off
Cedeira, Mar e Pesca — 9 Outubro, 2020 at 10:34 a.m.

Mares de Cedeira apoia a investigación dos restos dun buque afundido na costa de Cedeira en 1709

by

O navío de aviso “San Juan Bautista” buscaba refuxio da piratería e do temporal cando deu coas rochas e tivo que ser socorrido polas xentes da vila

[Pingota Comunicación]. A comisión de seguimento do Museo Mares, integrada polo Concello, a Confraría de Pescadores e a Asociación Mares de Cedeira, acordou recentemente darlle o seu apoio ao proxecto presentado polo grupo de investigación Áncora para localizar e recuperar os restos da fragata-correo “San Juan Bautista”, que naufragou no ano 1709 na boca da ría cando procuraba acubillo no porto local fuxindo da piratería.

A técnica Lucía Brage explica que o naufraxio do “San Juan Bautista” é un capítulo inédito e moi interesante tanto polo propio pecio como polas circunstancias nas que se produciu. Era un dos primeiros navíos “de aviso”, chamados así por ser barcos pequenos e rápidos, construídos para facer chegar o correo desde as Indias ata España. O buque procedía do Virreinato do Perú e é excepcional que navegara por estas costas, porque habitualmente estes barcos dirixíanse a Sevilla ou os portos do sur. Coñecemos detalles do naufraxio grazas ao procedemento que lle abriron ao capitán, o vasco Francisco Sorarte, pola perda do correo da Coroa. Naquel expediente consta que o barco fuxía dos piratas e trataba de entrar na ría de Cedeira no medio dun forte temporal que terminou por levalo contra as rochas nunha zona situada entre Pedras Brancas e a pena denominada Con Cagado. As xentes de Cedeira saíron socorrer a tripulación e conseguiron, de feito, salvar a todos os homes salvo un, así como gran parte da carga, que no medio da tormenta puxeron a salvo na capela de San Antonio. O arqueólogo Davir Fernández Abella é o director do equipo Áncora, no que están tamén buzos profesionais e restauradores.

 

O seu obxectivo fundamental é localizar o lugar no que se afundiu o “San Juan Bautista” e non tanto dar cos restos completos do navío ou recuperar algunha das súas pezas. A previsión é realizar a campaña de inmersións na próxima primavera.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off