridas diante dos tribunais de xustiza.

Hai meses que veño alertando da confusión entre realidade política e xurídica no que vin chamando legalismo ideolóxico, no intre en que a apropriación do dereito se instrumentalizou desde os parámetros ideolóxicos da ultradereita  que nutren o PP na súa xuntura orgánica co Estado – e coa outra perna do PSOE-  e que se substancia aquén desa apropriación nun relato direccionado a rachar o convivio con munición falaz que tanto serve para o escarnio contra as institucións de autogoberno como para descualificar a escola pública catalana realizada desde a ignorancia consentida, querida e difundida como catalanofobia. Con este paso retrógrado, a autoridade do Estado retírase por completo para deixar falar a voz da forza. Sen  ética da escoita, o Estado acaba negando a realidade.  A aplicación taxativa do 155 rexeita calquera forma de vulneración e conmoción. Simples reacción reflexa.Porén, a democracia precisa a experiencia profunda de estar aberta para o outro. Se se instala no Estado narcisista o que fica é a descarga incontrolada que vai minando a esfera pública a través da única conexión legal, destruindo a distancia mas non xerando relación nen cercanía ningunha.Eís tamén o problema de fondo de Europa: simples tratado intergobernos que non vai alén da vontade da cada capital e do capital (os cartos son un mau transmisor de identidade).

Lembraba que o sentido  da Constitución non está no texto. Desde a orixe a forxa da Contitución derivouse da substantación dos estatutos de autonomía, que a preceden. O texto non foi fechado mas ten sido suplantado. Até o punto de esquecer “o libre consentimento das nacionalidades para formar parte de España” que reclamaba hai  cen anos Pi i Margall e Castelao reformulaba así: Para nós non hai máis que unha república viable: a que se basea no libre consentimento das nacionalidades que integran España. Damos por ben mortas á primeira e segunda República e esperamos á terceira. Esta terceira República será federal se quere ser definitiva”. Portanto, non é o desleixo ou a má administración das denominadas nacionalidades históricas, comunidades autónomas ou rexións onde hai que procurar a crise de gobernanza do Estado a causa do actual estado de cousas. A petición catalá é unha resposta a ese devalo, perceptibel na eiva constitutiva do estado español e de Europa na súa deriva autoritaria (de Varsovia a Madrid pasando por Budapest) que non é outra que a do estado-nación na súa dupla reacción contra o global e o local.  A Unión Europea tería aquí unha oportunidade  de superar o estado-nación abríndose a refundación republicana sobre o recoñecimento das nacións e rexións.

Pi i Margal intuiulo e  Castelao o desenvolveu no “Sempre en Galiza” en resposta á inmunidade estatalista de fasquía orteguiana: os cataláns, os bascos e os galegos demostran que os estados nacións xa non funcionan. Talvez é por iso que o que resta do estado-nación teime en cultivar eses elementos destructivos.

One Comment

  1. Portugal é un estado nación e funciona. O que non funcionan son os estados nacións que en realidade non teñen unha soa nación.
    O problema de aplicar o 155 é que non van dar controlado as institucións catalanas. E eles mesmos o saben. (E por institucións catalanas eu incluo a igrexa que se prestou a recontar votos en plena misa). O estado teno mal mal.https://www.youtube.com/watch?v=RfljD6ySLp4

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off