off
Galiza, Movementos sociais, Opinião, Política — 28 Novembro, 2019 at 7:45 a.m.

Fictio iuris (I): ou como criminalizar os movimentos sociais e a protesta sen que o pareza

by

Escribo estas liñas cando xa é coñecida a sentenza do xulgamento de Suso Pintos, sindicalista reformado, ex-responsabel comarcal da CIG. A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña presidida polo maxistrado Miguel Ángel Filgueira condenouno a seis meses de prisión  “por agredir un axente da Policía Nacional durante unha protesta diante dun hotel de Ferrol no que o PP realizaba un acto de campaña electoral” en outubro de 2012. Nunha sentenza  emitida no tempo record dunha semana (cando adoitan demorar non menos de 15 dias), o tribunal considerouno culpábel dun delito “de atentado contra axente da autoridade”, concorrendo a agravante de reincidencia e a atenuante de dilacións indebidas. Alén diso, a Audiencia impúxolle o pago de 840 euros ao policial, que ficou absolto das faltas de coaccións e lesións que lle imputaban. Respecto ao funcionario do 091, os maxistrados decretaron a súa absolución dos delitos de tortura, contra a integridade moral e lesións polos que era acusado.

Segundo o relato da  sentenza, cando se produciu un enfrontamento entre manifestantes e os axentes que formaban parte do cordón policial, o acusado “agarrou cunha man a un dos policías da camisa e, coa outra, golpeouno varias veces no casco”. No suceso, porén, foi Pintos quen “sufríu unha ferida  inciso contusa de 1,5 cm na rexión frontoparietal esquerda, así como un doloroso inchazo e hematoma na articulación interfalánxica proximal do segundo dedo da man dereita. O policía sufriu unha contusión no pulso esquerdo e tendinite. Estivo incapacitado para a súa actividade durante catorce días e recibiu asistencia médica, como catro compañeiros. Outros manifestantes, en número non especificado, tamén sufriron ferimentos”.

Non son xurista mas ben poden tirarse algunhas reflexións e amostrar tendencias que se repiten nesta sentenza e outras durante os últimos anos. Portanto, non se pode minimizar a sentenza de seis meses de prisión para o sindicalista (que xa fora obrigado  a presentarse diante das autoridades xudiciais cada quinze dias desde outubro de 2012 a xuño de 2013) nen a absolución sen mácula nen trazo de reproche para o policial do 091 polo acontecido na comisaria no contexto local, nacional e estatal no que se producen e porque, por moito que a “pura aplicación do dereito penal” sexa absolutamente esencial  para a procura da “conclusión máis racional”, é evidente que o tono do texto rebaixa as apelacións de Pintos, que acaban convertidas en referencia lateral que “podrá decirse, claro, pero sólo llenando de humo la realidad”. Para completar o cadro a  “aplicación de atenuante de dilacións indebidas”:  figura do Código Penal español  en previsión dos atrasos prolongados que sofren as causas durante a instrución (que en dereito penal chaman de «pena da banqueta» porque mesmo con base legal insuficiente acaba tendo un valor estigmatizante representando o «banco» dos reos no xuizo) debuxa un plano de verticalidade e rixidez e no que, a diferencia de moitos paises da contorna, a presenza da poboación na xustiza por medio de sistemas de xurado ou escabinado é serodio e puro testemuño. Dacordo co Código Penal, nos casos nos que a pena privativa de liberdade non sexa superior a dous anos a persoas sen antecedentes penais, entre outros requisitos, pode quedar en suspenso durante un periodo que fixa o xulgado, entre dous e cinco anos. O que implica que  durante ese período de tempo a persoa non entra na prisión. Pasado este tempo, e se a persoa non foi condenada de novo, a punición considérase extinguida.

Hai que pór en destaque o virulento impudor co que o Tribunal aborda, como reflexo de certas liñas sociais e políticas dominantes na interpretación do Código Penal español máis canónico, as manifestacións reivindicativas na rúa (“llenar de humo la realidad”) e a paseniña deshumanización dos manifestantes en liña coa a continua difusión de imaxes de altercados en manifestacións do momento sen mencionar nen sequera o motivo da protesta ou facelo para descualificala  e mesmo o intento de facelas invisibles sob alguna tipificación xudiciaria. E, por outra banda, revela a falta de investigacións internas e das sancións e a ausencia de mecanismos independentes de seguimento, xerando unha forte sensación de impunidade para as forzas policiais que permiten xerar situacións graves de maus-tratos. Porque é mais do que preocupante que un contexto de criminalización do protesto estexa sendo configurado protexido por medidas lexislativas  como a Lei de Seguranza Cidadá e a reforma do Código Penal. Non é trivial que durante o período 2011-2015 houber numerosas reformas legais que transformaron o marco legal estatal, o que xerou un marco lexislativo que non respecta os tratados e convencións de dereitos humanos que son de obrigado cumprimento polo estado español. Porque o xuizo a Pintos non é isolado. Non hai que ser sindicalista nen soberanista.  Só precisas ter ollos para ler a sentenza e non apenas achar que as pantallas resumen o todo do acontecido, o diferente tratamento da secuencia dos feitos na imprensa e algunhas neuronas capaces de extraer as consecuencias máis elementais do acontecido no pais e nesta comarca desde hai anos. Nen a sentenza nos tornará máis inxenuos: sabemos, de brazo dado dos “Grundrisse” de Karl Marx (1858), que conceptos como “xustiza” ou “lei” son simples “formas de conciencia” que corresponden aos intereses das clases dominantes nun momento dado, e que, polo tanto, están basicamente ao servizo de manter e preservar o status quo. Non precisa a sentenza tirar do pleonasmo de que o árbitro é o “marco constitucional vixente nesta sociedade”. O poder constituinte é unha vontade existente, portanto, real, un feito político e unha praxis do poder e da decisión e non unha entelequia teórica ou xurídica. O que resulta cuestionabel é derivar dele de xeito omnímodo o exercicio dos dereitos fundamentais ou recrearse en afirmar vacuidades como  que o dereito  “acaba, dicho ejercicio, efectivamente cuando empieza el de los otros”. A Constitución non crea  da nada os dereitos fundamentais: porque do feito político deriva o dereito constitucional, e non ao revés, así como os fundamentais non son outra cousa que a positivización dos dereitos humanos (aqueles que se derivan de demandas morais relacionadas coa autonomía, a inviolabilidade e a dignidade de todas as persoas). Acho que un xurista no canto de ser atrapado por un punto de vista reduccionista e “positivista” do dereito ou que sofra do grave erro de confundir “a lei” coa Constitución, debería na miña humilde opinion enxergala como un exercicio de recta razón e recoñecer de xeito honesto e imparcial que estamos ante unha situación xurídica profundamente anómala, que impide a aplicación normal do Código Penal coma se non pasase nada nas empresas, nas fábricas e na rúa (ou coma se todo fose un simple problema de “atentado á autoridade”). Porque, para ben ou para mal, non temos grandes poblemas de seguridade cidadá e o comportamento social é exemplar apesar da crise económica profunda.

Os feitos xulgados aconteceran a comezo das eleccións autonómicas nun Ferrol depauperado no que responsabeis políticos teiman en prometer o que logo incumpren sistemáticamente. Dende que o goberno de Rodriguez Zapatero(PSOE) anunciaba durísimos cortes impostos pola ortodoxia económica da Unión Europea nun intento de reequilibrar as contas públicas, a situación non deixa de ir a pior, con quedas do PIB continuadas, un incremento ruin do desemprego, a reforma constitucional de 2011 e a nova quenda de cortes impulsados polo Goberno de Mariano Rajoy (PP) a partires de 2012. Como adoita acontecer nas crises económicas duras e prolongadas, e ainda máis se dan continuidade a periodos de aparentes vacas gordas, a situación amostrou a existencia de problemas doutra fasquía, moitos deles coagulados e que persisten ou agravaran, alén dos estritamente económicos: corrupcion xeralizada, parálise das institucións e incapacidade reformista, rixidez gremial e corporativa que esclerotizan a a economía produtiva, incapacidade  e insuficiencia do vínculo social e da xustiza para protexer aos máis desfavorecidos (cortes en políticas sociais, violencia de xénero, acoso a emigrantes e refuxiados, desafiuzamentos,…).

Ben, segundo Filgueira Bouza, as declaracións de Suso Pintos (entrevista do Sermos Galiza, 26 xuño 2015)  “quedan desvirtuadas polos elementos de proba máis obxectivos”. A sentenza só tivo en consideración alguns partes médicos de urxencia sen ter en conta a acaída valorización ao vivo da xornalista Nativel Preciado o 18 de outubro de  2012 no  programa de La Sexta  “Al Rojo Vivo” en que se entrevistaba a Suso Pintos e no que o sindicalista relata o dano moral causado durante as 15 horas nas que permaneceu incomunicado, agrilloado tres horas e ameazado e mallado por un dos policiais nunha zona sen cámaras “encanto seus colegas o aplaudian”. Na sentenza sorprende a rixidez amosada por un maxistrado titular do Xulgado de Violencia sobre a muller, a quen non lle debe resultar descoñecido que en calquera situación de abuso e maltrato hai violència moral e emocional, mesmo se a violencia física non deixa sinais evidentes. Ben ao contrario, o texto non se arreda de adubiar o seu argumentario probatorio con analoxías caricaturizantes como a do “boxeador” ( que segundo o ponente seica non é quen de precisar con cal das maus o derrubou o adversario) para semear a dúbida no depoimento de López Pintos sobre a enxurrada de golpes recibidos. É importante non o tomar á lixeira: cando no contexto dunha manifestación social na rúa o sindicalista é convertido en “puxil”, embora sexa feito indiretamente, abonda para determinar  que quen se manifiesta ben pode encaixar e, ao cabo, contra quen vale todo ( “o te pones bien o te reviento la cabeza, o te pones bien o te rompo el brazo”).

A inoculación dunha poderosa capa de suspeita indiscriminada, como ben asinalaba Victor Klemperer, “poden axir como doses ínfimas de arsénico”. Palabras que engolimos sen percerber, ainda que parezan non ter efeito, despois dun tempo acaban producindo o efeito tóxico. Lembra o filólogo Klemperer como as palabras isoladas, as expresións e formas sintácticas entrefebradas no discurso  consiguen  impor  un marco mental de percepción. Tratándose dunha sentenza,  non precisa tanto da forza da reiteración de palabras porque xa ven investida pola forza de lei, mas os índices de frecuencia non deixan de seren marcos e indicadores da cartografía de feitos a xuízo. Imos apañando unha acumulación de expresións e reprimendas que acaban tornándose en pormenores: 21 veces aparece a palabra  “atentado” [contra autoridade]  por 4  “delitos de tortura, contra a integridade moral e lesións” [na comisaría]. Esa disparidade de frecuencia é relevante xa que o argumentario da sentenza afánase en deixar claro que ” se acusa a López Pintos sólo por un delito de atentado a un agente de la autoridad, por un hecho muy  concreto” e  non polo “afán por estigmatizar determinado sindicato. Si hubiera existido, ese ánimo, muy sencillo hubiera sido ver a otros intervinientes en la protesta, especialmente de la CIG, fácilmente identificables a partir de las grabaciones, sentados en el juicio como acusados, por todos esos delitos más graves”.

Mas como é que realmente procede a policia fronte a mobilizacións sociais na rúa?  David Piqué i Batallé, comisario xeral dos Mossos d’Esquadra en 2009 no proxecto de Máster en Políticas de Seguridade Pública (UOC) intitulado “Síndrome de Sherwood”, ofrece  todo un manual de vulneración de dereitos fundamentais ao que non deben ser alleos os policiais xa que está disponibel para calquera persoa na internet:

“Aínda que a concentración ou manifestación, da que estamos a falar, non se espera que sexa bastante violenta, pode provocarse un pouco, con detencións pouco xustificadas e nada pacífico uns días antes para quentar o ambiente. Tamén pode facer “ataques” preventivos a lugares onde a xente adoita estar preto da ideoloxía dos convocantes coa escusa de buscar drogas ou o que sexa necesario.(páx. 28-29 ) A consecuencia previsible destes comportamentos previos e o deseño do dispositivo policial é que rematará cunha “batalla campal”. A “redada” será especialmente mal feita e humillante para acender o estado de ánimo, se é necesario.Ademais da estratexia previa á acción policial, adíase deliberadamente até que os danos producidos sexan socialmente inaceptables. É entón cando se producen cargas policiais que en ningún momento queren ser disuasorias, non se agacha. Neste estadio, os manifestantes atacan á policía con todo o que teñen e deixalles axir, realmente están defendéndose, mas non o parece”[…]Débese procurar a detención selectiva de líderes para acusarlles de delitos comúns e evitar a condición de “martir”.

Segundo cita a sentenza como fundamento de dereito “o STS 580/2014, de 21 de julio, asinala que a figura do  atentado, 550 do Código Penal, atinxe tanto a investida ou a forza canto a resistencia activa, tamén grave, contra a autoridade ou seus axentes no exercício das funcións de sua posición ou por ocasion delas”. Ao noso xuizo, cinguirse á letra deste fundamento só serve para acrescentar tensión, no que sen dúbida é un manifesto fracaso de normas que deberian ser capaces de articular a convivencia axudando a resolver conflitos, non exacerbándoos. Permitindo que non haxa máis instancia de xuizo que ele próprio. Velaí de novo  un tipo de operación que tende a xerar efectos psicolóxicos masivos en vez de simplemente buscar protexer e restaurar o orde público. Nesta manifestación sindical, na que participaron as principais centrais e perto de 400 persoas, levouse a cabo un sistema de disolución que podemos enmarcar no paradigma acima descrito, un padrón común que non é outro que a falta de control efectivo interno e externo das actuacións policiais, foran  ou non conceptualizadas como cargas antidisturbios xa que en todo caso tiñan cascos, defensas regulamentarias e escudos. E se non había efectivos suficientes para garantir o dereito de manifestación, non parece ser a mellor estratexia de contención e apaciguamento.Todo sinala cara o recurso da forza intensificada e sen tolerancia a mobilización na rúa, sen interese nengún pola xestión negociada que se caracteriza polo exercicio prioritario de dereitos e garantías, tolerancia á mobilización social e un uso elevado da comunicación. Porén, neste caso, prevaleu a incapacitación extratéxica, con nula tolerancia á comunicación e á mobilización, interpretada como desorden e uso da forza selectiva ( Blay, Ester. «El control policial de las protestas en España». InDret, Revista para el análisis del derecho, 2013, núm. 4).

Ben, o xuiz vé apenas a versión dos axentes plausíbel. Mas a cuestión que permanece no modo de espera é que, conforme descrito na sentenza “non tiñan a pretensión de deter nen medios ao seu dispor para iso fixeran a [detención] de López Pintos,  porque seica non tiveran escolla [porque]  non daban para mais, chegaballes con termar da xente”, sendo así como é que focalizaron a súa acción, apesar da aparente falta de recursos, na detención deste sindicalista e, unha vez reducido, agrilloado e preso, por qué non houbo máis detencións? O que causa pasmo é que o texto resuma con trazo groso alguns pormenores relevantes e obvie outros, poñendo en destaque que un reporteiro, “del que no se puede decir que sea hostil a los manifestantes, explica algo de interés. Accedió al interior del corro incluso separando a los agentes, quienes no se lo impidieron, tampoco realizar su labor” Máudia leva! Facer da necesidade (liberdade de prensa) virtude para despois dubidar da imparcialidade da súa declaración.

Con pluma imprudente, o texto  vai inoculando reprimendas mais ou menos veladas canto explícitas de que “a defesa de Pintos tamén exerce a acusación: “no tiene que ser fácil la labor de realizar dos opuestas, procesales, a la vez. Ejercitar la acusación y la defensa”; “no consta que cursaran comunicaciones a las autoridades administrativas”, aspecto este que volve ser recalcado na pàxina 11: “Sin olvidar que una concentración, la de la calle, no estaba comunicada, la otra, la del hotel, sí”. O cidadá ten que poder demostrar en calquer intre que mantén unha relación de imaculada sumisión coas reglas. Os sindicalistas van pola beira salvaxe da vida…e despois queixanse de ter recibido, non si? Expresouno millor George Orwell en “Animal Farm”:Todo o manifestante que vai en dúas patas é un inimigo.Toda persoa que se arrastra a catro patas é unha amiga. Ningunha persoa debe levar pancartas….Os bos cidadáns deben ir a casa cando o pida a autoridade gobernamental…Todas as persoas son iguais, ainda que algunhas son máis iguais que outras”.

A argumentación da sentenza nivela o leitmotiv de calquer manifestación de protesto “se isto non se amaña, caña, caña, cañaa” ao feito demostrado que o policía puxou co xeonllo nas costas do sindicalista. Porén, a sentenza nen cuestiona nen relaciona, cando se supón que as acusacións deban ser confrontadas con eventos que ocorreran  coa participación do acusado, sen nengunha ofensa verdadeiramente rebelde agás a increpación.

Non é improcedente, porén, encontrar nesta sentenza mecanismos de alteración ou valor e frecuencia das palabras que como dicía Klemperer, tornan ben [ou ruin] xeral o que antes pertencia a un indivíduo ou a un colectivo ou minoría. Mas a perversión desta sentenza, na sede dunha das instância mais alta do sistema xudiciario, leva à diseminación  dunha poderosa camada de suspeita indiscriminada sobre o sindicalista. Mesmo no suposto de que pegou pola camisa cunha mao e coa outra mao núa bateu no casco do policia, seis meses de prisión non é unha elevada pena de prisión por feitos acontecidos en contextos de protesta e no marco do exercicio de dereitos fundamentais e que esa condena pretendendo exemplificar axe como axente xerador de medo e desmobilización? É difícil imaxinar o dano causado por unha mao núa nun casco antidisturbios no meio da barafunda.  De feito, así o recoñece a sentenza ao afirmar que “os eventos enxergados isoladamente, non se pode dicer que foran especialmente graves para a integridade física dese agente, mas non é o factor determinante para cualificación”. Mas a sentenza non é capaz de recoñecer niso un acto de non-violencia, de autodefensa  frente a quen dispón dunha porra para manter distància de seguridade, atallar golpes, autoprotección policial e para outras técnicas inespecíficas de reducción física. Porén, na sentenza non parece ter cabida o xeito instintivo de erguer as mans como autoprotección fronte os golpes de porra. De feito, entre outras, no Código Penal modifícase a exixencia que a resistencia á autoridade sexa activa e pacífica a ser suficiente a resistencia pasiva.

Semella que topamos co clásico exercizo de hiperrixidez interpretativa a partir dunha tipificación criminosa, mesmo a partir dun simples obiter dicta, que non debera permitir unha construción xeral restrictiva que non se permite preguntar e investigar certas cousas. No entanto, o ponente insiste que hai  “elementos de contraste más objetivos, la información que resulta de los informes médicos, el material gráfico unido, las fotografías y grabaciones, incluso esa testifical que antes mencionamos del cámara, en principio no vinculado a un interés” (o reporteiro, mais unha vez cuestionado).  

En conformidade coa lóxica de xudicialización do descontento social, o ponente conseguiu crear un clima de sospeita, insinuación difusa e inferencias non verificadas que fagan acreditabel ao acusado encaixar no perfil do responsabel dun delito como o que o fiscal construíu a conta de acusación, sempre facendo fincapé en adxectivacions nas que unha consigna ou un simple petardo, citado como anécdota (sic), adquiren connotacións ben diferentes cando o que se está a construir sen reparo é unha escena na que, dado que non se fixo uso de todo o arsenal antidisturbios nen a escenografía responde a unha carga de antidisturbios que o ponente descrebe con detalle, para que acabe prevalecendo a “actitude hostil” (sic.) dos manifestantes e en, concreto, a de Pintos. Unha  valoración subxectiva feita por alguns dos participantes do acto eleitoral do PP que non se atrevían sair por ser  increpados e por lanzamento de obxectos. “algúns contundentes” dise nun momento, mas cando se concreta dise “ovos”. Percepción lexítima sen dúbida a desas persoas ainda que logo sairan sen problema “encapsulados” polos axentes malia non dispor de recursos suficientes.

O fiscal non foi quen de preguntar sobre o atentado á autoridade porque simplemente non existe nos termos descritos. Agás se obvie a mantenta a estratexia policial descrita por David Piqué. Refírense o lanzamento de obxectos (o astestado fala da rotura dun casco, mas aquí non se demora en detallar nen infire que caste de obxecto), afirmase que ao axentes abondáballes teimar da xente, xa que non contaban con medios para realizar detencións (en plural no texto) mas dalles para facern un círculo  para que dous se adiquen a reducir e agrilloar a Pintos no canto de asegurar a saída dos cargos públicos. Quer dicer, garantir o dereito de manifestación, dos de fora e dos de dentro.

As palabras, todas elas, connotadas cunha situación delictiva vaga e difusa, pola violencia que, aínda que fora preguntada polo significado exacto do que se pretendía decidir, non o tiña. Afirma  Hipólito Fariñas (PP)  que tardaron una hora e pico ou dous en sair ( cuestiónase o número de porradas enumeradas polo sindicalista, mas o cargo público non sabe concretar a hora), porén a lexítima percepción subxetiva de temor non pon de “relevo”, como dí o texto, a “actitude violenta” dos manifestantes. Nen se entende como se pode atrancar a acción policial cando sendo evacuados os cargos do PP, “eran os manifestantes os que ian detrás dos policías”.

Para o ponente da sentenza  a declaración da vítima non abonda, tal como pediu Bouza, o seu avogado defensor. Significativo foi que as denuncias interpostas polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; os deputados autonómicos Miguel Tellado, Natalia Barros e Hipólito Fariñas,e o presidente da Deputación, Diego Calvo, todos do PP, foran retiradas.

Derrota. O que esta sentenza non entende é que a violencia non permite unha exposicion de feitos ou unha narrativa: porque a violencia reduce toda intermediación a cero.O “escrache” do mitin eleitoral do PP ainda que puido xerar unha asimetria transitoria non foi unha situación de violencia, mas o argumentario da senteza exime a estratexia policial como acción que non soubo garantir o dereito de manifestación, que se escuda na falta de efectivos sen interesarse en se houbo erros de coordinación e que como resultado acaba eximindo á policia de toda responsabilidade mesmo cando hai indicios de extralimitación na comisaría. Desacouga que non se investiguen nen que haxa a mínima recomendación que priorice a mediación e a identificación dos policiais, a formación e a rendición de contas. O proxecto estrela do ministro do PP, Fernández Díaz, que establece medidas restritivas para loitar contra os desordes públicos e endurece o castigo dos manifestantes, é unha das tres patas dun polémico cambio lexislativo que completa a lei de seguridade privada e a reforma do Código penal, deixando á luz unha opción política fundamental que se basea en principios autoritarios, en recortes de dereitos. Mas non é así como axen os reximes autoritarios? Se  batermos en ti é por culpa túa. Se incumpres a lei, temos que machucarte. Os maiores infamias contra a humanidade  fixéronse coa xustificación da lei e da orde.

A segunda parte deste artigo “Fictio iuris(2): a terceira lei de Newton” publicarase na fin de semana

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off