off
Cedeira, Ecoloxía — 17 Novembro, 2011 at 6:45 p.m.

Descobrindo as pedras

by

As pedras son vellas si, como vella é a teima do adanismo, esa arte de non recoñecer que antes de nós tamén houbo vida . Celebramos que o goberno de Cedeira queira documentar agora  o  patrimonio xeolóxico local-comarcal  cunha  rota de interpretación cos 25.000 euros que lle pensa achegar a Deputación de A Coruña.  O executivo local vai tirar información dun tríptico  realizado  polo  Club Montaña Ferrol cos principais puntos de interés. Non hai moito fixéronse unhas xornadas pola USC coa participación dos alcaldes Vergara e Armada. A revista Olláparo  deu conta dese patrimonio a comezos dos 90 e o Concello de Cedeira xa contou cun tríptico informativo editado polo goberno de Xoán Xosé Rodríguez, cecais conserven algunhas copias na Oficina de Turismo ou na Biblioteca.

Os holandeses, ingleses e alemáns que viñan documentar as súas teses foron os primeiros en dicírnolo hai moitos anos: o Ortegal é unha das zonas máis antigas da codia terrestre, rica en “graiños negros” ou ecloxitas, dunitas, rochas básicas, ultrabásicas, anfiboles, serpentinas e gneis. No ano 2006 un artigo  en ‘Journal of the Geological Society’ púxolle data: 1.160 millóns de anos.

A dereita petrificada de aquí non está afeita a explicarse, mais o interese do proxecto ben merece unha parrafada, non si?

Quen está a participar na redacción da proposta?

Se o obxectivo é pór en valor  ese patrimonio documentando a paisaxe xeolóxica por qué non utilizar a “aula xeolóxica”  ou o “centro de documentación e interpetación” como base científica do proxecto coa fin de incorporar expertos das universidades?

Non sería bo contar con proxectos do valor científico e didáctico de Ao noroeste do Noroeste ?

Non sería interesante reeditar periodicamente as Xornadas que se fixeron  e que permitirían a sistematización do proxecto en base a unha revisión bibliogràfica  que mostrara a producción científica que hai e que reflexionara sobre  a xestión e planificación de espazos de interese natural?

Se o proxecto o está a financiar a Deputación, non sería bo facelo da forma máis abranxente e incluir toda a comarca de Ortegal  nun proxecto común?

E así, postos a abrazar as pedras, sería engaiolante que o proxecto de documentación do patrimonio xeolóxico (mapas, vídeos, artigos científicos) non obviara  nen esquecera o patrimonio lingüístico ( o que deu nome á paisaxe, a cada pedra, outeiro e regato) nen o patrimonio material de pedra que permanece oculto ou padecendo desleixo ( casas de San Andrés, mámoas, cruceiros, castros, mamposterías, muiños, construccións adxectivas, milladoiros,etc).

Que non quede en simple reclamo turístico sen fundamentación e continuidade. As pedras hanse de inserir na paisaxe toda, na cultura do país.  Parabéns pola iniciativa.

One Comment

  1. Grazas polo artigo. E moi interesante. Gostaria que tratasedes mais deste tema. Podense aprender moitas cousas. E algo esquecido que hai que espertar.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off