off
Cedeira, Política local — 12 Marzo, 2013 at 11:00 a.m.

A política social do PP chámase beneficencia

by

O sentido da lei, o sentido da equidade, o sentido cívico e o sentido do común  teñen no plano da participación politica a súa mellor versión se os cidadáns non se limitan a aceptalas pasivamente, senón que participan activamente no seu establecimento. Estamos a falar da idea dunha sociedade civil que ten aquí o seu punto de partida.

Nos últimos meses vimos asistindo ao progresivo emagrecimento dos servizos sociosanitarios cando máis se están a precisar. Hoxe mesmo acordamos coa notícia de que o Concello de Cedeira, gobernado polo popular Leopoldo Rubido, proxecta a criazón  dunha organización benéfica que acho deturpa o pacto social ao revertir os servizos sociais cara o asistencialismo próprio da antiga beneficencia.  Sabido é que partimos dunha situación previa de desprotección e de  insuficiencia do gasto público social por baixo do nivel de riqueza económica de Galiza e do Estado español, que o Partido Popular está a agravar aplicando certas políticas sociais que están a derivar a camadas inxentes de poboación cara a subsistencia en vez de alargar os espazos de participación e de emponderamento das persoas. Para iso tamén sirven as crises. A crise non o xustifica todo e menos deturpar, pola porta de atrás, o estado social de dereito.

Así, mentres son cómplices das políticas neoliberais do seu partido en Compostela e Madrid e  se gaban do superavit  a costa de  ir minando a base dos servizos sociais con redución e recortes en gasto público, pretenden por outra banda, nunha acción de maquillaxe,  suplantalo por accións benéficas de caracter caritativo que nos levan ao século XIX.

E senón, por qué tanta presa  en xustificarse dicindo que non é beneficencia?  Por tanto, tratándose da administración pública, tendo nas súas mans a posibilidade de desenvolver políticas sociais redistribuidoras por que teiman en desenvolveren a fórmula dunha fundación con fins sociais? Están a rachar o pacto social e o dereito público en materia social e sábeno ben: en Cedeira, Compostela e en Madrid. De aí  premura en se defenderen dicindo que non é beneficencia.

Por qué o goberno do PP renuncia a facer política social dende o consistorio á vista da oposición e da cidadanía toda  reforzando a autonomía do tecido asociativo? Non é acaso beneficencia renunciar á socioeconomía en favor dun sistema indirecto de captación de recursos que seica  vai ter fondos propios  que “no van a depender exclusivamente de la voluntad de nadie” (sic)?. Se a súa xestión non ha depender da vontade de ninguén significa que dependerá da vontade de un, por outras palabras, terá na arbitrariedade discrecional  o seu modus operandi  impoñendo o goberno do PP os seus representantes de confianza?. Cal será o seu grau de autonomía?  Poderán participar as persoas na adopción de decisións que afectan ao seu benestar?. A que quedará reducida a responsabilidade pública e o dereito social como veículo da igualdade material?É esta a idea que teñen de progreso adecuado?

Qué lles impide canalizar xa as taxas de ocupación da vía pública (terrazas, feirón,etc) cara  política social sen necesidade de argallar un novo organismo paralelo aos Servizos Sociais do propio concello, ao que terán que fornecer dunha asignación orzamentaria suplementar e esperar logo polos “donativos dos veciños”. Faltoulles dicir que tamén proxectan unha tómbola nas festas da Patrona para financiar esta ocorrencia. Non é isto beneficiencia? A administración pública non é unha asociación, unha ONG,  nen un sindicato. A administración local é Estado soerguido cos impostos que pagamos os cidadáns, e correspóndelle á administración achegar recursos á cidadanía cando  ésta precisa sanidade, renda básica ou educación. Disque queren tirar adiante atraveso da Fundación Social Cedeiresa un xeriátrico público e  “mini” residencias universitarias en Compostela e na Coruña co obxectivo  de ofrecerllos aos estudiantes cedeireses con menos recursos, conceder subvencións, pagar facturas de alugueiro,etc. Pagamos impostos para iso? Unha cousa son as residencias e as bolsas públicas de estudo e cousa moi distinta é arranxar espazos esmola que atentan contra a dignidade. É esta a millor fórmula? Non é unha mesquindade enlearse nun novo organismo ao que teñen que encher de contido cando xa teñen aberto o espazo de acción de Servizos sociais e o tecido asociativo? Para que precisan unha fundación se o que queren é tirar adiante un xeriátrico público? Non será que o que pretenden é recuar ao modelo do 73, cando a crise do petróleo: residencias de caridade, residencias de estudiantes especiais…cobertura social para quen traballa e beneficiencia “pública” para quen non. Que caste de cidadanía amordazada están a promover sob a lóxica da caridade? Como din Zizek-Wilde, a beneficencia degrada e desmoraliza; alicérzase na reproducción das disparidades socioeconómicas que as políticas neoliberaiss están a reproducir coa connivencia activa da administración.

En paralelo aos servizos sociais e ás políticas sociais soerguidas en base ao dereito público desenvolvido os últimos anos estamos a asistir á paseniña inoculación dunha visión paliativa e de parcheo acubillado no nesgo moralizador das fundacións.  Mais un concello non é unha asociación benéfica privada e os servizos sociais son máis do que asistencialismo e esmola, non-si? Os servizos sociais desenvolven  dereitos e operan de xeito integral, holístico, tentando atallar o estigma no canto de  reproducilo e no marco dunha política social abranxente e global  ( análise de situación, relacións con outros servizos (eduación vivenda, sanitario,etc).

Por outra banda, informa o DF que pensan canalizar o superávit de 586.000 euros de 2012 a fins sociais sen aclara nada e deitando dúbidas sobre  a viabilidade legal de adicar eses cartos a investimento e non a amortizar débeda, é dicir, ainda non o saben ou xa o saben e por iso teiman en tirar adiante o modelo de fundación benéfica, fórmula asistencialista que tamén serve de sistema de control social que estigmatiza  na formas de compensación das carencias e que o PP percibe como unha oportunidade de revertir dereitos sociais.

Slavoj Zizek – Da Tragédia à Farsa

 

Se as lendas non apareceren automaticamente, clica no icono que aparece na barra inferior da moldura da tela do Youtube. Isto só funciona co vídeo en execución.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off