off
Cedeira, Imprensa, Opinião, Política, Política local, Redes sociais, Xente — 17 Agosto, 2019 at 9:38 a.m.

Política, frivolidade e redes sociais

by

“Na sociedade espectacular no hai mais espazo para vivermos nosas

próprias experiencias, son os modelos que viven no noso lugar:

“todo o que era vivido directamente tornase unha representación” (Guy Debord)

 

Na Galiza como en moitos outros países, os medios de emisión convencionais (radio, televisión) están sendo parcialmente substituídos por novas interaccións de medios ligadas a Facebook, Twitter, Instagram, YouTube, App e outras redes sociais e este conxunto de procesos estan a afectar unha evidente recomposición da esfera pública. O consumo crecente de vídeos, a circulación de memes como unidades de información mimética, moi vencellado á expresión masiva e á circulación de mensaxes emocionais, moitas veces simplistas, esquemáticas e sen fundamento serio e razoabel, está a influír na produción de afinidades político-ideolóxicas nas redes sociais que pasan necesariamente pola argumentación, a información de calidade, o desexo de construír como individuos e cidadáns bo nivel de información sobre asuntos nacionais e internacionais ou por unha historia  política contemporánea ben estructurada. O peso das emocións na cultura política contemporánea debería levarnos a pensar como asociar as emocións no discurso e na formación política dos cidadáns cos valores da democracia (igualdade e liberdade) e do pluralismo. O fenómeno ten unha complexidade maior do que o reducir a non  concedermos á dereita autoritaria  o monopolio das emocións políticas xa  que nos casos de populismos de esquerda non se iludiu esa recomposición. Desde a formación para a recepción crítica de televisión e agora para a interacción crítica e creativa con mensaxes de redes sociais, requírese pensar nunha educación de emocións políticas ligadas a procesos de formación cidadá, articulada para o coñecemento da historia e para unha educación política básica en valores democráticos estimulada especialmente na lectura crítica de prensa e das novas formas audiovisuais.

Souben estes dias de férias entre amigos que o alcalde de Cedeira, xa instalado no trunfalismo, emprega hábilmente as redes socias, tendo ambute de seguidores. Parece ser que  ten un olfato especial para as oportunidades de investimento vinculadas ao veredicto do “gosto”, esa boca de salabardo do Facebook, pedra-de-toque da pos-política e do populismo mediático. E non se pode dicir que nos apañe desprevenidos xa que  ten dito que a sua politica baséase “nos veciños e non en ideoloxías”. Declararse “galeguista e progresista” para quen xa dixo que o seu non é ideoloxía é unha mudanza considerábel entanto non tivo maioria absoluta e foi percebido sob o tensionamento e credibilidade de manter  un verdadeiro espazo de goberno coas forzas da esquerda nacionalista ao que debeu adaptarse para sobreviver tentando se afastar da farda de “empresario do sector inmobiliario”. Abofé que o conseguiu e con óptimo facturamento! Porén, non hai nada máis ideolóxico que afirmar que a politica municipal alicerza nos veciños e non en ideoloxías. A figura do empreendedor  prometeico, ao cabo, é o brinquedo ideolóxico do momento. O cidadá auto-suficiente, criador de seu próprio traballo e imaxe, é o modelo social co cal políticos e empresários enchen as  bocas.Certamente, no xogo politico ser o contrario do que se espera pode significar a perda dunha campaña. Mas non sempre é asín.

O puño e a rosa xa non se admiten como ideoloxía, mas como núa opinión sen raíz nen penetración. O que equivale ao desenvolvimento da despolitización e, portanto, á opinión apresentada sen ilación ou efeito, sen consecuencias. O líder carismático moderno, apontaba Max Weber, “destroi calquer distanciamento entre seus  sentimentos e impulsos e aqueles de sua platea, e dese modo, concentrando seus seguidores nas motivacións que son dele, desvia os da posibilidade que o midan por seus actos”. A política contemporánea, ao cabo, é unha política de imaxes e podese dicer que a imaxe pública adquiriu un estatuto que privilexia na política, a aparencia, o carisma, a escenificación, o espetáculo e o simulacro. Como entretenimento e espectáulo atinxe todos os niveis administrativos do Estado. De xeito sistemático e organizado. Para mellor diversión e iludir ao público de cidadáns. Para mellor distrair e máis  facilmente transformar a esfera política nunha escena lúdica, nun cenario de ilusión.

Seica os temas fluen cunha promiscuidade que mete medo. Nada novo. Son turma os alcaldes e políticos profesionais que, iPad nas maos, adoptaran a metodoloxía do entretenimento agora que unha inxente cantidade de xente ten a posibilidade de expresarse nas redes en comunal bacanal de íntimo vaniloquio, faiscas de siso e frivolidade a canadas seguindo asín, grosso modo, o modelo de consultorio berlusconiano, ou se o prefiren, a promíscua “Hola.Diario de actualidad, moda y belleza”. Sobre o rexime de populismo mediático foi Berlusconi quen foi instaurando paseniña e progresivamente aqueles trazos que  fan o populismo máis recoñecibel por toda parte, quer reaccionario, quer de esquerdas (que tamén o hai cando se afirman cousas como que se “milita nos medios” ). Ao cabo, o populismo é apenas un método que prevé o apelo visceral para o cal as opinions ou preconceitos mais arraigados nas masas son considerados. Jameson ao abordar os distintos elementos constitutivo do posmoderno subliña “a nova falta de profundidade, que se vé prolonga nesa cultura de imaxe e simulacro ” e destaca a “omnipresencia do pastiche ”en relación co consumo  “dun mundo transformado nunha mera imaxe de si mesmo por pseudo-sucesos e espectáculos”.

O que vai ficando é unha actitude de indiferencia ideolóxica que desconfía de toda crítica e de toda mudanza da tradición e do existente (o marco de relacións socioeconómicas xa  existentes). Por iso hai quen fala  de apatia política (definindo unha actitude que desleixa ou, polo menos, ignora intencionalmente a actividade política ligada à vida en sociedade). É tamén coñecida polo italianismo qualunquismo (de qualunque, “calquer un”,”mais un”, “un calquera”, referindo-se ao cidadá comun) ou polo galicismo poujadismo caracterizado por unha desconfianza xeral de institucións, partidos políticos e vários aspectos da política, visto como algo distante, pernicioso e até mesmo perturbador da autonomia individual. De aí que o populismo, máis ou menos exercitado, sempre  tente randear e mesmo saltar as mediacións (veciñais, comunitarias, parlamentares, etc.) na procura dunha relación imediata entre o lider carismático e a xente, que tanto permite ensarillar o arranxo de pistas coa propria vida familiar, pasar do programa de festas prontamente comentado a un selfie en plena procesión relixiosa, publicar un video familiar e imediamente despois prometeller a unha veciña o que lle solicitou por Twitter, saltar da festa gastronómica que marca o calendario ao cambio de luminarias de vapor de sodio. Porque do que se trata é de producir vapor, unha permanente  sudoración por sobreexposición mediática. A extrapolación das relacións cos medios de comunicación social. E así todo, con grande predominio de imaxes, fotos e emoticons a andar coa boca aberta. Balandier afirma que “a persuación política depende menos da argumentación do que daquilo que é manifestado espectacularmente”.

O que nos concellos pequenos teria certa normalidade relacional por proximidade, coas redes sociais mais un paso é dado na relación directa que xa proporcionan os medios de comunicación ao populismo (mediático) unha vez que fornecen unha forma de  familiarismo ou de populismo perfeccionado que renuncia á distanciamento teatral para abrir paso a un mercado no que se trocan e consumen intimidades mas tamén no que se exerce unha vixilancia fácil sobre todos. Certo que na internet todo fica rexistrado mas ten o resultado apetecido: gañar popularidade sen a contraprestación da coherencia exixibel xa que é virtude das redes sociais que quen as segue e non contrasta información por outros medios, se esqueza ao día seguinte do que nun chío ou nun post se afirmara con exactitude. O que fica, como moito, é que dixo algo franco, afábel e ben disposto. Prevalece a velocidade da troca cuxo valor se mide apenas pola cantidade e o rendemento. O político xa non é medido polo que fai, o que xenera segundo Richard Sennet unha maior necesidade de exposicion. Pérdese esfera pública para abrir paso á “publicación de persoas” arrombando cada vez máis o eido de acción común. Ese procedimento é propio da teletenda. Asín, Byung-Chul Han aponta que “para ser, para ser parte do mundo, tes que te divertir, só o que é divertido é real ou eficaz”.Vale a pena perguntar até que ponto temos a capacidade de discernir entre entretenimento que mellora o desempeño e, portanto, ollar para o futuro como un espazo de salvación, e o puro pracer de nos distrair no momento presente, sen maiores expectativas, desfrutando de un mundo na confianza de saber que é o que é, e abonda.

Estar en boca de todos, xerar atención, só interesa cando serve aos próprios intereses. O paradoxo actual é que os políticos non parecen querer afastar como outrora a vida doméstica da pública. Sen capacidade de distancia escénica  o que prevalece é a despolitización.  Iso acontece tamén cando se apresenta a tentación de patrimonialización. Non tanto un conflito de intereses canto unha progresiva identificación de intereses entre a própria vida e a institución pública (concello, deputación, Xunta, Estado).

Ben,o que os meus interlocutores observan é que os cidadás daquí e dacolá, de toda parte, non se decatan que están regresando aos vellos usos e prácticas  ainda que sexa por outros medios. Non sempre é así, diso poderanse decatar os cidadás que len xornais críticamente, mas son minoria con respeito aqueles que receben notícias apenas polas redes sociais,o díxome-díxome, pola televisión e por un único xornal…Disculpen non ter a mao os indices de concentración da propriedade dos media, mas son exactamente aqueles que teñen agora en mente alicerzando o rexime de populismo mediático que nos goberna.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off