off
Estado, Movementos sociais, Opinión, Política — 23 Marzo, 2018 at 10:52

España como síntoma, Catalunya como benzón

por

Coas as maos xirando lentamente o dial en busca de sinais de perigo, o recendo do café da mañá mestúrase co delicado fedor de autoritarismo que entremea a política española. Se non houber a cuestión catalá no meio,  teríamos percibido a “virada autoritaria” (authoritarian turn)? Acabariamos discutindo do franquismo, dos dereitos civís e todo o máis?  Miquel Iceta (PSC, Partit dels Socialistes de Catalunya) debullou iso con absoluta clareza cando, para defender a recusa do PSOE a permitir que os crimes do rexime de Franco fosen xulgados, afirmou: “O rexime do 78 é unha benzón para a España”. 

Toda viraxe autoritaria adoita selo tamén teolóxica (e testosterónica, non dá cuartel). É o xeito máis obvio de recoñermos que a pedra angular do rexime do 78 , o que chamamos de Transición, era negar calquer posibilidade de xulgar, nen moralmente nen politicamente nen criminalmente, o franquismo. A fidelidade a un “acontecimento fundador”. A concepción romana da sacralidade, a orixes sagradas do político non son algo novo xa que sempre formaran parte da reflexión sobre o tema e foran traidas recentemente ao tapete no s.XX desde diferentes tradicions ( Schmitt, teoría crítica, marxismo, Zizek, Agamben, etc). Iceta atina por iso cando apoia, ainda que por outros motivos, o seu discurso e acción política na benedictione. No “favor especial” que todo bencer supón cando remiten a unha trascendencia como modelo único e totalizador, fronte a política  pensada como experimentación e remitindo, por este motivo, a unha relación coa creación que é inherente ao desexo.

  A chave da Transición remite e invoca o teolóxico como función: o franquismo non é tocado, e os seus dous herdos, a monarquía borbónica e a sagrada unidade da España  son mantidos a mantenta á marxe de calquer discusión democrática posibel. Asin, arestora, o principal debate político español – do que o “procés català” é parte-, entrefrebados, é se a amnistia política que agasallaran aos franquistas ad aeternum tiña ou non data de expiración. Se era unha peaxe a ser paga por alguns anos para avanzar para un rexime de liberdades ou se é unha zona permanente de exclusión democrática.  A reutilización  da lexislación antiterrorista dos anos oitenta para enxuizar un Procés escrupulosamente pacífico,  que contradí o que afirma o artigo 384 da Lei de Enxuizamento Criminal  a respeito da rebelión, é mais unha mostra do que resta da política cando esta ten desaparecido sob a estatocracia. Esta simultaneidade chama a atención mais non sorprende: poderiamos debullar a histórica política dunha sociedade deseñando a súas práctica punitivas: como os procedimentos de dominación preestablecen o que pode ser dito e como a cualidade democrática se torna o axuste perfeito ás regras impostas pola explotación, se o seu dereito penal non fai outra cousa que moralizar a dominación. O obxectivo da acusación formulada contra políticos e activistas catalás, salvando os matices, non é máis do que o saneamento das condicións de dominación do rexime do 78.

A excepcionalidade permanente. A tese do delito de rebelión é a tese da extrema dereita. Por outras palabras, a súa venganza igualando o 23F ao 1O. Que significa “rebelión”? Balizar o camiño:  punir, considerar un delito o  activismo político cando se torna real.O retroceso do dereito que describira Carl Schmitt cando o que se autoconserva é o Estado.

Fico espantado ao ver evidencias nunha serie crescente de medidas cumulativas e persistentes que colocaran unha enorme presión sobre a sociedade civil. Cousas que poderian ter sido impensábeis ​​hai unha ou duas décadas agora estánse tornando tan rotineiras que case non son comentadas. Nomeadamente porque a crise do rexime do 78  facilitou a reconsideración dalgúns dogmas (ese saber maioritario que non deixa intersticio ao que non necesariamente coincide coa “verdade” do Estado). Por iso a de Iceta é tese central, da que soaban apenas as teses secundarias. O que causa pasmo é a profecía en diferido do dirixente do PSOE na Cataluña, que logo de manifestarse de brazo dado  da extrema dereita de Societat Civil Catalana (SCC),  ao invocar por si mesmo e sen mácula o rexime do 78, inocula o franquismo malgré tout  participando da historia da “emancipación”. Considerando o impacto efectivo do PSOE e o PSC sobre o estado no que nos atopamos, recusar que os crimes do rexime de Franco fosen xulgados alegando o mesmo relato que foi alegado argumento de hai corenta anos, é mesmo un mecanismo de ratificación da exclusión automática de herexías indesexábeis. Relato que vén de ratificar o xuiz Llarena no Supremo ao xulgar por rebelión a Puigdemont, Junqueras, Turull, Forcadell, Sánchez, Cuixart e seis consellers máis (non procesa Mas, Pascal e Lloveras e  pide unha fianza a todo o Govern de 2,1 millóns). O exilio de Marta Rovira enfatiza ainda máis a falta de separación de poderes no estado español. A súa perpetuación en sociedade pós-política. Precisamos máis probas para comprobarmos o feble que é a transacción constitucional que nos domina?

En 1978, no clímax da suposta unión de vontades en suposta harmonia pós-franquista, o novo texto constitucional impuña o deber de coñecer o castellano a toda a populación, medida sen igual en todo o mundo agás na Franza, modelo que importaran a medias ignorando, por exemplo, o modelo suizo. No entanto, como compensación, previu que as outras línguas eran oficiais no seus territórios e até mesmo ditou  “respeito e proteción especiais” semellando protexer a diversidade lingüística. O modelo constitucional nunca foi  igualitário, porque beneficiou claramente os falantes de español, malia recoñecer en parte as outras línguas. No entanto, logo se viu que o acordo constitucional era fraco: nen todas as línguas eran recoñecidas como oficiais no seu território e mesmo alí onde son formalmente recoñecidas nos estatutos autónomicos, esa oficialidade nen é  completa na maioria dos casos e vulnéranse sistemáticamente os dereitos dos falantes desde o momento que non se tracta de facto aos falantes das linguas minorizadas de xeito igualitario co castelán falantes, acrescentando o valor destas linguas e potenciando e garantindo a súa transmisición xeracional. Ciudadanos, os outros louvadores do rexime do 78, propuxeran que os funcionarios poidan ignorar a lingua própria dos territorios onde exercen, e o PP ameazou mais unha vez o modelo  lingüístico catalá. Non é por acaso que desta banda, haxa quen traballa a prol do castelán como lingua suprema. O supremacismo é o modelo ao que se espera se conformen todos os cidadáns. Desde a aplicación do 155 en Cataluña, o Tribunal Constitucional negou a existencia do dereito a ser atendido en catalá nos establecimentos de Cataluña. Dito doutra maneira, a “benzón” do 78 non recoñece dereitos básicos da cidadania e resta credibilidade ao o seu  autonomismo. Apunta directamente a unha Transición dirixida por supremacistas e polo propio estado franquista. Por iso non surprende que Ciudadanos e PP aproveite a aportunidade para “ben atar” o que os seus predecesores deixaran “atado”.  Mais un caso para asisar verbo da investidura do candidat Turull: o ordenamento político español prevé que o rei poida escoller entre asinar ou non asinar, de xeito discrecional, segundo lle goste ou non o que asina,  o que debería ser un trámite ordinario non optativo unha vez o parlamentos soberano toma unha decisión de maneira regulamentar. Que o ordenamento albisque a posibilidade de escolla deita unha idea da monarquía parlamentar do rexime do 78.

Cando a posibilidade dun porvir alternativo desaparece, o contexto pasado tórnase importante porque reduce a multiplicidade de desexos con un estado de cousas. De aí o entusiasta apelo neo-sacramental do Iceta. Porén, o aparente deslice do dirixente do PSC-PSOE informa de algo que está lonxe de ser anécdota. Sintetiza e enfatiza o coñecido a eito, unha visión aceptada e extendida que decorre a través dunha lóxica visión nesgada, mas fatal. En primeiro lugar, sinala o apelo á crenza, non nunha sociedade emancipada e socialista que a súa marca informa, mas aquela das condicións do 78. Un segundo aspecto, más sociolóxico: a disidencia non se vé con bós ollos. O relato crítico co acto sacramental que invoca Iceta. Os transgresores e adversarios políticos son alvo de xudicialización, en parte para silencialos, mas principalmente como unha advertencia para  os outros. No PSOE  e familia, os defensores da democracia desarmaranse imaxinando un “fin da história” coas costuras do rexime do 78, onde nada alén de suas próprias ideas era posíbel. Os autoritarios, pola súa banda, continúan practicando as súas vellas tácticas e idean novas. A cegueira é dupla: ante a lóxica xudiciaria, mas tamén o que hai que pagar polo desexo de reafirmar a iniquidade constituiva do rexime do 78. A farsa do Llarena solitario, de que a xustiza ten  razóns que a política ignora. De que o xuizo establecerá a verdade, a falta de que a verdade permita o xuizo. A fracaso do rexime do 78.

 

 

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: