off
Opinião, Pensamento, Redes sociais — 26 Xaneiro, 2019 at 8:46 p.m.

“10 years challenge” ou o tempo evitado

by

"Esta vida, como ti  a estás vivendo e xa viveu, 
terás que a vivir mais unha vez e por incontábeis veces; 
e nada  haberá de novo nela,..."
O maior dos pesos, A Gaia Ciencia. Nietzsche

10 anos de desafío. Seica o “10 Years Challenge” é a nova mania que se tornou viral (debruzando o  tempo no dispositivo disciplinario (tablet, pc, iphone) que reproduce unha rede de relacións co mundo análoga ao do obxecto nun mundo de obxectos). E como todo proceso viral presenta síntomas,  non se trata dun proceso primario. No caso en cuestión, a diferencia de challenges perigosos, trátase de facer a inócua comparanza de como mudamos nos derradeiros dez anos facendo montaxe fotográfica con unha foto de hai unha década e outra actualou, noutras palabras, o prolongamento narcisista das promesas dun capitalismo socialmente pacificado que nos promete que gañando tempo sendo máis formosos, máis rápidos ou mais produtivos permitirnos – por todo iso – gorentarmos de mais tempo para a vida, maior “cualidade de vida”.

Narciso é afixado ao seu próprio reflexo na primavera. J.W. Waterhouse, 1903

Tan predecibel como desexado: moitas celebridades inzan as súas vitrinas de imaxes en que se comparan hai 10 anos, alegado “reto” ao que moita xente se apunta contaxiando paixón da regresión. Narcisimo e babecada propia da sociedade do aburrimento, individualizadas e convertidas na sociedade do reproducir global e do tempo-mundo das redes de telecomunicacións e os mercados financieiros que anulan asín as distancias temporais reduncindo a capacidade de acción  a un estado de indiferencia febril.  En [Fin]: poderíamos alegar a escorrediza lóxica que goberna ese tipo de gregarismo sen desmerecer por iso a súa faceta de lúdica estupideza.

Deixando de lado agora as motivacións pró-sociais ou altruístas que foran capaces de motivar algunhas celebridades a participaren, vamos rever os outros dous tipos: o de fasquía egocéntrica que as redes multiplican e  o que é mesmo un risco real para aqueles que o asumen en troca de seren vistos de maneira efémera polo maior número de persoas posíbel alén do círculo de amigos.  O recoñecemento dos outros é un reforzo moi potente que non podemos obviar. Por iso participa máis xente nova porque a necesidade de recoñecemento imediato do grupo (os “likes”) fai parte do momento de contrución da personalidade que a torna mais vulnerable. Pensemos na xeral exposición público-voluntária do privado nas redes sociais. Amiúde un agregado de instantes sen relato (“a narración dá aroma ao tempo” dí Byung-Chul Han). Porén, estes retos teñen suceso porque achegan un plus de emoción que permite romper co cotián ao chamado das crianzas: “a que non te atreves?”

Dí Juan de Mairena que o home é  “o animal que mide o seu tempo”. Contodo, o tempo ten millares de trazos e pasaxes, e non pode ser exatamente mesurado mas através de inúmeras mutacións naturais, sociais e persoais. Importante, para  a cuestión que convido a rever, unha citación sintomática: “a imaxe[…] non pode incluir sua forma de figuración; a amostra” (Wittgenstein,1922:2.172). Talvez porque o alvo deste challenge é, sobre todo, a ditado do incuestionado e lucroso valor da xuventude,   o que non mostra. Non está ao noso alcance expor aquí a cuestión das concepcións do tempo. Caso contrário, o senso de ridículo teria bastado para me impedir de persistir neste ponto. De brevísima forma, e limitandose apenas a nosa cultura, podese dicer que entre a antiguidade greco-romana e o mundo xudaico-cristián, fomos do tempo cíclico e mítico para o tempo linear e orientado; e entre a Idade Média e a Idade Moderna, da transición do tempo flexíbel ao tempo maquinal medido por reloxos.Consideremos algúns paralelismos do prisma do tempo: privatizar é privilexiar o imediato, a rentabilidade no curto prazo, ignorando que a lóxica temporal dos servizos públicos é moi diferente xa que teñen de operar na duración para atender as necesidades sociais. Móstrase tamén nas relacións entre outras magnitudes, como as ecolóxicas ben coñecidas. Como na  subordinación, enfin, do tempo da vida á lóxica da tecnociencia e do benefício de curto prazo, incapaz de levar en consideración do futuro en tanto que o choque temporario é evitado. Talvez porque a aceleración como valor en si mesmo esgota  o tempo para a vida.

Vemos o devir

Tratemos de facer bon siso deste reto viral evitando no posibel calquer recurso á  puritana psicagoxia marcoaureliana que tire valor a todo o que estima ou gorenta cos atributos e hábitos dunha época. Aquén da mímica do “10 years challenge”, o qué é exatamente o exercicio ou experiencia de regresión consistente en compararmos duas fotos con 10 anos de diferenza? Por que gostan tanto? Trátase de acreditar  ou demostrar que nos derradeiros 10 anos non envellecimos. Eís o reto e talvez a mensaxe dese “desafío”. De feito, nengunha das vedettes aparece desmellorada, sen perder o lustre ou perfeición ou aparentando ter máis idade do estritamente necesario. Parece trivial. Porén, o envellecimento non é trivial, ainda que evitemos a cotío o pagamento das obrigas contraídas co tempo. Quen non gosta do afago “estás igual que hai dez anos” ?  Ou ainda aquela lisonxa “estás mellor que hai dez anos” ou  aqueloutra fórmula da igualdade entre intres que a miúdo se emprega e corresponde a dicir que o paso do tempo non pasa por nós. A procura dunha comparanza de instantáneas nega o ritmo natural das mutacións porque equivale ao tempo instantáneo do tempo comercial que considera corpos e artefatos  como máquinas cuxo obxetivo principal é automoción total e manutención mínima. O seu rasgo fenoménico é a autoinmunización encanto a unha causa empírica, a indeterminación en canto aos contidos, a referencia ao contexto (que non ao que sucede neste), e unha proximidade inacesibel. Por iso as duas fotos non son máis que o paso dun presente a outro sen pulo constructivo nengún. Un zapping que evita o tempo.

Por que costa asumir o paso do tempo? Como ao Dorian Gray, apavora ver a pasaxe do tempo refletida no espello. En ningún outro  período nos sentimos proprietários do noso corpo como agora. Porén, non estamos dispostos a cuestionarmos o valor da xuventude. Expandímola tanto canto podemos, a xuventude tórnase asín un valor que expresa esa resistencia a aceitar a pasaxe do tempo. Ese é o valor que non estamos dispostos a cuestionarmos, apesar de estar suxeitos ao tempo. No canto de aceitalo, persistimos en escondelo. Os “Dorian Gray” nos mostran a imposibilidade de mostrar a mesma aparencia, porque o aparecimento da aparencia (aquela carne que parece boa e na que só o retrato envellece) substánciase, para alén das verdadeiras intencións do Instragram, no paradoxo substancial que somos.Só o retrato envellece, porén na época do photoshop os antigos preámbulos cosméticos dunha boa instantánea (maquillaxe, rimel, lifting facial, impecable corte de pelo e horas de ximnasio, etc.) deran paso a fotografías que xa non son instantáneas, mas retocadas e esculpidas. Todo leva carga alegórica demais, pois o pensamento máxico representa o representado.Cada foto é un ponto que xira, traza un círculo, volve pasar como espiral case polo mesmo lugar, mas ese desfase muda o mesmo en outro. A vida é movimento, a morte é ese deslocamento procedente do vivo xa morto. Retorno, dí Nietzsche, non do mesmo (sería o círculo) mas do des-semellante.

Coa metáfora suxestiva “aos que entran nos mesmos rios outras águas afluen”…pois “nos mesmos rios, entramos e non entramos, somos e non somos”, o contraintuitivo Heráclito convídamos a pensarmos neste “desafío” das redes sociais ao que se adiren destemidos os máis novos para quen a vida está a procurar a sua forma. O challenge  trae consigo un paradoxo ao que estamos expostos. Os individuos mudamos e á vez  temos que continuar sendo o mesmos . O caso é que non podemos ser nós mesmos, porque nos acontecen cousas; e acontécennos  porque  ao mesmo tempo somos idénticos. Hai algo en nós que teima en continuar sendo o mesmo. Contodo, a sentenza heraclitiana convídanos a asisar as dúas accións por xunto e dunha soa vez. É, de feito, que sendo simultáneamente idénticos somos diferentes. .Ainda que o rio sempre é o mesmo (como o noso “eu” é),  entramos e non entramos, somos e non somos, mas non as dúas cousas á vez.  

A diferencia do “eu sou eu e miñas circunstancias” que acreditaba Ortega -formulación que a ollos de Heráclito seria unha visión curta e sen sentido- , pois como é posibel que eu sexa eu e as “miñas” circunstancias non teñen nada a ver comigo, e se tivesen a ver, como é que as “circunstancias” non teñan a ver co meu “eu”. Contodo, as augas do rio mudan e as marés retornan. E o que acontece coas augas tamén nos acontece a nós. Porque a cada intre que vivimos non podemos ser exatamente os mesmos. Porén, a sentenza heraclitiana convídanos a asisar as dúas accións ao mesmo tempo. Asín como as augas mudamos tamén nós de maneira que non somos mais o que somos ao entrar novamente nas augas. Poderíamos dicir que apenas o que nos mantén fixos é o devir. Se non fósemos devir non nos pasarían cousas: cada intre do tempo só existe na medida en que teña destruído o  anterior. Nen eu son o mesmo que comezou este artigo para o Ollaparo nen o leitor é o mesmo ainda que non teña conseguido chegar até aquí. Portanto, estamos perante un dilema que nos atravesa. De aí o familiar estrañamento que nos produce o vérmonos representados nunha foto da infancia. Son o mesmo mas é evidente que non son o mesmo. Até pode acontecer que non me recoñeza se non nos informaren ou se non tivermos un fio comun, un album de familia. O que me fai pensar que quen olla para a foto é mais eu quen aparece retratado nela? A relación que estabelecemos co noso pasado “eu” é unha relación aleatória que definimos porque precisamos religar o que nos acontece, porque nos acontecen cousas a eito, e pásannos cousas porque non permanecemos os mesmos. Por outro lado, para podermos afirmar que os individuos mudan é evidente que precisamos referir alguén a quen lle acontecen as cousas. Mudamos ou non mudamos, somos e non somos os mesmos. Segundo Heráclito somos esa contradición: idénticos e diferentes á vez«Je est un autre», dirá Rimbaud.

“O peso mais pesado” chámalle Nietzsche ao que é unha afirmación á vida por ser unha afirmación do vir-a-ser, do fluir e destruir. O que a imaxe dos rios trae tampouco é o hegeliano “desaparecer un límite e novamente presentarse e novamente desaparecer”, pois estaríamos á mercé dun movimento petrificado (o tedio non é outra cousa cando non lle é oposto o contratempo de quen crea), mas a fulcral esencia do que nós somos cando afrouxamos as tañeiras do tempo-parámetro para reencontrar o alvo aberto do tempo-devir e a súa exixencia democrática mantendo non unha relación instrumental co eu-outro guiada polo esforzo mínimo e o máximo gaño, mas unha paseniña relación de coidado semellante ao tempo virxiliano do horticultor no pomar das maciñeiras. Eis a proposta: preencher do que dá sentido á própria vida fronte a tanta distración e xerigonza egocéntrica presentada como modelo existencial do que non é máis do que unha industria do entretenimento, en isca que magnifica  a sociedade do espectáculo erguida sobre a escisión de un mesmo, entre o eu real real e o eu ficcionado, narcisista e megalómano que baleira a vida do que en verdade contén e atinxe ás persoas da mesma maneira que aos días e as estacións. Imaxinemos a plenitude como a loita constante e diaria do home pola sua emancipación. Preencher os días co próprio xardin onde cultivar relacións persoais de coidado cos seres vivos, con nós próprios e  cos inanimados. Evitemos colonizalo daquilo que non nos quer agás como instrumento. Aí debruza a liberdade: ser libre é obeder á necesidade que nos aprende a roda do eterno retorno das cousas. Resístome a acreditar que a xente acade plenitude nesta caste de challenge, dificilmente Mefistófeles pode ficar coa nosa alma e exclamar con Goethe “detente momento, es tan fermoso!”

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off