off
Cedeira, Movementos sociais, Opinión, Política local — 17 Xuño, 2017 at 11:53

Leccións cedeirenses

por Gabriel Beceiro


“O poder detén ao poder”

Montesquieu

15.06.2017 Unha semana despois as pás continuaban mexendo na area

O que máis impacta cando se albisca Cedeira desde o Campo da Cruz é a desfeita urbanística que hoxe é a vila mariñeira, percepción que aumenta a medida que un adentra no núcleo urbano.   Por varias décadas puxeran en movimento unha vitrina política que escondia a mercantilización da vila e a súa conversión nun mecanismo de dualización social ben visibel no territorio: na proliferación volumétrica tan excesiva como esperpéntica dos edificios, nas  hortas e leiras enmuralladas de galpóns, nas rúas sen beirarúas, no areal minguante e no eucalipto rampante, na lingua falada e nas arelas perdidas. Moito tixolo para tan pouca xente. Temos constatado que a lingua galega dos cedeirenses, tan espléndidamente natural e viva, foi cedendo diante da presión castellana. Todo o mundo fala castelán. Malia a saudade dos amigos perdidos e que o reencontro cos vivos sempre  axuda a afastar os fantasmas, voltamos coa sensación de que todo está pendente. Un retorno á realidade, onde Galiza se chama Cedeira. Como se a vila e terra da dereita, a do PP,  digámolo así, contente coa visión de ser eternamente a pemaniana villa turística española del norte, e estalle ben selo.

Se hai un ano semellaba prematuro facer balanzo do goberno  formado por PSG-PSOE, ANOVA e BNG era porque o herdo viña envenenado nun contexto de esgotamento que teima ainda hoxe na súa deriva sistémica abafando dereitos easfixiando o municipalismo. Incerteza ao que contribuira en parte os seus principais atributos (enténdase, se no hai defectos non hai posibilidade de estes tornaren virtude): a novidade absoluta dos protagonistas,  a presenza de algun exmembro do primeiro tripartito en incerta continuidade modal ainda podía achegar experiencia institucional e unha indisimulada arela de que funcionara. Porén, acho que  os últimos meses foise detectando a deriva cara unha nova versión remasterizada daquel goberno que era mais un somatorio de partes do que un equipo. A falta dunha candidatura unitaria do soberanismo que puido ser mais non foi, resulta evidente o cambio especialmente cando o sistema sementa derrotismo tornando a nosa identidade en sinónimo de atranco. Ainda que polo momento non semella detectarse unha masa socioeleitoral ansiosa por apuntarse, todo sinala a iniciativas políticas ou parapolíticas co propósito común de ocupar aparador ou  titular sen articular e galvanizar o desdebuxado espazo dun municipalismo galeguista desacomplexado (quer dicer, sen reproducir o que din e fan os poderosos), con ese método de inclusividade progresivo que é a participación cidadá sen tañeiras sen tacticismos a curtoprazo.

Optimismo realista.O tripartito chegou á alcadia de Cedeira coa forza dos votos, partindo de grandes promesas de cambio, de transformación social e reneración democrática. Non é que perderan claramente os de sempre, a dereita, mas aquilatábase  a arela – aquí  acaidamente exprimida por Filipe Díez– de superar o tacticismo partidario para alargar a participación e a transversalidade social de cara a mobilizar e non a diminuir a capacidade para mudar todo o que se di defender.

En efeito,  o PsG-PSOE, a segunda forza en votos, podia gobernar acompañada de duas forzas nacionalistas de esquerdas, sumatorio que achegaba desta xeira algunha cara nova e sobre o sustrato de mobilizacións ou foros prévios. O experimento espertaba a ilusión sempre que este non fose un tripartito como o de antesPorque a experiencia debería servir  para saber que as institucións tenden a unha expulsión do que non é ela, do que as incomoda. Por iso é tan necesario como esencial socializar a tarefa de goberno, vertebrando o traballo institucional na acción social, para aumentar a conciencia política (non só dereitos, mas deberes), confrontando así o derrotismo e aumentando a resposta social  dos nacionalistas  e dos autonomistas, tanto dos que sinten Galiza como nación como daqueles que achan que o encaixe no estado español precisa reformas. Porque no local xógase o modus vivendi, as relacións de convivio que somos quen de  desenvolver para devir unha identidade compartida, unha sociedade responsabel do seu presente e  porvir.

Tanto na resposta cidadá ao proxecto de ubicar unha  planta de gas licuado en Esteiro como na denuncia e defensa de intervencións acaídas  na praia da Madalena non participaron os que non quixeron, os que son antagónicos co emponderamento cidadá, ainda que despois saian favorecidos co resultados das mobilizacións que defenden o territorio das agresións. Mas houbo quen usufructuando aquilo agora só ofrece seguidismo institucional. Cando do que se trata é plantar cara é  garantir a igualdade, contribuir a que se rachen as gaiolas económicas, culturais e lingüísticas de dominio, que seguen abafando este pobo cando as súas xentes se mobilizan ou cando fala en galego.  Porque a vida non se pode reducir ao verao nen o momento lúdico-estival. A apatía e desmobilización actual non son apenas un síntoma da época, mas de séculos de sometemento e “servitude volontaire “. Porén, perduran acenos paternalistas e outras “tutelaxes” endóxenas que non son imputables a ningúen máis quen así fai e actúa.

Quen facemos  Ollaparo partillamos a ilusión de brazo dado ou en paralelo doutras iniciativas da sociedade civil, por iso fumos ofrecendo desde aquí espazo de reflexión e oportunidades para soerguer a mudanza.  Tratábase de entrar ar fresco, caras novas,  azos e propostas para convertir as arelas en realidade. Porén, as oportunidades non se repiten eternamente.  Se a xente tocou a cambio, compria gobernar o cambio e facelo coa xente do cambio.  E se Podemos e EU, desde fora das institucións, non tiñan claro se subir ao carro, alguén debería ter ese coidado para facer posibel telos perto para proxectos de pobo que non permitiran a volta do PP. Porque se ben é certo que a dereita gobernou por mais de 30 anos ininterrumpidos, tamén o é que alomenos en duas ocasións houbo goberno de socialistas e nacionalistas.

Con certeza, o modelo actual de Cedeira, a vila fracturada e envellecida ten uns responsables claros con nomes e apelidos mas este tripartito non pode facer como se as forzas que o constituen non tiveran gobernado, acubillando nun adanismo permanente que os leve axir de xeito naif,  como se fosen unha asociación ou unha plataforma (moito patrón para tan pouco mariñeiro). Non se está a confundir a discreción “necesaria” a certos aspectos da xestión diaria co coñecimento e debate público  de feitos cuxa existencia non é un segredo?

A praia. Un caso de irresponsabilidade partillada. Talvez trátase de afondarmos no que está ben feito e corrixir as inercias perigosas. Afortalarmos a participación e a mobilización, darlle continuidade e sostén teórico, e que forme parte de campañas organizadas e moi socializadas desde o local, o comarcal e o nacional (análise, folla de ruta, obxectivos a medio e longo prazo, avaliación e revisión).  ANOVA  e BNG non poden continuar escudándose na alcaldía do PSG-PSOE e o seu aparato político-mediático centralizador que o soergue a nivel comarcal e estatal porque se confunde coa paisaxe. Porque ANOVA e BNG son mais do que  o “galeguismo ben entendido” do bipartidismo. Precisan repasar o pasado e preparar o futuro alimentando o presente. O compromiso de goberno non significa descargarse de si mesmo: esa tamén é unha responsabilidade. Porque o problema é a escaseza de cidadáns e seguidores, a modestísima capacidade de mobilización da tese que enarbolan, seguramente non só a causa de ter parido un goberno de “laboratorio” cuxo proxecto continuamos sen coñecer. Si, xa o sabemos: os patróns sen tripulación só teñen a  vá esperanza  de esgotar catro anos sen que goberne o PP e despois xa veremos.  Que a esquerda soberanista acabe nunha derrota contundente e que veñan as forzas estatais, a esquerda e a dereita, a apañar os náufragos.  A falta dun proxecto social de esquerdas nídiamente diferenciado das propostas centralistas só pode traer frustración e amargura se  aproveitando a lexitimidade que lle deu a súa natureza de “goberno galeguista de progreso”, acabe sendo recoñecido como un dispositivo puramente retórico ao servizo da presenza institucional, das citas eleitorais e das miraxes da competitividade (esa obsesión perigosa), a  terciarización de todos os eidos productivos, a externalización (outsourcing) e a tematización turística de Cedeira. Até o punto de teimar nos comunicados de prensa onde no máis puro estilo da dereita político-mediática, acabáselle restando importancia á calidade da auga porque “agora non toca”, igual de má ca sempre porque, que saibamos, pouco ou nada se fixo para arranxar o problema. Neste contexto, malia o comunicado do 9 de xuño do Concello de Cedeira pedindo a Costas que non altere os contidos do acordo que tiña para a rexeneración da Madalena, unha semana despois as pás continuaban deitando area na frente do parapeito desde o alto da duna.

Como encaixa esta actuación coa declaración de Eimil, responsable da Demarcación de Costas,  de que “non se vai facer nada sen que haxa acordo co concello” (12.08.2016)?En que momento ordenou o Concello de Cedeira parar as máquinas?

Un amigo lembrábame ao caso, ben asisado, emporiso non exento de tráxica retranca  berlanguiana: “os debo una explicación y os la voy a dar porque os la debo, y como os la debo…”Abofé. Ainda que Costas metera as pás na praia contravindo o prometido,  o que non é de recibo é a pasividade manifesta do Concello porque ou ben acreditan e concordan abertamente con Costas, ou ben acaban de aproveitarse  para facer o contrario do que afirman  mas sen a afouteza para o defender, desactivando así  mínimo consenso ate agora acadado. Porque alguén do goberno debeu pensar…. Ou é que non se sinten obrigados  a dar explicacións? Hai desacordo no seo do goberno ou é isto o que quere Moreda(PSOE)? Concorda o BNG ?

Non nos podemos torna adictos ao ir facendo nen abonarnos a un perfil baixo perante as actuacións  “unilaterais” da Demarcación de Costas malia a palabra dada e as expectativas xeradas.  Cantas veces será preciso lembrar que  as dunas son componentes fundamentais pola xeomorfoloxía da maioría das costas areosas do mundo, un  buffer de protección da costa fronte a  súa erosión. Precisamente porque hoxe hai moitos sistemas que sofren graves problemas nas ribeiras e litorais, malia os problemas de equilibrio entre as mudanzas do nivel do mar ao longo do tempo producto de xunguirense factores físicos, climáticos, glacio-estutáticos e subsidencia (Goso, 2006), está probado empíricamente que a zona litoral adáptase de xeito constante, rítmico e sincrónico as situacións derivadas do cambio do nivel do mar, porén non reacciona do mesmo xeito diante dos cambios provocados pola presión humana sobre estes espazos, o que atinxe tamén as actuacións mecánicas aparentemente direccionadas a “salvagadarlos”.    De aí a incerteza provocada pola falta de prudencia desta última intervención con maquinaria no “sistema praia-ría” (que atinxe unha extensión significativa que vai desde  a zona mergullada que non vemos, até a zona subárea, que  resulta do emprazamento da sedimentación -heyedogs – dunha duna con escasa mobilidade e totalmente coberta dun estrato arbustivo leñoso que acaba en tipo arboreo ).

Como entender  entón que se esté remexendo na mesma zona onde hai pouco se plantou vexetación? Tanto movemento anual non é en si mesma unha inferencia brutal (facer e desfacer) que condiciona a propia compactación de sedimento e a humidade ambiental da duna? A escasa dimensión presentada pola actual duna da Madalena, o escaso largo do primeiro cordón dunar, e a recorrencia de temporais de mar no inverno fan dela una praia vulnerabel respeito a determinadas accións, como é posibel o paso de maquinaria pesada sobre a superficie do noiro sen que iso supoña graves impactos de fragmentaicón e erosión do ambiente que seica se quere rexenerar? Como é posibel? Como é posibel que logo de todo o dito, explicado e acordado, se teime en mais do mesmo cando dende a perspectiva científica se reclame que a razón máis convincente para enxergar o estado de equilirio dos sistemas dunares, deve ser envolver e xestionar de xeito integrado  eses ambientes?

Porén, para acadar unha conciencia do problema non abonda con desenvolver o interese científico polo tema xa que a sustentabilidade é unha cuestión eminentemente política. Porque o que realmente se xoga aquí é a propia realidade común e obxectiva, o que é un problema político principal xa que estanse a transformar os feitos en opinións….que ainda non sendo antagónicos, acaban reducindo todo a un sempiterno “paréceme que…”. Non é que haxa feitos con independencia das opinións e da interpretación senón que estes deben ser resgatados do simple acontecer (o que neste contexto é sinónimo de deixar facer o que a Demarcación de Costas decida con independencia do dito e do acordado con representantes lexítimos da cidadanía, un organismo estatal que á vista está que non se sinte obrigado a nada agás a cumprir coa política de buldozer). Porque do contrario o que acaba imperando é a única perspectiva dos feitos consumados ( a do monopolio do poder central se mide decotino pola natureza coactiva das súas actuacións), ainda que estes non teñan que ver cos sucesos orixinais, nen con un modelo decisorio coñecido nen coa evidencia científica dispoñibel. Aquí debruza, portanto, a importancia de que as autoridades competentes que sustentan o poder, xa que elas, a travésa das súas accións, determinarán o futuro da nosa costa. De feito, tense comprobado como nalgúns casos, a definición e a posata en práctica dunha política clara, ten permitido mellorar a xestión das ribeiras (OCDE 1995)

Por iso resulta tan insólito como frustrante que este goberno non lle planta cara a Eimil, que non reivindique o seu dereito a escribir a seu propio relato (non confundir co dereito a mudar o propio feito obxectivo). Hai dous anos, cando ainda non era concelleiro de Medio Ambiente, Camilo Casal, sumábase xunto a varios membros do actual executivo, á mobilización de Somos Cedeira a non repetir os mesmo erros, exixíndolle aos responsábeis de Demarcación de Costas un estudo integral da dinámica do sistema praia-ria de Cedeira que permitira verificar a complexidade, forma e escala do sistema dunar da Madalena (disponibilidade de area, distribución e medida do grao, a dinámica litoral do sector, as correntes da ria, as de resaca e as perpendiculares á praia, a distribución e velocidade do vento e a variabilidade na súa dirección (a diferenciación entre o comportamento das ondas invernais e as do verao), a cuberta vexetal e a as características do seu crecemento, a topografia e batimetria da contorna, a mudanza do clima e do nivel do mar, entre outras). Porén,  Casal chegou a pedir o retranque da duna nunha xuntaza. Esta agora en contra do que pediu? Cal era o obxectivo de crear unha Plataforma para acabar non facendo nada, institucionalizar o activismo social para inmbolizalo? Estase a valorar este alto custo o goberno de  Cedeira?

Precisamente, por ser complexo, como é posibel que agora sendo responsabel non lidere a oposición a que se sigan realizando movimentos mecánicos de áridos? (non falemos xa de mentar rexenaracións artificiais) se non se atenden esas características, nomeadamente en base ao coñecemento das correntes. Porque desde aquí, de brazo dado de Somos Cedeira, sempre se afirmou a súa complexidade,  fitábanse medidas prudentes, preventivas e paliativas (valorouse a eficiencia de trampas de interferencia eólica  retención de sedimento?), do que se derivou a urxencia de non repetir as mesmas e costosas intervencións mecánicas sen antes dispor de estudos integrais de funcionamento e de impacto ambiental.

A praia da Madalena xa dispón dun rexistro de intervencións de rexeneración por movimento de áridos do fondo da ría e deitado de entullo alleo   que teñen perxudicado notoriamente a medida do grao e natureza da area, ao que se sumou o movimento dos áridos sedimentados no alto da duna. A diverxencia de orixe de sedimento e a súa mestura supuxo unha alteración considerabel en canto as súas características naturais. Pedíase,porén, como primeiro paso imprescindibel, acometer  a peneira do material que se usou no recheo con medios axeitados. Atentendo aos valores naturais, ecolóxicos e paisaxísticos que ainda se atopan nesta praia, dada a súa vulnerabilidade e fraxilidade, non debería estar prohibido o paso de maquinaria pesada sobre a duna e sobre a praia sexan cales sexan as características e obxecto do seu paso? Porén, é o o propio organismos que debería establecer mecanismos de sancións destinadas a protexer o sistema praia quen  con total obscenidade estival remexe con maquinaria onde ante plantara vexetación seica para rexenerar e fixar. Ao cabo, que é o que queren para a praia? A duna achaiada?

Porque o que fica na retina é a arbitrariedade, os feitos consumados, a forza coactiva das máquinas a repetir o de cada verán e un goberno  galeguista de progreso que achanta.  Unha imaxe do poder despótico que sabe que non pode monopolizar os feitos mas teima no simulacro estival. Porque o devalo da praia e a ineficaz e gravosa política de drenaxe e movimento de áridos están alén de acordos e consensos. Eses son os feitos e ningún comunicado ou acción consumada servirá para fixar ditos feitos. Porque son feitos incómodos dunha teimosía irritante para quen detenda o poder. Porén, malia os simulacros de debate, actúase como se estivesen en posesión da verdade. Mas, non é o atributo do pensamento político atender a quen ten outros puntos de vista? Non é esa capacidade de representación e de siso, de atinxir o maior número posible perspectivas, o que nos permite xulgar? Debe ser unha ilusión óptica a imaxe das máquinas no alto do noiro. Como será unha miraxe froito  da calor intensa os episodios de contaminación. Esa verdade factual non é unha opinión máis. Porén,  a diferencia das máquinas, o debate de ideas é propositivo, non un imperativo. Por iso, perante a inoperante tragadeira do Concello e a agresiva e unilateral actuación da Demarcación de Costas que debemos facer, calar  ben caladiños e como en Lo Santos Inocentes , ” a mandar que para iso estamos”? Est

Con certeza, é imposibel superar en sectarismo e antigaleguismo o goberno dos populares, coa súa vontade desnaturalizadora e españolizadora que  foi esnaquizando a xenuidade confortabel da vila de brazo dado do urbanismo salvaxe e o ermo cultural. Mas non é tan dificil emular os mesmos modos cando o proceso recrentralizador do estado español, a incorporación  á globalización, a asunción das novas periferias sociais, a refuncionalización do espacio urbano en clave de mercado ou que reapropiación capitalista da diferencia se perciban como ineluctables. O desengano é considerábel se estas actuacións contribuen á desmobilización social. Porque xa non se trata só de pactar os orzamentos da vila, nen garantir que a recollida do lixo funcione. Non se trata de estabilidade administrativa e de facer equilibrios a tres bandas coas outras administracións segundo a súa cor. Trátase de proxectos de pobopois iso significa gobernar xuntos; unha forte complicidade para tirar adiante un proxecto partillado. Mesmo se perderon de vista aspectos esenciais como avanzar cara a remunicipalizacion ou alomenos encetar o seu debate .

Se ben é certo que como lembra Hannah Arendt, probabelmente ningunha época anterior tolerou tantas opinións diversas en asuntos varios, tamén o é que a verdade factual, se se opón ao gaño e ao beneficio inmediato, hogano é recibida cunha hostilidade mais grande ca nunca. Last but not least, da necesidade aritmética non se deriva virtude política, da opción que permitiu  arrombar ao PP do goberno non se deriva necesariamente un modelo cambio.

 

1 Comentario

  • Unha vez na Radio galega preguntaron á xente cal era a sua vista preferida ou cal era a vista que mais recordaban ou da que tiñan mais nostalxia…
    Eu pensei na vista que hai subindo pola estrada ata o Campo da Cruz. Cando xa ves Cedeira de lonxe.E nese mesmo momento chamou unha persoa a Radio Galega e dixo que a vista que mais o emocionaba era a entrada a Cedeira por Esteiro.
    Realmente é unha vista fermosa.
    O que pasa que cando miras para o urbanismo que se fixo pois caeche a alma os pes. Tes razón.

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
%d bloggers like this: