off
Estado, Movementos sociais, Opinión, Política — 21 Febreiro, 2018 at 10:02

Son súas ideias que os tornan suspeitos, logo son presos políticos

por

"Como xa aconteceu co resto dos investigados, 
o candidato mantén sua ideoloxia de soberania" 
(xuíz Llarena)
"Eu me rebelo entón somos"
(Albert Camus)
“Os que non pensan non merecen ser persoas, digo eu” 
(Balbino en Memorias dun neno labrego, Neira Vilas)

Hai hoxe presos políticos nas democracias emprazadas, en particular, na España ? Habelos hainos ainda que a resposta é  complexa porque en primeira instancia as democracias non recoñecen o estatus de prisioneiros políticos. Porque se houber un estatus de prisioneiro político, o que estaría en causa é a própria democracia e vice-versa. E se for un erro político aceptar a distición entre preso politico e o preso común?


É consubstancial ás democracias emprazadas recusar a terminoloxia de “preso político”. “Non hai prisioneiros políticos”, clamaba o ex primeiro-ministro francés Manuel Valls na sua primeira visita á Corsega. De feito, esa categoria non existe na lei francesa nen nas democracias emprazadas. No entanto,  calquer acto que reivindique unha xustificación política pode dar estatus de preso político. A de Valls é simplesmente a recordación de que as leis da República Francesa son aplicábeis ​​en todo o seu território e nada mais. Porque o apertado estado xacobino, irreductibel  ás diferencias e á liberdade libidinal, tamén acuñou  terminoloxías  e produciu homes non virtuosos ( criminosos comúns, presos políticos ou ilegalistas políticos)  segundo conveña á “razón de estado” (en non poucos casos, listando persoas acusadas de “colaboración cos inimigos da nación” para defenderse até a “derradeira pinga de sangue”). Como na Franza,  coa ” obrigación de denuncia”, o proxeto de lei Sarkozy sobre a prevención da delincuencia, na España a “lei mordaza” (e antes a Lei Corcuera) e os artigos máis represivos do Código Penal, o alargamento indefinido de penas e a moi ilustrativa secuencia dos feitos após aplicación do artigo 155 da CE, a viraxe embalsamatoria da tolerancia vai caendo do lado da seguranza das políticas neoliberais e o seu fundamento xurídico. Entre o reciclado polo novo autoritarismo está a democracia. O neofascismo chegou ao poder pola via das urnas. De aí que Badiou o defina como un “fascismo democrático”, insistindo en que é “algo novo”, ainda que totalmente “vello”porque designa precisamente unha política “dentro do xogo democrático, mas tamén  un afora: adentro e afora, e adentro para finalmente estar afora” (Alain Badiou). Que os gobernos pasaran na globalizacón a ser menos responsábeis ante o seu parlamento e as persoas só fronte aos mercados non é novo ; os sistemas tornáranse  “democracias plutocráticas” xestionado por unha nova “nobreza de estado” como Pierre Bourdieu a ten cualificado. Un sacerdocio que custodia o que é “sagrado”, porque baixo o político está o teolóxico. Será por iso que a idea de democracia esté en todo lugar, logo ela non está en ningures! Porén, a democracia como forma política, só pode existir se a nivel dos individuos se desenvolven certas relacións de poder, por iso non pode darse en calquer parte.

Para visar a división actual entre a sociedade e as institucións habería casos a eito que amostrar (nomeadamente no ámbito anarquista e no soberanismo basco, catalá e galego), mas a situación catalá permite, nomeadamente, o acontecido após o referendo o 1-O e da eleicións de decembro de 2017 , ilustrar moi ben esa lóxica segundo a cal os cidadáns van sendo privados do significado de votar perante a descuberta de que o máis valioso non son eles máis o Estado que a xustiza ten a función de protexer e non o dereito e o individuo. Ao cabo,  a democracia reducida a referendo é apenas a súa contaxe, non unha deliberación. Por iso, hai quen solicita unha “democracia contínua” en que estarían máis “ligados ás políticas do público.

Critérios para a definición do “prisioneiro político “

Foi apenas en 2001 que o Consello da Europa comezou a considerar uma definición de prisioneiro político no dereito internacional. Os critérios obxetivos foran definidos e adotados por todos os órgaos do Consello da Europa e, en xeral, polo dereito internacional e o estado español. Para ser considerado un “prisioneiro político”, unha persoa debe cumprir polo menos un dos critérios oficialmente definidos: a) detención imposta en violación das liberdades fundamentais (pensamento, consciencia, expresión, asociación, etc., b) detención por razóns políticas non relacionadas a unha infracción, c) desproporción, por razóns políticas, entre a duración ou as condicións de detención e a gravidade da infración, d) discriminación dunha persoa detida en relación a outros por razóns políticas, e) irregularidade do proceso de xulgamento por razóns políticas.

Desde este ponto de vista, as duas nocións  parecen repelerense como auga e aceite, se houber estatus de prisioneiro político, é que non hai democracia, e vice-versa. O raciocínio é este: non pode haber prisioneiros de consciencia nunha democracia, unha vez que todos son libres para expresar esa opinión. Por causa do dereito de expresión, o uso da violencia non pode ser considerado a ter forma de lexitimidade política. Porén, nun rexime autoritário onde o poder dominante censura o xogo das opinións para evitar o xurdimento dun contra-poder, a violencia pode ser concebida como a única maneira de expresar unha oposición política. Pola contra, se esta expresión é sempre posíbel – no choque de discursos direcionados ao consenso democrático -, a violencia non pode basearse en razóns políticas da mesma orde que as do poder dominante. A violencia que non vén da orde democrática, necesariamente, cae no dereito comun, a represión pola prisón non é política, mas simplesmente criminosa. Calesquer que sexan as razóns, a violencia é sempre criminosa e apenas criminosa nunha democracia. E sen non houber violencia e ainda así non fora recoñecida a lexitimidade de súa causa? Non cuestionaría automaticamente a lexitimidade do poder, isto é, da lexitimidade democrática emprazada?. As últimas actuacións do goberno español e do aparato xudicial levan a cuestionar as potencialidades autoritárias  das democracias liberais emprazadas cando derivan cara o legalismo ideolóxico e o primado da hexemonia do consenso sobre o disenso e o conflito. Todo o que ameaza a orde política e social do que afirma ser unha democracia só pode ser percebido e tratado como unha manifestación criminal e patolóxica, colocada nun plano diferente do protesto político.Isto quer dicir, tal como afirmaba Ermund Burke e logo apañou Arendt, que os dereitos humanos abstractos -aqueles que se dan con independencia de calquer comunidade- non son dereitos.

A Amnistia Internacional aborda a cuestión dunha perspectiva un bocado diferente. A ONG destaca dous conceitos, o de “prisioneiro político”, por um lado, e o de “prisioneiro de consciencia”, por outro. A vantaxe da definición da ONG é que distingue entre “prisioneiros políticos” que recorrem a violencia e “prisioneiros de consciencia”, que son presos por defenderen opinións políticas de maneira pacífica.  A primeira categoria aplicase, de acordo coa organización, a todas as persoas detidas   polas suas crenzas políticas ou relixiosas ou outros motivos de consciencia (…) e que non usaran a violencia ou defendan seu uso “.  A organización esixe a libertazón imediata deses prisioneiros. Segundo Amnistia, un preso político é unha persoa aprisionada por defender seus pontos de vista políticos de calquer maneira. Esta persoa non é un criminoso común porque defende ideas políticas; mas pode recorrer ao uso da violencia ou incitamento à violencia para alcanzar seus obxetivos. Para esas persoas, a Amnistia pide xulgamento xusto e condicións de detención “aceptábeis”, isto é, sen tratamento cruel, desumano ou degradante. Canto aos prisioneiros políticos, a organización reivindica seu direito a un xulgamento xusto.

Portanto, esta definición recoñece a existencia de prisioneiros políticos nas democracias emprazadas, mesmo que non teñan presos de consciencia. De acordo con Amnistia, os membros de organizacións que teñan utilizado medios terroristas, poden ser recoñecidos como prisioneiros políticos. A definición de Amnistia permite que o estado acepte – sen as descualificar ou discriminar – persoas que loitan contra as leis existentes, mesmo aquelas que usan a violencia. Esta distinción permitiulle a  Nelson Mandela ser recoñecido como prisioneiro político e, portanto, defender seu direito de ser tratado de forma xusta, sen ser considerado prisioneiro de consciencia, xa que usou a loita armada. Esta definición  permitiria   evitar eses preconceitos ideolóxicos no dereito internacional. No entanto, o Consello da Europa considera que non é útil distinguir entre estes dous conceitos de prisioneiro político e consciencia , unha vez que, nunha democracia, todos benefician da liberdade de expresión, non habería necesidade de recoñecer que as demandas políticas poden ser expresadas pola violencia. E se a compulsión nas democracias emprazadas tende a que o Estado de dereito oligárquico (as oligarquías estatais segundo Jacques Rancière) se desentenda do pobo e da política, despolitizando os asuntos políticos, como nos dí Rancière, até reducilos a non-lugares sen espazo para invención democrática? Fica espazo para unha sociedade de indivíduos deliberativos? Acredítase ainda no “exercicio virtuoso” de poder  cando hai medo en deixar en maos dos cidadáns o seu destino?

Democracia atrofiada crea anomalías

As democracias atrofiadas producen herexes….O dereito penal funcionalizado produce o irreparabel. Os delitos inexistentes crean presos políticos realmente existentes. Sen que isto sexa algo pexorativo para o presos, mas é pexorativo para a democracia española e a súa caza de bruxas xa que o independentismo que saibamos non é ilegal. Lémbrese aqui como amplos sectores do españolismo teiman alegar  que o dereito de autodeterminación foi recoñecido apenas para as colónias no inacabado proceso de descolonización das potencias europeas. Xa que formalmente Cataluña, Euscadi e Galiza non son colonias, as medidas aplicadas polo Estado español non poderian ser consideradas próprias da lóxica colonial. Cómpre ainda lembrar  a ausencia do Estado en Galiza durante a catástrofe do Prestige?  Tan rápido esquecimos  os voluntarios que fixeran o traballo duro e que foi Nunca Máis e Burla Negrs quen achegou critica e información acaída fronte as intoxicacions oficiais e periodísticas para desprestixiar a sociedade civil que fronte a negación e desleixo da Xunta e do Estado optou por autoorgarnizarse, informando, limpando e auxiliando? Até que o Estado non tivo máis remedio que recoñecer a catástrofe (após afectación de Portugal e Franza) malia a ruin factura de imaxe.

Ou é casual que agora se afasten da circulación líderes do soberanismo na Cataluña, sexan ou non cargos eleitos? O Prestige e o Procés mostran estratexias propias do colonialismo de Estado e unha nesgada apliación da lexislación, con criterios de selección moi claros nas diferentes operacións deseñadas para desartellar supostas accións de rebeldía (cando non directamente tipificadas como “terroristas”: velaí a operación Pandora) sob o ditado, grosso modo, do que Michel Foucault chamaba “lei antiexcesos” nun artigo publicado en Le Nouvel Observateur en 1979, segundo a cal se poden fabricar “autores de excesos”. Quer dicir, permite á policia fabricar ao momento un “delito” e un “delincuente” (a sobredimensión do valor probatorio das declaracións dos axentes da autoridade). A lei de Protección da Seguranza Cidadá  alicerza nunha vella obviedade, xa sinalada por Foucault, segundo a cal ao “sancionar as infraccións, a xustiza gábase de garantir a “defensa da sociedade”. Mas, defender a sociedade contra quen? Quen se asigna a función de velar por nós, quen vixía e dí gardar a poboación, respeita aos suxeitos de dereito? Grande perigo o voto na urna, pequeno perigo o fraude fiscal. Porque o perigo é o que está trás o xesto do votante catalá o 1-O: todos os referendos por vir, mas tamén todas as manifestacións e disidencias vindeiras. Perante a imposibilidade de perseguir a todos os infractores votantes do 1-O o máis eficaz é amedoñar e intimidar con medidas exemplificadoras. A disidencia dá medo e ese medo cultívase.

Dicía Hannah Arendt que ainda máis importante do que a glorificación dos dereitos das persoas dentro dun estado legamente constituido, é o esforzo por evitar que a xente poda convertirse en anomalías legais de brazo dado dunha loita constante contra o exercizo do poder arbitrario que esta situación a miúdo supón.

A vella crítica do princípio representativo que encetara Jean-Jacques Rousseau reduce ao cidadá a ser apenas eleitor e votante. Aristóteles preferia o sorteo á eleición. O xurista constitucional francés Dominique Rousseau fala de  “democracia contínua” (Radicaliser la démocratie – Propositions pour une refondation, Ed Seuil, 2015) e nun intento de alargar o xesto eleitoral da “atrofia” (Luciano Cantafora) invoca o dereito a radicalizar a democracia, a subvertila porque a lei é mobilizada polos individuos  e o pobo. Mas o dereito  é formado tanto por reivindicacións de dereitos-crenzas como direitos-liberdades. É o vincallo entre o indivíduo individualista e a solidariedade individual, entre os dereitos individualistas e os dereitos relacionais, os que permiten enfraquecer o poder do capital  e posibelmente avanzar a causa social.

É Espinosa quen di que é imposíbel privar os indivíduos da liberdade de expresar o que pensan. Porén, non é apenas cousa de filósofos que observan a liberdade de maneira diferente co alvo de sair das leis e restricións do estado para poder organizar a acción política popular sen estar suxeito à idea de poder, representación no estado, eleicións ,etc. A  nosa é unha epoca  paradoxal onde todo o  descritivo é  prescritivo: aquí a lexítima defensa dun ideario por vias democráticas non delictuosas está a ser xulgada a través de autos ideolóxicos que din cousas como “o candidato mantén sua ideoloxia de soberania” . Todo iso seica merece prisión provisional porque se foi argallando un enguedellado relato mas irreal para incorporar a violencia no Procés. Un relato que comeza coas querelas da Fiscalía, fundamentalmente nuns atestados policiais feitos e medida e aceptados pola Audiencia Nacional e o Supremo.  O acusador artella a verdade só de brazo dado  da Guardia Civil. Mas, o delito de rebelión non é evidente como non evidentes as probas. Portanto, por que a instrución? Eís o perigo dunha lexislación que convirte en delito o simples feito de participar, pensar como…

A defensa de determinados proxectos políticos é ilegal na España. Quen cuestiona que os presos Quim Forn, Oriol Junqueras, e os Jordis, entre outros con motivacións políticas e outras aparentemente non políticas que están na prisión, alicerzan o seu argumentario en que desprezaran o estado español e que están na prisión polo que fixeran. O argumentario do xuiz Llarena parece non darlles a razón. O tema arestora non é se algún dia os xulgarán polas súas ideas ou polos feitos, mas se manter a extrema medida da “prisión preventiva” en función do que supostamente tiñan feito, e que ainda non foi xulgado, ou das ideas que profesan. A resolución do xuiz Llarena perante as peticións de sair da prisión de Forn e Sánchez afirma que “como xa aconteceu co resto dos investigados, o candidato mantén sua ideoloxia de soberania”. Quer dicer, se non a mantiver, se adxurara da súa ideoloxía de xeito público e notorio até facerse acreditabel, por outras palabras, se deixara de ser soberanista e confesara a doenza de querer a independencia para o seu país, abriríanlle as portas da prisión. O xuiz tórnase médico dicía  Foucault. Porque se non for así e non adxurara, cando saira da prisión podería tentar acadar, mais unha vez, a independencia de Cataluña. O que causa pasmo é a gradación penal (e menos para a prisión preventiva) segundo se os imputados teñen responsabilidade executiva ou non. Até o extremo que esta cacería “prevaricadora” leva a imputar responsabilidades penais por producir un documentário. Perante este argumentario a sobrevida tipificación do delito de rebelión ben poderia ser unha estratexia para inhabilitar cidadás e cargos públicos que como moito acabarán condeados por desobediencia. O grave é que están en prisión. Hoxe mesmo o ex-fiscal en xefe de Cataluña José Maria Mena afirmou non ver un delito de rebelión.

Con certeza, aqui o estado democrático non é o estado feudal ou o estado ditatorial, que une o estado da natureza polo feito de que os dominantes se conceden todas as liberdades e todos os poderes, dispondo da liberdade e mesmo da vida e morte das persoas. Mas, ao mesmo tempo en que leo e releo a resolución do xuiz Llarena como se fose unha inscrición gravada en pedra, perguntome, paralisado, por que é tanto o silencio que atravesa as hespañas? A xustiza  é da sociedade e non do Estado, portanto, debe ser reformulada. Porque o cerne da modernidade non é tanto a existencia de igualdade como a necesidade de defender racionalmente o fundamento da diferencia  e a disidencia.

Se o dereito é  a política…

Non  é un erro político da esquerda pedir seren tratados como presos políticos desde o momento que aceptar a distinción entre político e común non é mais do que recoñecer o modelo legalista a través do cal – como tén sinalado a eito Michel Foucault – se apartan da circulación presos de dereito común que impugnan a sociedade da que son víctimas , o que fai parte dun sistema penal que non é mais ca relación de poder ao servizo das clases e partidos dinástico hexemónicos?

Coda. O artista madrileño Santiago Sierra denuncia en ARCO a existència de presos políticos na España.Expón setenta retratos da obra ‘Presos políticos españois contemporáneos’, entre eles, non están tod@ss, o de Jordi Sànchez  e Oriol Junqueras. Entre eles tamén os oito membros do grupo ecoloxista Solidari@s, os sete da organización basca Segi, os dirixentes do xornal  ‘Egin’ e os titeriteiros aprisionados hai dous anos despois  de representar  a obra ‘La bruja y don Cristóbal’. Na  galeria Helga de Alvear

 

 

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: