off
Cedeira, Historia — 29 Abril, 2016 at 10:52 a.m.

” A pegada dos avós” dentro dos actos da Memoria Histórica en Cedeira

by

O IES Punta Candieira, pola mañá, e a sala Áncora, pola tarde, foron hoxe escenario dos últimos actos deste mes dentro do programa da Memoria Histórica que se vén desenvolvendo en Cedeira desde o pasado día 15. A proxección do documental “A Pegada dos Avós” e unha charla coloquio, primeiro para os alumnos do instituto e xa pola tarde para o público en xeral.

O documental, dirixido por Xosé Abad, conta as experiencias dun grupo de mozos que indaga nos recordos da xeración que viviu o golpe de Estado do 36. Na charla de pola mañá, na que houbo unha gran participación dos rapaces coas súas preguntas, estiveron Enrique Barrera -en representación da asociación cultural Memoria Histórica Democrática, organizadora dos actos coa colaboración do Concello- e Aitana Tubío, alumna do IES Adormideras da Coruña, que é unha das protagonistas do documental.

Xa pola tarde, outra delas, Clara López, foi a convidada xunto ao director do documental e o propio Barrera. O programa finalizará o 28 de maio no Palacete da vila coa proxección e escenificación de “Ao solpor na praza do Peixe”, de Antón Labraña, e cunha conferencia de Enrique Barrera, autor do libro “Galegos en Mathaussen”.

Até o 5 de xuño móstrase no propio Palacete unha exposición de paneis de fotos, documentos, actas e cartas co mesmo nome.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off