off

Autocritica de parte na Cataluña: o fracaso Rajoy

por

Campaña do Govern chamando a participar o 1-O

Autocrítica é a palabra da semana na Cataluña. En democracia é un dereito e un deber exerzer a crítica, porén, no contexto actual a sociedade española ten sido pouco crítica respeito da corrupción sistémica e semella que imos cara unha sociedade ainda menos crítica respeito ás imposturas cando sirven ás propias conviccións. Nun contexto de xeral servilismo, autocrítica de quen e para que? Pensando en Cataluña, sobreenténdese que só de parte do independentismo. Na liña de …en qué consistía o erro do Procés? Os líderes do soberanismo veñen de recoñecer que non había condicións para a República nun contexto represivo nen maioría social de abondo para defrontalo ( como se fose tan obvio saber en que  condicións se podía declarar a independència  con suceso sen telo intentado): que se o feito de ter seguido a vontade emanada das urnas foi un engano porque o exercizo efectivo da República avanzaba segundo un cronograma de prazos imposibel de cumprir, que non houbo clareza após a resistencia do 1D  mas non habia preparación de abondo para conter a embestidas do estado español….Para os realistas, parece ser que había moitas cousas preparadas para un escenario de diálogo democrático co goberno español, mas non para un escenario represivo. Anna Simó(ERC)  e Salellas (CUP) explicaran que Puigdemont fora advertido polo goberno español da intención do Estado de utilizar as armas contra os cidadáns que ousaran defender pacíficamente co seu corpo a república catalá nun escenario de violencia extrema[sic]. De ser así, os mandatarios ignoraban que o Estado podía utilizar a forza despois do precedente do 1 de outubro? Non tiveran abondo coa explícita ameaza militar do  Filipe VI na mensaxe televisada do 3 de outubro? Con certeza? Non detectaran o medo nas rúas? Houbo irresponsabilidade ao crear expectativas por non ter chamado ás cousas polo seu nome?  Houbo un problema de intelixibilidade respeito á maioría social que se precisa para proclamar unha DUI de 24h. Acreditaran nela?  Se non agardaban a reacción represiva do Estado  defendendo a súa posición, os soberanistas teñen millor concepto de España que os proprios unionistas, que a corte madrileña que coapta o Estado, sen dúbida.

Alén da unilateralidade hai unha reinvención  en curso do relato independentista que evite os custos do confrontamento interno entre cataláns, os riscos económicos detectados (que encarecerian a débeda española) e procure a restitución do autogoberno. A alegada autocrítica soberanista debruza pois no recoñecemento desa insuficiencia e a fin do tempo de Junts pel Sí.  ERC quer continuar dándolle forma á República e o PdCat fala da posibilidade doutras solucións que non sexan a independencia. A CUP avanzou que non tiveran tempo de acordar candidatura conoutras formacións de esquerda (Procés Constituent ) malia haber vontade de futuras colaboracións confluencias. Non ao 155,  libertazón dos encarcerados e referendo pactado serían os puntos programáticos comúns aos tres, mais tamén chamado da CUP á autoorganización e resposta en defensa dos dereitos civís e políticos desde o municipalismo e o internacionalismo contra a forza autoritaria do Estado. De non renunciar á unilateralidade a CUP facilitarialle a ERC un posibel pacto cos Comúns. Porén, seica non houbo xa unha DUI ainda que non tivera consecuencias legais imediatas? E se o presidente lexítimo Puigdemont non gaña o 21 de decembro? Pedirán todo o soberanismo o restablecimento de todo o goberno lexítimo se non se dan unhas eleicións en condicións normais?Ás veces varias voces separadas suman máis do que xuntas.

É humana condición a procura de culpabeis internos e externos cando as cousas se torcen e non sae segundo a expectativa creada.  En contextos asimétricos, adóitase asimilar o discurso do outro, culpabilizándonos a nós mesmos de todo o acontecido. Ao cabo, o referendo de autodeterminación non mostrou a falta de maioría social do soberanismo porque houbo referendo, mas  é proba de que súa alegada insuficiencia foi inducida pola accion directa do propio Estado a través da implantación de medidas de excepción. Sempre é dificl alegar equilibrio, racionalidade e siso fronte un uso sen escrúpulos da lei que deturpa a letra e o espírito que a alimenta.

A autocrítica sempre me pareceu a compañía da santa chaga se non alicerza nun procedimento crítico ideolóxico que atinxa a todas a partes implicadas. Fai autocrítica o nacionalismo español de estado pola súa envestida ao Estatut ou ignorando e descualificando a demandas catalás? No contexto da razón cínica da sociedade posmoderna,  pode ser un punto de fuga e unha especie de profilaxe inducida, como unha experiencia de verdade por acomodación as demandas da realidade social que se dá como se a enerxía crítica atopara unha saída substitutiva na loita polas diferenzas,  mas que non afecta para nada á homoxeneidade básica.

Portanto, pode ser a autocrítica de parte mais unha forma xeralizada de arremeter contra o outro? Podería ser a autocrítica dos outros mais un xeito de instrumentalizar a indefensión catalá por parte dos partidos nacionalistas españois e a opinión públicada (abondosamente financiada polo Estado protector e polo Ibex35-  desde unha perspectiva cega incapaz portanto de reflexión crítica ningunha verbo  da sustitución da política por un legalismo ideolóxico capaz de xustificar a violencia do estado e a represión ao ditado da unidade de España e o “a por ellos”?  A autocrítica dos outros como claudicación e, portanto, via libre para explotar o que consideran un suceso perfectamente alineado co relato de arrasamento e terra queimada.

Agás o acañado chamado do PSOE a revisar a Constitución non apercebimos autocrítica ningunha entre os partidos nacionalistas españois que  validaron a aplicación do artigo 155 da CE. Porén, trátase dunha revisión regresiva que no canto de escoitar as reinvidicacións catalás (e as que baixo sordina emanan de Galiza e Euskadi) pretende curtar competencias e outras funcionalidades administrativas. Portanto, é unha crítica revisionista do “estado das autonomías” aquén do calendario do golpe de estado do 23-F, que non tiña máis alvo que reverter o excesivo autonomismo da CE. Alén diso, o que hai é un único relato que os identifica a todos iguais en todo. Quer dicer, uniformizar España. O vello relato dun proxecto fallido de estado, que nunca valorou a pluralidade nunha actualizada afinidade revisionista sumamente significativa entre as forzas políticas españolas: o PSOE, que leva trinta anos defendendo o federalismo, non deu paso ningún nesa dirección malia teren gobernado simultaniamente como PSC na Generalitat  e en España; Cidadáns, que seica naceu para españolizar Cataluña, combater a corrupción e o esencialismo, acaba envolvéndose na bandeira española e rachando o principal consenso social na Cataluña a través da instrumentalización da escola e da inmersión lingüística; a achega ao debate do PP foi a do auténtico de cortijo, deixar atada e ben atada a Constitución e nese obxectivo xudicializar a política e utilizar as porras como modus operandi propio dunha organización mafiosa que se alimenta da extorsión e a corrupción.

Na España posdemocrática perder un ollo ou recebir un golpe de porra e non aceptalo pode ser constitutivo de “delito de odio”. Un delito pensado para defender minorías en situacións conflictivas, mas está a ser empregado polas maiorías para desacreditar a crítica e limitar a liberdade de expresión.“Co 155 os españois descobrian que o Estado pódese defender” afirmou Rajoy. Eís a confesión do momento: o  seu fracaso. E a proba de que significa o denominado “delito de odio”: o medo aos cidadáns (compárese a permanente disonancia que hai entre o que se dí no Congreso dos Deputados e o que se aproba no BOE)

Porque en toda internalización ideolóxica sempre hai unha insuficiencia que persiste, seguindo de perto o traballo de Zizek, “sempre hai un residuo, un resto, unha mancha de irracionalidade traumática e sen sentido” que “lonxe de atrancar a plena sumisión do suxeito ao mandado ideolóxico” este resto indivisibel  tórnase  “a súa propria condición”. Non é a realidade quen autoriza a debullar o contido da nosa experiencia inmediata como ‘ideolóxico’”- mas “o ‘real’ reprimido do antagonismo”. O que se recoñece falsamente nunca é a realidade, mai ben a ilusión que estrucutra a realidade toda. Haberá que falar a partires do 21-D, porén, o sublime obxecto da República independente nunca tanto apoio tivo entre a cidadanía catalá.

A autocrítica xeralizada ten valor se esta non chega en condicións asimétricas e baixo ameaza e confesión inducida polas labazadas, mas  non como forma de apelarmos ao manuseado realismo (a realidade non é tan cambiante) como forma de adxuración ideolóxica , porque nunca pode ser un erro unha declaración de independencia cando así o quere unha maioría democrática. Porque a perversión da autocrítica é que pode adoptar formas diversas, entre delas, a da flaxelación pròpria do santo-martir, tan cara á concepción decisionista da política, aquela que debruza nas iluminacións do lider. Para decilo noutros termos de Zizek, o “fracaso” da interpelación é o constitue  “o signo do seu suceso final”. Ofrecernos a realidade social mesma como unha fuxida dun núcleo traumático, real”. Porque cómpre non neglixenciar que  desde unha perspectiva española, sendo o pacto constitucional o milagre da Transición malia ter sido fortemente cuestionado  tiña sido interiorizado mas vén de ser activamente rachado por quen afirma defendelo, a capa e espada.  A súa suposta reedición non ficará resolta por decreto lei ao chamado dunhas eleicións coloniais porque millares de cataláns tamén  interiorizaran traumáticamente o acontecido após a agresión contra o Estatut de 2006  (mesmo de preceptivos artigos que aparecen noutros Estatutos) e  a blocaxe de inúmeros proxectos lexislativos. U-la autocrítica dos partidos e medios españois sobre a rutura daquel pacto constitucional que na altura serviu para para o franquismo mas na práctica serviu para consolidar un rexime duopólico? A autocrítica sobre a laminación do Estatut catalá do 2006, u-la? É aceptabel amedoñar redaccións de xornais e clausurar webs? Non houbo intervención policial discrecional e unilateral o  1-O?  Achan que é  aceptabel consentir a deriva autoritaria e hostil  do goberno do Estado cando  houbo de ser contida con chamados á non violencia desde estamentos políticamente afíns da Unión Europea coma Donald Tusk?

Fenómenos como o Procés e o referendo poden ser conceptualizados como un exceso da Razón mas tamén como consecuencias da falta de profundización nela. Ao meu ver a experiencia refrendaria catalá como antes o infeliz referendo grego de 2015, permitian albiscar a posibilidade de abrir fendas no consenso postideolóxico mediante o que a  política pasou a ser enxergada como unha simples administración (postpolítica) da realidade social. Precisamente agora é cando o Procés aparece na súa verdadeira dimensión. Permitindo a caracterización da canallada política e mediática española que propón reemprazar a política xeral e de clase por unha política identitaria e multiculturalista sen fenda interna (o que para Zizek “testemuña a homoxeneización sen precedentes do mundo actual”) onde se barra, reprime e culpabiliza todo o que irrompe ou perturba. Arestora resulta máis doado maxinar o deterioro da democracia española e dos dereitos fundamentais que a deconstrución da unidade de España (ese punto cego da democracia española convertido en ben superior). Só hai que fitar a grande cantidade de series histórico españolas da última década , de”Isabel” (2012) a “Conquistadores: Adventum”(2017), que acompañan e conforman o marco mental do momento. Que non é outro que o marco mental dunha sociedade española máis reaccionaria, que é quen de concordar coa intervención represiva na Cataluña. Unha sociedade, a española, que foi aumentando en conformismo e submisión, impasibel perante o anuncio da ocupación das institucións catalanas e da intervención pola forza.

De pouco servira a autocritica catalá se persiste a acrítica complacencia española para reconsiderar as políticas dos diferentes gobernos  durante os últimos anos, condensadas todas elas na aplicación do 155 e no encarceramento dos representantes lexítimos do pobo catalá por teren aplicado o seu programa aprobado maioritariamente nas urnas. De haber fracaso este é de todos. Ou non é un fracaso a antipolítica  de antepor a “unidade de España” perante a posibilidade de interpretar de xeito flexibel o marco legal?

Con certeza, os votantes independentistas precisan explicacións, mas tamén os non independentistas e os españois  deberian exixir  explicacións ao goberno español pola represión e a aplicación do artigo 155. Porque se algo ficou claro desde a perpectiva española é que o soberanismo catalá  sirve como coartada para non recoñecer a crise de gobernanza que vive o rexime español e o autoritarismo  postdemocrático que parece que veu para ficar. As utopías teñen un prezo, mas tamén o realismo acomodaticio ao que hai ten un custo cando os cidadáns acaban sendo percebidos como unha ameza. Obviamente, malia a distensión,no bloco do 155 non están pola laboura de erguer pontes, mais ben o contrario xa que veñen amosando un indisimulado desexo de intervir os meios de comunicación de titularidade pública e  intervir e dividir a escola catalá.

O soberanismo non acadou o alvo nos prazos previstos, por iso precisa concorrer as eleicións coloniais  para facer da anomalia democrática, co goberno lexítimo cesado,  encarcerado máis da metade e outra parte no exilio, unha inflexión para reorientar o Procés. Ao cabo, ou ben gañar autogoberno para reencamiñar a legalidade e lexitimidade das institucións e defender dereitos fundamentais ou ben entregalo á ocupación colonial (con só 8% de representación) lexitimando así a situación de excepción de facto.

1 Comentario

  • A min dame que o nacionalismo español quedou coas ganas de arrasar Catalunya.
    É prácticamente imposible un president unionista.
    Cd´s é unha forza residual.

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: