Afirma o filósofo Slavoj Žižek que a nosa indignación subxectiva cos actos de violencia -por exemplo, a puñada a unha figura política– céganos para a violencia obxectiva do mundo, a violencia onde somos autores e non apenas inocentes espectadores. Mariano Rajoy vén de recebir o que técnicamente se chama unha hostia na cara cando facía paseo electoral ao servizo da democracia, do estado de dereito e da unidade de España na súa vila natal de Pontevedra, perturbando a suposta paz da campaña electoral e da nosa vida cotiá. A lamentabel agresión a Rajoy ocupa as capas do quiosco, mostrando salientables diverxencias á hora de tratar o incidente. Ao cabo, estamos en campaña electoral, como se deduce da moitedume de columnas culpabilizando á esquerda e ao nacionalismo (ver a capa ‘gore’ do ABC). Porque a máis da imprensa que entra activamente en campaña, houbo comentarios de dirixentes do PP nos que se insinuaban vincallos entre o murro e a actuación das outras forzas políticas. A caracterización do agresor foi evoluindo de independentista galego a antisistema, de “rapaz con problemas” a “rapaz” a secas e, finalmente, a “incidente”. Según La Voz de Galicia, o agresor seica é familiar da muller de Mariano Rajoy.
Ao chamado da vexiga, do autointerés, perdemos vista a realidade obxetiva do xogo e a nosa implicación na súa acción. Esquecendo o feito de que estamos mexando a ollos do mundo. Así acontece coa violencia, dí Žižek. A violencia obxectiva subxace e é precondición da subxectiva. Eís a ilusión ideolóxica do presente, das súas múltiples hipocresías. Cada un de nós está no cenario a mexar no pote das plantas. Žižek pídenos para dar un paso atrás da falsa urxencia do presente e derrubar o bo senso, o sentido común.
A ousada tese do filósofo esloveno é que a violencia que enxergamos – a que imediatamente identificamos na hostia Rajoy – é ela própria produto dunha violencia oculta, profundamente arraigada nas bases de noso sistema político e económico.
Mariano Rajoy, que adoita amosar falta de coraxe para algúns temas, teima decote en obviar a realidade escudándose na enxurrada de números cando a realidade fala noutros termos (como o proceso catalá, a desigualdade, relacións económicas de subordinación territorial, de clase e de xénero, a violencia sexista, os desafiuzamentos, as agresións ao idioma …ou o reparto das cotas do cerco) a puñada no rosto de Rajoy é a irrupción do “principio de realidade”. Ese é o sabor dos murros que da a policía. É o que ten “estar coa xente”.
O problema é que puñada diante das cámaras é moito mais facilmente visualizada do que un decreto lei ou unha reforma laboral, ou do que unha “ley de seguridad ciudadana”.
Ainda non pasaran minutos cando esa violencia concreta acabou sendo o retrouso para demonizar a esquerda galega e a canto indignado hai sumándose así ás recentes comparecencias na Audiencia Nacional . Porén, esa mesma inmediatez da comunicación e acceso á información permítenos poñer o retrovisor con facilidade. A multiplicación de desafiuzamentos, frustacións persoais e colectivas, o aumento en xeral de violencias orixinarias no contexto presente reflicten innúmeros e por veces sutís procesos de exclusión que Žižek procura delinear en aspectos subxectivos e obxectivos, as súas dimensións visíbel e invisibel. En plena campaña electoral, cando no canto de visibilizarse antagonismos e diverxencias só transparece un único discurso nos media, convén lembrarmos que a represión institucionalizada acaba facendo que as vítimas das violencias reais sexan novamente violentadas. Se a reivindicación dos dereitos sociais é a forma democrática de se tentar unha saída para unha sociedade desigual, correse o risco que as represións aumenten na mesma proporción. Até cando os homes responsábeis da construción de dereito van ignorar o berro que vén das ruas?
[youtube]https://www.youtube.com/watch?v=gqsYFLBJFZ8[/youtube]