off

O megáfono da axitación e a guerrilla hacker

by
A paciencia fai parte da intelixencia
 (Lucio Urtubia)
Lucio Urtubia
Lucio Urtubia

O pasado sábado 9 de abril a  compañeira e eu achegámonos á Puerta del Sol  para solidarizarnos cos acampados parisienses da #LaNuitDebout contra as políticas do goberno Hollande. Acudimos catro gatos e o noso propósito ficou en simples conato. Nasciturus. Os indignados de onte están agora pendentes dos novos partidos emerxentes, startups institucionalistas que serven como inhibidores da relación directa. Fracaso estrepitoso do intento de montar unha asemblea  e porque, despois diso, o megáfono que tiñamos era un cacharro e máis que facilitar a comunicación convidaba á estampida. Que se lle vai a facer?, dixémonos, “outra vez será”. Resultaba inútil loitar contra os elementos e a desleixo da xente. Ficamos con ansias de facer unha concentración xeitosa a favor dos encabuxados franceses.

Así que viramos e fomos ouvir a Lucio Urtubia falar das súas experiencias nunha libraría colaborativa próxima. Xenio e figura, libraria ateigada, o libertario residente na capital da luz foi debullando as súas peripecias como altruísta expropiador ácrata. Ao rematar o acto achegámonos a cumprimentar. “Lin o teu sobre Podemos”, espetoume, ao tempo que lembraba que no ano 2001 presentara o seu primeiro libro nun Ateneo de Valladolid. Combinamos volver vernos en París e despedímonos. Ao chegar a casa, folleei a súa autobiografía. “A revolución desde o tellado” (La revolución por el tejado. Autobiografía. Editorial Txalaparta,2008) pola parte referida ao maio do 68. Sorpresa, tamén Lucio topara na altura con imponderables. Cando o seu grupo quixo improvisar un mitin en Clichy fitou que o altofalante non funcionaba e, o que era peor, que o “axitador” que os estudantes da Sorbona  lle enviaran  para exaltar ao público era zarabeto.

Ainda asín, teimaron: paciencia e a barallar. Máis tarde, tras empapelar o barrio con pasquíns da nova convocatoria e tirar do boca a boca, a cita resultou un éxito. O maxín e a bricolaxe ao poder.

Porque xa se sabe, “o ollo do amo mantén o cabalo”. Aínda que até que chegou Heisenberg coa súa “teoría da incerteza”, demostrando que a posición do observador inflúe no observado, o popular proverbio careceu de aval científico. E iso é en boa medida o que aconteceu coas “primaveras árabes”, primeiro, e coas súas secuelas europeas tipo 15-M, despois. Que habemos banalizado o contexto. Hai dous vectores, a intramuros e extramuros, que galvanizaron as conciencias para que o pobo, infieis e crentes, deitanse á rúa. Falamos desa perfeita cenificación do pensar global e o actuar local que identifica Patrick Geddes na súa clásica obra “Cidades en evolución”.

O primeiro é ideolóxico, e consiste na evidencia empírica de que a trama esencial daquelas mobilizacións cidadás forxouse contra a esquerda falsária no poder. Desde Tunes ao Cairo, pasando por Madrid e París, a indignación popular fixo diana sobre gobernos con credenciais socialistas: Ben Alí (Tunes), Hosni Mubarak (Exipto) Rodríguez Zapatero (España) e Hollande (Francia). Todos eles en nómina da Internacional Socialista (IS). Os partidos dos dous primeiros foron expulsados da IS tras o seu derrocamento polas mareas cidadás, e PSOE e PSF seguen en persoal porfiando a súa redenzón. Un asunto que entraña unha certa mutación política contraditoria con ese lugar común de que “contra a dereita lóitase mellor”. A non ser que as novas xeracións estean a pasar de etiquetas e interpreten o mundo alén de clichés políticos e maniqueísmos ideolóxicos.

O outro vector é exógeno. Trátase da onda de masivas filtracións habidas nese período sobre “segredos de Estado” a escala global. E encárnase nos nomes xa tan coñecidos como o soldado Manning, Assange, Snowden, Wikileaks, Falciani (por certo, todos “represaliados” a posteriori polo sistema) ou o equipo que está detrás dos Papeis de Panamá. Revelacións de alcance mundial todas elas que precederon ao primeiro estoiro social do 17 de decembro de 2010 en Tunes, a raíz do suicido dun mozo sen recursos ao que a policía había requisado o seu posto rueiro de venda de froitas e verduras. Non hai dúvida, fitado en perspectiva, que o choque entre a divulgación dos ficheiros sobre as falcatruadas cometidas impunemente polos grandes poderes e a lacerante desigualdade da poboación mundial, contribuíu ao nacemento dunha nova conciencia de indignación e resistencia planetaria. E con iso, empezou a cuestionarse ese “principio de infalibidade” con que, segundo Paul Feyerabend, adoita blindarse a todo o institucionalmente estabelecido na vixente sociedade corporativa.

Cunha notabel diferenza respeito de pasadas revoltas. Nesta ocasión, o punto de ignición radica en persoas que actúan como Cabalo de Troia do statu quo. Manning e Snowden, por exemplo, eran empregados de axencias de intelixencia norteamericanas. Posiblemente sen a polinización mental que as sabotaxes desta guerrilla hacker provocou desde xuño 2010, cando se inician as filtracións incontroladas a través do portal de internet Wikileaks, a dimensión das protestas fose menor e a súa capacidade de contaxio censurada. O pensar global e actuar local que ese proceso puxo en marcha é algo inédito na historia das rebelións populares porque introduce un rumbo bidireccional arriba-abaixo e dentro-fóra de carácter subversivo-implosivo. Algo descoñecido desde a  remota filtración dos “Papeis do Pentágono” en 1971 por Daniel Ellsberg, outro analista do exército de Estados Unidos, en protesta pola guerra do Vietnam.

Urtubia e os emboscados hackers representan dous modelos de combatente polos dereitos humanos, distantes só polas ferramentas de traballo, non polo seu oficio de transparencia global, e porque mentres o primeiro actuaba contra o sistema desde fóra do sistema e a peito aberto, os outros o facían desde o mesmo ventre da balea como avanzada do ciberactivismo encriptado no capitalismo inmaterial-informacional. Dá igual que se trate de expropiar aos poderosos para darllo aos necesitados (de toda condición: económica, política ou social), ou de denunciar a corrupción viral dos Estados autocráticos que fan negocio das crises, as fames negras e as guerras.

O decisivo, ao cabo, é que ambos os dous, disidentes antisistema e hackers intrasistémicos, guindan unha mensaxe de esperanza contra o fatalismo do “non hai alternativa” alimentado con teimosía desde os púlpitos oficiais para estimular a resignación xeral.

Unha aposta directa interactiva que chama a reivindicar a contenda democrática e a crítica permanente como principal camiño de emancipación integral e da loita contra o culto á impersonalidade. Un “durmiamos, acordamos? que se reactivou espontáneamente no corazón dos atordoados cidadáns ao ver o criminal comportamento dos gobernos occidentais ante a vertixe distópica do éxodo e a exclusión (refuxiados, inmigrantes, marxinados). Outra confirmación de que “non nos representan” que agora tamén debruza na #NuitDebout gala con chamada  á responsabilidade humanitaria. Algo que o vello liberal John Stuart Mill sempre tivo  claro: “a forza intelectual e a forza moral, así como a forza muscular, non progresan máis que en tanto se exercitan”.

(Nota. Este artigo publicouse no número de maio de Rojo y Negro)

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off