off
Cedeira — 6 Maio, 2017 at 8:12 a.m.

Cursiño para exercer de guia-intérprete do patrimonio cedeirés

by

[Pingota Comunicación] Coa finalidade de xerar emprego, formar, e darlle continuidade a ofertas turísticas como as Xeorutas, o Concello de Cedeira promove a celebración dun curso de 16 horas de duración que capacitará aos participantes para exercer como guías-intérpretes dos valores naturais e patrimoniais da vila e a súa contorna. A iniciativa levarase á práctica os días 27 e 28 do presente mes de maio. As persoas interesadas teñen a posibilidade de inscribirse tanto no Concello como a través da páxina web. O prazo rematará o día 19. O curso contará cun total de 20 prazas e está dirixido preferentemente a graduados en Xeoloxía, Bioloxía, Ciencias Ambientais, Xeografía e Turismo aínda que, tal e como puntualizou a concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez Pérez, “tamén poderán participar persoas en xeral que teñan interese polo coñecemento e a conservación do medio natural”. No caso de que existan máis solicitudes que prazas, o Concello levará a cabo unha selección na que se valorará desde ter feito outros cursos relacionados coa natureza, entre outras materias, ata levar empadroado en Cedeira máis dun ano. En canto á formación, Rodríguez Pérez apuntou que haberá teoría pero tamén práctica e que formarán parte do profesorado Francisco Canosa, doutor en Xeoloxía; Laura Carquijero, licenciada en Bioloxía; José Manuel Sierra Pernas, licenciado en Historia, e Emilio Ramil, licenciado en Arqueoloxía. Na súa intervención, a concelleira tamén recordou que o Concello leva xa bantante tempo traballando, xunto a outros da comarca, a prol da creación de Xeoparque do Ortegal e, neste sentido, apuntou que o curso que agora se convoca vai nesa mesma dirección, facer da riqueza xeolóxica e natural de Cedeira un recurso máis de cara ao sector turístico. O curso está financiado pola Consellería de Pesca con fondos europeos para o desenvolvemento dos municipios costeiros e impartirase en horario de fin de semana.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off