off
Cedeira, Cultura, Mar e Pesca — 10 Febreiro, 2016 at 12:23 p.m.

Mares de Cedeira asina o acordo-marco do Museo do Mar

by

MaresCedeira_sinatura_acordomarco_Museo_OLLAPARO-20160209-WA0008Onte, 9 de febreiro, ás oito da tarde e nas dependencias da biblioteca da Casa do Mar da Confraría de Pescadores de Cedeira, tivo lugar o acto de presentación oficial da Asociación Mares de Cedeira que vai un tempo levan enredándonos a diversos sectores e persoas desta vila de tan grande tradición mariñeira, como curta era até entón a memoria e a iniciativa de recuperación do noso pasado. Unha data para recordar e un soño de tres náufragos como relatou nun ambiente moi concorrido e distendido con medio cento de veciñ@s un dos seu promotores, Xosé de Vigo. Un soño que realmente era unha necesidade, a creación dun Museo do Mar e a habilitación dun local cedido nas dependencias da Casa do Mar coa intención de que trascenda a simples exposición de pezas locais, chegando a ser tamén unha aula dinamizadora da vida cultural cedeirense con vista tanto a veciñ@s, estudantes e turistas.

Foi  interesante e divertida a exposición dinamizada por Xosé de Vigo con proxección de imaxes  sobre a nosa historia e tradición mariñeira (conformadora da nosa economía e legado cultural)  dándolle pé a gabarse da  “solidariedade gremial” mulleres e homes  fronte a adversidade como elemento que impulsou a existencia da nosa vila como exemplo para unificar criterios e xuntar mans no  proxecto que agroma agora, principiado o s.XXI. Alén diso, o momento serviu para dar a coñecer o relatorio de iniciativas e persoas que queren contribuír coa súa presenza e coñecemento na actividade desta sociedade.

O seus promotores Xosé de Vigo, Eduardo do Mimo e V. Vilarelle  logo da exposición histórica e a declaración de intencións,  convidaron ao público a reflexionar en silencio cando reivindicaron, soerguendo as vellas imaxes de mareantes cedeirenses e operárias do salgado, redeiras e mariscadoras que alicerzaron en grande medida o que hoxe somos , sendo por eles e para eles, para todos e todas @s miudo@s de hoxe. Unha oratória que foi do agrado dos presentes que rematou cunha longa ovación e aplausos.

A continuación, o presidente de Mares de Cedeira V.Vilarelle, a Patroa Maior Lucía Villar e o rexedor local Pablo Moreda fixeron unhas curtas reflexións nas que confirmaron a súa adhesión ao proxecto e a emoción engadida que supón participar nel até velo realizado.

Para rematar, o alcalde Moreda resumiu o Acordo Marco entre a asociación promotora, o Concello de Cedeira e a Confraría de Pescadores que ratifica a creación do Museo Mares de Cedeira escenificando publicamente o asinado do documento por tódalas partes comprometidas.

Rematado o acto de presentación, público foi convidado  a visitar as futuras instalacións do Museo Mares de Cedeira.

Dende Ollaparo parabenizamos a iniciativa e os esforzo dos “náufragos” impulsores, iniciativas similares foron historicamente demandadas -aló polos oitenta-  aos poderes públicos pola factoría Chirlateira dende as páxinas desta revista. Moito ánimo e longa vida

Ao mellor tamén che interesa:


Entrevista: Mares de Cedeira: “O museo pode chegar a ser un referente do pobo”

Galeria fotográfica: Cedeira en foco

2 Comments

  1. X. Antón Suárez Aneiros

    A ver se cunden iniciativas coma esta. Con tesón e vontade pódense facer moitas cousas. Noraboa a Mares de. Cedeira e parabéns ó pobo de Cedeira.

  2. Vai ser moi positivo para Cedeira.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off