En plena II Guerra Mundial, o 1 de xuño de 1943 un avión DC-3, o “Ibis”, que dende Lisboa traía de volta a Inglaterra ao actor Leslie Howard, foi abatido por unha escuadra de combate da Luftwaffe alemá, conformada por Junkers-88, cando voaba xusto ao norte do amilladoiro de Teixedelo.

Formados por pedras que van deixando os romeiros, amoreadas á beira dos camiños,os amilladoiros testemuñan a orixe atávica dunha peregrinación que emerxe no mesolítico.
E o ritual sigue a repetirse, coma se o tivésemos gravado no xenoma da estirpe.
Abordo do Ibis ían 17 persoas, 13 pasaxeiros e os 4 membros da tripulación, holandesa, nun voo comercial que seguía unha ruta considerada como segura. Nos cantís apareceron restos do avión e das equipaxes, pero ningún dos corpos foi xamais atopado. O 18 de xullo do 2009 o Concello de Cedeira organizou unha homenaxe ao actor. A carón dunha gran rocha natural, unha placa recorda o dramático suceso.

Na dita placa lémbranse tamén aos demais finados nesa desfeita e aos que morreran noutros incidentes aéreos cerca de alí, en anos anteriores. Asisten familiares do actor e doutras das vítimas, membros da asociación The Royal Green Jackets, representantes das embaixadas británica e holandesa, da Deputación Provincial e da Xunta. En nome do Concello de Cedeira intervén o alcalde, X. L. Vergara.

A escasos metros de aí comeza a costa de Teixidelo, que baixa polo leste ao Santo André. A pé dos cantís máis altos da Europa Continental, nos confíns do Xeoparque do Cabo Ortegal, este icónico santuario da Galiza Máxica acolle unha romaxe de vivos e mortos que percorre o Noroeste cara a eternidade.

♦♦♦
“Ao Santo André de Teixido vai de morto quen non foi de vivo”, un código críptico da, quizais, romaría de máis raizame popular. Xa a finais do S. XIX, o internacionalmente recoñecido antropólogo Federico Maciñeira relacionara os ritos e lendas desta peregrinación coa metempsicose: Transmigración das ánimas a través da reencarnación.
Aqueles defuntos que non foran en vida terán que peregrinar reencarnados en especies inferiores, coma serpes ou lagartos, e é por iso que ningún camiñante poderá pisalas, porque son ánimas en pena á procura do mundo que abandonaron, enfrontadas á incerteza do regreso.
♦♦♦

Leslie Howard saltara á fama ao ser co- protagonista dunha das grandes películas da historia: “Foise co vento” (coñecida en castelán como “Lo que el viento se llevó“), na que interpretaba ao herdeiro aristócrata Ashley Wilkes, o amor secreto da protagonista Escarlata O´Hara (Vivien Leigh), filla dos propietarios dunha gran plantación no estado sureño de Georgia (EEUU).
Coma moitas outras figuras das artes e da cultura, na Segunda Guerra Mundial Howard apoiou aos Aliados: Dirixiu películas propagandísticas contra os nazis, fixo proclamas na radio, artigos, entrevistas… e enrolouse no SOE (Specialis Operations Group), un grupo de operacións especiais de espionaxe, montado polo primeiro ministro do Reino Unido, Winston Churchill, na loita contra Hitler. No 1943 asignóuselle a Leslei Howard a máis importante das súas misións: Negociar con Franco en nome de Churchill. Como tapadeira montan unhas conferencias sobre Hamlet, que impartiría no Instituto Británico de Madrid.

A actriz vasca Conchita Montenegro, coa que tivera un amorío, íalle facilitar o acceso ao “Generalísmo”: Ela estaba agora comprometida en casamento cun dirixente falanxista, o diplomático Gimenez- Arnau, embaixador na Santa Sé e colaborador directo de Ramón Serrano Suñer (“o Cuñadísimo”), superministro de Franco. O contido desta negociación, que fatidicamente sería a última misión de Howard, nunca foi revelado.
♦♦♦

Estivemos pola Capelada, unha tarde solleira do pasado agosto do 2023.Entre outras paradas paisaxísticas fixemos a de Teixidelo. Logo de rever a placa e comentar os sucesos subimos ao cruceiro, que ofrece espectaculares vistas dentro do espectáculo xeral deses abraiantes cantís oceánicos.

Ao volvermos, baixando as escaleiras do cruceiro, reparamos nun lagarto, fermoso, terso, dun escamudo e relucinte verdor, que sobre unhas pedras estarricábase coma se adrede quixese chamar a nosa atención. Ollábanos en fite. Eu tampouco deixei de miralo. Achegueime paseniño para non espantalo. Mais non fixo ademán de fuxir, permaneceu impasible. Se algunha mudanza lle notei foi na intensidade do seu ollar: Estábame lendo o pensamento! Eu líalle o seu.
Ti es a ánima de Leslie, non si?, pregunteille.
Son, respondeume. Non puiden vir en vida ao Santo André. E, dirixindo a mirada á placa, continuou: Ben sabes porqué. Así que estou agora facendo a romaxe.
Pensei se sería inoportuno e aínda indiscreto, pero non puiden resistirme e faleille sen melindres:
Hai bastante coincidencia entre os historiadores en que Churchill pedíalle a Franco manter a súa neutralidade e, a cambio, Inglaterra recoñecería o seu réxime cando a guerra mundial rematase.
A ánima replicoume:
Non me parece moi verosímil iso, xa que nesa altura Alemaña estaba gañando a guerra -ou iso crían- (o desembarco de Normandía, peza clave na evolución do conflito armado, aínda se produciría un ano despois).
E nun ton conciliador, como querendo gañar a miña complicidade, aínda engadiu:
Pois resulta que nesas, a España de Franco xa non era de facto neutral -mesmo se autoproclamase “non belixerante”-: Estaba do lado nazi coa División Azul, participando do cerco de Leningrado (unhas 650.000 persoas rusas morreron de fame e frío). Mais o certo foi que o 12 de outubro do 43, apenas catro meses despois de se reunir comigo nesa secreta negociación, Franco ordena a retirada da División Azul e cesa ao Cuñadísimo.
Decatándome de que o lagarto tiña ganas de leria, insistín no meu propósito:
Outra das hipóteses historiada é a de que se negociaba como manter intacta a colonia inglesa de Gibraltar, ou sexa, que España non invadira “o Peñón”, cousa que, efectivamente, non sucedeu.
A ánima volveu retrucar:
Pero, porque había o réxime fascista español de ter présa en invadir Gibraltar e entrar nun conflito armado co Reino Unido e toda a Commonwealth (Canadá, Australia, Su- dáfrica…) se pensaban que o seu, poñamos, seudo-aliado Hitler ía gañar a guerra e arrasar aos ingleses? Teríano despois, o Peñón, de balde!
Quen abre unha negociación pide e oferta, apresureime a dicir. E continuei cunha pregunta: Que podía ofrecer, daquela, Churchill a Franco?
O lagarto, xa quecido polo sol, arrimouse á sombra duns toxos:
Había pouco que España saíra da terrible guerra civil que o golpe de estado fascista provocara. Restos de unidades militares republicanas retiráronse a territorio francés para pórse a salvo e ver de reorganizarse. Tamén grupos de milicianos, guerrilleiros e “escapados” cruzaron os Perineos, así como moita poboación civil, sobre todo de Cataluña. Aproximadamente, medio millón de persoas.
E acrecentou de contado:
Cando a Alemaña invade e somete a Francia, a mor parte destes refuxiados españois incorpóranse á resistencia (maquis) que se movía clandestinamente, porén con relativa facilidade, na zoa sur (con capital Vichy), na que Hitler aceptara colocar un goberno monifate ao mando do mariscal Pétain.
Calei. Non se me ocorría como vencellar isto coa misión de Leslie. Así que, decatándose do meu atranco, o lagarto volveu ao conto:
No 1940, republicanos exiliados en Londres fundan a Alianza Democrática Española, apoiada e controlada polos servizos secretos británicos que a aproveitaron para tecer unha rede de espionaxe dentro de España, cun elevado número de colaboradores na clandestinidade.
Entón ensaiei outra da teses explicativas que tiveran unha relativa aceptación:
Outros analistas opinan que todo foi unha confusión, que un espía alemán en Lisboa confundiu ao contable de Leslie co propio Churchill, e que iso motivou o ataque. Nese caso, penso eu, os Junkers-88 que estaban angariados en Burdeos, esperarían a que o Ibis saíse dos ceos portugués e español, calculando o punto exacto para cometer o magnicidio.
Pero meu!, exclamou. E a ti paréceche que o primeiro ministro dunha potencia mundial, en plena guerra había viaxar nun avión comercial sen sistemas de defensa e, por riba, sen escolta aérea? Porque estamos falando do colosal Imperio Británico!
Trataba eu de conformar unha conxectura sobre os plans de Churchill para negociar con Franco. Esforceime por dicir algo con xeito:
Os poderosos servizos secretos británicos, MI5 -seguridade-, MI6 -intelixencia- etc…. tamén tiñan tecido na Francia outro dos múltiples tentáculos da súa rede de espionaxe, non si?
Co agocho e apoio dos servizos secretos ingleses, a participación na resistencia francesa rearmou moral e militarmente aos refuxiados republicanos españois, o que lles permitía soñar coa “Reconquista Democrática” de España.
Vas ben!–respondeume a ánima de Leslie-. Dende o sur da Francia, na rexión que podemos dicir “libre”, nos primeiros meses do 1943, a resistencia antifranquista comeza a constituír a “Junta Suprema de Unión Nacional” na que se pretendía integrar a todas as organizacións de esquerdas e a xente que, arrimada inicialmente ao “Alzamiento”, agora estaba descontenta co Réxime (algúns sectores católicos e monárquicos, rivais políticos e militares do ditador, empresarios con intereses nos países aliados…).
Colleu alento resoando, como se para unha ánima ou para un lagarto -que neste conto tanto vos ten-, estivese ben cumprida esta xeira:
Pero algo esgazou aí: entre os líderes xurde a discordia e, casualmente, acusan os uns aos outros, e os outros a os uns, de seren espías dos servizos de intelixencia anglosaxóns.
Entón vireime, ollando a inmensidade do Atlántico, intentando artellar unha interpelación definitiva, de maneira que a resposta necesaria obrigara ao esvaradío lagarto a desvendar o trato negociado por Leslie Howard. Mais non fun quen de formulala: O subconsciente tróuxome a lembranza daquel retrouso popular que se engadía en títulos de propiedade de leiras costeiras: “… e linda ao norte con Inglaterra, mar por medio”.
Tentaba imaxinar o Madrid daquel 1943, izado de espías de todas as colores. Se cadra foi por iso que utilizaran Portugal como vía de entrada e saída (aínda que sometida polo réxime ditatorial de corte fascista: o Estado-Novo, de Salazar, Portugal mantivo unha neutralidade efectiva).
Altos cargos franquistas colaboraban coa espionaxe nazi. Algún estivo presente na entrevista que mantiveran Howard e Franco? Probablemente. A Luftwaffe foi alertada. A mensaxe de resposta que Franco lle enviaba a Churchill non podería chegar ao seu destino. O atentado non debería ser en terra española nin portuguesa, nin nos seus ceos.
Indubidablemente, a actividade dos servizos secretos británicos non rematou nesta traxedia. Retomarían a negociación con outro espía, outra escusa e outro contacto… e outras garantías no novo encontro. Chegarían ou non ao mesmo acordo?
Os reflexos da luz sobre a crista da ondas traíanme furtivamente ao maxín restos da fuselaxe esnaquizada do avión, aboiando cara a Praia das Areas Negras. Un lixeiro vento mareiro bicoume na cara ao tempo que removeu os felgos e as puntas dos toxos espiñentos, creando un suave murmurio ás miñas costas. Revireime. Pero cando me volvín o lagarto xa non estaba. Pareceume verlle aínda o
bico do rabo emboscarse entre a vexetación, que se axitaba lixeira no aire que corría.
Os meus colegas viñeron de volta, de fisgar un chisco polas poucas casas do lugar de Teixidelo, que eu xa coñecía. Chamáronme, acenando para írmonos.
-Que fixeches aí todo este tempo?, preguntáronme.
Desconcertado, só puiden dicirlles que neste día, nos cumios do Cabo do Mundo, entre os toxos que se abaneaban coa brisa oceánica, o enigma de Leslie Howard… foise co vento.











