off
Cedeira, Natureza — 2 Maio, 2016 at 9:12 a.m.

“Coñecer para protexer” será o lema das xornadas botánicas de Cedeira

by

O programa comezou onte coa inauguración da mostra de debuxos naturalistas da que é autor Calros Silvar, que estará aberta ao público ata o día 21 nas salas do Palacete.


xornadas botanicas
Mostra de debuxos naturalistas de Calros Silvar no Palacete

“Coñecer para protexer” é o lema das Xornadas Botánicas de Cedeira, unha iniciativa do blogue Ao noroeste do Noroeste patrocinada polo Concello. O mes de maio será a referencia temporal dun programa co que o goberno municipal busca divulgar os valores naturais de espazos como a serra da Capelada, para evitar aquelas accións que poidan contribuír á súa destrución. Esta iniciativa fai parte dun programa co que o Concello pretende poñer en valor os recursos patrimoniais dende o coñecemento, tal como se fixo coa xeoloxía e, proximamente, coa arqueoloxía. 

A responsabel de Medio Ambiente, María Xosé Rodríguez, explicou que a convocatoria consiste en dar a coñecer a riqueza patrimonial das prantas do municipio coa intención de garantir a súa conservación dende o saber. O programa comezou o día 1 de maio coa inauguración da mostra de debuxos naturalistas da que é autor Calros Silvar, que estará aberta ao público ata o día 21 nas salas do Palacete.

A seguinte cita será o día 14 e consistirá nun relatorio, por parte de Rafael López Loureiro, sobre os contidos do bloque “Ao noroeste do Noroeste: Andaina visual fotográfica pola flora endémica e particular da Costa Ártabra”. Dará comezo ás doce do mediodía e será na Sala Áncora.

cartaz _xornadasBotanica_cedeira-maio2016Para o día 21 están programados dous actos. A convocatoria dará comenzo ás doce cunha charla a cargo do profesor titular do Departamento de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela Juan Fernández Oubiña, que disertará sobre a “Flora ameazada de Cedeira e a serra da Capelada”.

A continuación, sobre a unha, Miguel Serrano e Roi Carballal, ámbolos dous investigadores do departamento de Botánica da USC, presentarán unha ferramenta dixital para a conservación do medio natural de Galicia e o norte de Portugal: “Biodiversidade.eu”. Os dous encontros terán lugar na Sala Áncora.

O peche das xornadas será o día 28 cunha nova charla divulgativa e unha homenaxe literaria a Xavier Sóñora, un coñecido botánico da bisbarra. O primeiro dos actos arrincará as doce do mediodía e correrá a cargo do catedrático emérito da Universidade da Coruña Álvaro Porto Dapena, que falará sobre “A flora cedeiresa a través dos nomes dos lugares”. O escritor e investigador etnógrafo Antón Cortizas será o encargado de pechar as xornadas cun recitado poético.

Pingota Comunicación

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off