off
Arquitectura, Cedeira — 10 Decembro, 2012 at 8:53 p.m.

Centrados en tí: nengún edificio público de Cedeira é accesibel

by

Cómo nos situamos perante as discapacidades? Qué grau de conciencia e solidariedade amosan as institucións públicas? E os cidadáns?  O crecimento urbanístico de Cedeira  fíxose  de costas á cidadanía, o que veu agravar o libre desprazamento das persoas con  dificultades físicas. Está o Concello de Cedeira a cumprir a normativa de accesibilidade?

Dona Emilia, que foi mestra de noso nos escolares vellos e   hoxe concelleira  do PSG-PSOE, vén de amosarmos a todos  e  tamén aos seus compañeiros de partido – que formaron parte da corporación de goberno na anterior lexislatura-  as dificultades e atrancos que teñen que defrontar as persoas con algunha  discapacidade para subiren unha beirarrúa, acceder aos servizos públicos ou exercer a súa responsabilidade como concelleira.

Sabido é que o edificio do Concello de Cedeira naceu eivado, contraído, en moitos aspectos deseñado á toa e noutros con plena conciencia do coste social que se afrontaba, sendo un edificio de nova planta que nascía sen as condicións de accesibilidade elementais que se lle presupón deve ter un servizo público. Había un dilema e optouse por unha arquitectura restauradora e rehabilitadora a costa da supresión de barreiras arquitectónicas, asumiuse o elevado prezo social asociado a facer un de nova planta coas restriccións próprias dun edificio vello.  Na altura , estas eivas foron denunciadas pola oposición nacionalista de esquerdas ao evidenciarse a  falta  de sensibilidade social  do proxecto – onde primou máis certa concepción estética do político que a ética da inserción e a solidariedade –  ao non contar con mecanismos de acceso para persoas con algunha discapacidade e os medios técnicos que se precisan para superalos,  e houbo de acadar acta de concelleira unha persoa con discapacidade física para reaccionarmos.

Había un dilema e optouse por unha arquitectura restauradora e rehabilitadora a costa da supresión de barreiras arquitectónicas, asumiuse o elevado prezo social asociado a facer un de nova planta coas restriccións próprias dun edificio vello.

Ao noso ver, a raíz da cuestión é independente e previa se callar a consideracións de tipo económico ou político, por iso cómpre poñer de relevo que hai unha delimitación ética da cuestión, unha ética das responsabilidades que nos preveña do continuo simulacro, do “como si”  e do sentido pequenoburgués da compaixón. Mália termos un certo desenvolvemento normativo autonómico sobre barreiras arquitectónicas, urbanísticas e de transporte hai moito por facer no plano das responsabilidades e do recoñecemento do outro para alén das retóricas , da decencia e dos aspectos legais. Nestre intre semella evidente unha vontade dos poderes públicos por solucionar algúns aspectos do problema, por outra banda, os feitos desminten a preocupación. Non semella existir vontade de sistematizar estas intervencións en rúas, prazas e edificios públicos e privados. E tamén non se actúa dende a formación dunha sensibilidade social do problema. Eis o cerne da cuestión: non refugar ao minusválido como unha parte non útil do tecido social. A normativa legal é nídia e non sería dificil aplicalo aos edificios de nova planta. O caso do Concello de Cedeira é un arranxo, unha corrección que se viña vir dende as orixes e dada a própria esencia do edificio, ten solucións pouco aceptables. As insuficientes condicións do prédio reflíctense  na estreiteza do elevador instalado pola anterior corporación que a obrigou  a mudar de cadeira de rodas.

Outro caso grave é a  Biblioteca, pois trátase dun servizo público fundamental que, após trinta anos, sigue sen dar un paso adiante na igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade e  de colectivos con necesidades especiais (por non falarmos da falta de recursos tecnolóxicos  que faciliten o acceso libre e aberto á sociedade da información).

 

«Ningún edificio público de Cedeira é  accesibel, agás o auditorio municipal; nen a biblioteca, nen o Palacete que é usado para exposicións, nen a aula de informática  ( que seica irá parar á biblioteca), nen a oficina de Correos”, afirmou Emilia Durán.

 

Pouco ou nada se ten falado das barreiras arquitectónicas. De feito, o desaforado crecimento urbanístico de Cedeira é todo el unha morea de atrancos,  mesmo para as persoas  sen problemas de mobilidade. Cómpre non claudicar e albiscar novos horizontes alén a simples lexislación,  traballando en dotarnos dun maior sentido de solidariedade entre todos os cidadáns. Dona Emilia é exemplo a seguir.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off