off
Cedeira, Política local, Urbanismo — 19 Xaneiro, 2013 at 9:44 a.m.

De reis, peóns e sumidoiros

by

O adanismo é a cualidade daqueles que queren reinventar a roda ou dos que renuncian a toda a herdanza recebida dende o convencimento de que o seu  é mellor co recibido. Seu é o paraíso. O adanismo de Leopoldo Rubido e cia  é  unha síndrome ou afección esteticista que cursa con períodos agudos que  lle provocan amnesia e  renuncia de si mesmo, quer dicer, de toda a súa traxectoria política. Vén ser o mesmo que dicir que na desfeita urbanística que chamamos Cedeira non ten responsabilidade nengunha.

«Intentamos que el vehículo se aparque y desplace por Cedeira con comodidad, pero no con velocidad, y que el peón sea el rey urbano”  (Luís Rubido, portavoz do Goberno local do PP)

Mais non é o único, que hai moita amnesia por aí ceiba. E nisto de facer o espazo máis habitabel todos temos responsabilidades. Visto o panorama actual da oposición e como  a socioloxía cedeiresa é a que é – ao cabo, as progresivas maiorías absolutas da dereita viñeron refrendar o urbanismo que hoxe temos-  semella ter chegado o tempo da política pragmática. A dos experimentos con gaseosa na casa:  agora trátase de reconquistar a rúa, de gañar espazo para todo e ademáis,  atentos, o peón sigue siendo el rei….Quen o ía saber se até o de agora ía espido atrapallando tráfico !. Non sen tempo,  o  Goberno do PP quer destinar 108.101 euros  para eliminar degraus,  sinalizar ruas e reorganizar o tráfico. Tarde piaches!

De súpeto, todos preocupados polos accesos, as prestacións sociais e o saneamento . Hai ben pouco, o pasado verán, a revista Olláparo amosaba fotos dos verquidos incontrolados de sumidoiros ao Condomiñas e as  bolachas de chapapote que inzaban todo o areal da Magdalena. E ninguén se deu por aludido. Ninguén, nen goberno nen oposición.  Curiosamente, hai vintecinco anos,  cando Vergara andaba noutras cousas, tamén  Olláparo (agora lén a mente, disque) xa avisara dos excesos dun urbanismo do deixar facer,  dos riscos e tañeiras que ían limitar o desenvolvimento futuro. Miñas donas, meus señores, isto élles o futuro. O puro presente.

Sería bó que da lexítima confrontación e do labor de oposición se derivara un debate intelixente con argumentos que vaian alén do populismo e da demagoxia.  Todo resulta demasiado elemental. Se ambos e dous teñen tan claro o que hai que facer, supoño que estas palabras lles soarán a mala fé nacionalista.  Porén,  mesmo en medio de tantas contradiccións, non poucas persoais, non perde o seu valor salientar, denunciar e combater o que é improcedente ou inxusto. Ao portavoz socialista non lle  parece acaído agora arranxar accesos públicos, mália denunciar hai pouco a súa compañeira de partido Emila Durán  que ningún edificio de Cedeira é accesibel para persoas con problemas de mobilidade.   Ao parecer, a Vergara xa lle parece ben que os peóns vaian polo medio da rúa – se xa están afeitos !  – porque segundo él non se poden facer investimentos en obras cando están baixando as prestacións sociais.  Zapatero, o seu compañeiro de partido, non pensaba o mesmo xa que no 2008  fixo todo o contrario cos 8000 millóns para obra municipal urxente e criazón de emprego.

Que Cedeira precise  dunha infraestructura de saneamento axeitada non é menos importante que facer accesibles as rúas, como ben saben as persoas con problemas de mobilidade.Temos un alto índice de  fraxilización na poboación adulta.  Cómpre ter ben presente que prácticamete a totalidade dos concellos galegos padecen un progresivo envellecemento e perda de actividade, con todas as consecuencias sociais, económicas, culturais e territoriais que iso supón.   Poderemos non estar de acordo nos medios e na xustificación, mais o obxectivo ben pode ser desexabel. Deberían saber que a  política social é máis do que recibir unha prestación económica – que no caso do estado español están ao límite da beneficiencia. A infraestructura que facilita a mobilidade da poboación tamén é un indicador de calidade de vida. Tanto o modelo urbanístico como o de mobilidade orixinal, alicerzados no uso do veículo privado, xerou e condicionou de forma negativa a calidade de vida dos cidadáns.  Xa que logo, garantir a accesibilidade dos colectivos máis febles e fraxilizados é política social porque é un indicador social de calidade de vida.

A máis do obxectivo da accesibilidade, sería unha oportunidade  para desenvolver un plano de ocupación local para a realización de actuacións de caracter temporal e de interés xeral e social   sempre que  o Concello faga da obra pública unha oportunidade para exixirlle á empresa concesionaria no prego de condicións a de contractar profesionais de Cedeira  e  sempre que teña domicilio social no noso eido e desenvolva a súa actividade no ámbito territorial de Ferrolterra e Ortegal.

Hogano, Cedeira non ten masa crítica de poboación e actividade económica e laboral como para xerar e consolidar  un mercado de traballo propio. A administración debe  facilitalo dun xeito sustentábel.

Non é o mesmo repintar o Palacete  que corrixir barreiras urbanísticas. Non se pode denunciar que os edificios públicos non teñen accesos axeitados a persoas con problemas de mobilidade, e ao tempo desbotar a correción de atrancos á mobilidade  xeral no espazo público por excelencia, na rúa.

A cadelo fraco, todo son pulgas: proceso acelerado de urbanización, déficit infraestructurais (saneamento), desequilibrios territoriais, desbalde de recursos e impactos negativos sobre o medio, crise da sociedade rural e mariñeira, sobreexplotación e degradación de recursos naturais,  fragmentación dos connectores ecolóxicos, envellecemento da poboación, etc. 

Eis outra forma de adanismo, o non dubidar. Nen dubidaban antes ao darlle pulo á desfeita urbanística, nen dubidan agora  para proclamar rei ao John Doe (o Xan Ninguén, de Capra). E non se trata de silencialo, senón da necesidade de loitar contra o que non é correcto, nen axeitado, nen bó, por moi aseado que se apresente dende outros puntos de vista.

Claró é que a réplica de Rubido é para ficar marabillado, un  retrouso que sempre vai dar ao mesmo rio do grotesco:  «facéndoo apetecible para o inversor que queira comprar un piso ou gastar na hostelería».  Termos un urbanismo sustentabel, respetuoso coas persoas dependentes, que redunde na calidade de vida dos cedeirenses, non é un argumento de peso. O caso é que sirva para vender pisos.  Semella un promotor inmobiliario.

 

Para cando un pacto para a promoción económica, a ocupación e a cohesión social na vila de Cedeira? 

 

2 Comments

  1. Concordo ao 100%

  2. xesus anxo lópez pintos

    Moi bó artigo Gabriel.Que collan nota.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off