off
Cedeira, Cultura, Festas, Opinião, Política, Política local — 29 Xuño, 2015 at 11:16 a.m.

Saúde democrática

by

de-moc-ra- cyPodería semellar banal interpretarmos que un dos primeiros retos do novo goberno de Cedeira esté a ser que facer coas festas patronais, como se os resultados xurdidos das últimas eleccións muncipais foran convocadas con ese único obxectivo. Porén, o tema das festas patronais pode ser unha boa oportunidade para comprobarmos o xeito de asumir a representación política da nova corporación municipal que, segundo o novo rexedor Moreda (Psg-Psoe), defínese por “galeguismo de esquerdas”. Dos outros dous parceiros nacionalistas, óbvia dicir que se presupón.

A nosa cultura, quer polas súas raceiras católicas, quer polas tradicions da esquerda comunitarista autocentrada no país, malia os compoñentes individualistas tanto de noso como globais,  tamén está salferida de recoñecemento e defensa de quen padece situación de marxinación social, laboral, económica, cultual ou de xénero. Porén, o debalo desa idea ten sido desleixada polos gobernantes ao non recoñecer a orde de prioridades. Que a dureza da crise e das políticas neoliberais de “austeridade” teña víctimas reais non tivo como resposta unha política a altura da gravidade do debalo social, nomeadamente entre os  nenos e as nenas das familias máis vulnerables. A percepción de risco, que reflectiran os datos xerais revelados por Caritas,  pasan a ter nomes, apelidos e idade; disque se levan contabilizados 15 nenos en situación de vulnerabilidade alimentar.

Cooperación e participación na procura do “ben común”

Ao cabo, tamén se trata dun problema de metodoloxía. Non só o que, mas o como. Sabido é que un rexime político é un sistema de control social e que para quen ten o mandado de representación sempre existe a tentación, quer por inercias herdadas, quer por tentativa directa, de ir reducindo o espazo do que é posibel. Esa pulsión tende a ir aumentado as apariencias democráticas a costa do momento realmente participativo. De aí a necesidade de que o novo goberno aplique e extenda  a metodoloxía de reparto cooperativo de concellarias entre as tres forzas politicas que o forman, á toma de decisións máximamente socializada. Cómpre portanto unha reflexión na que entre todos e todas decidamos  o que é “ben común” e que nos permita redimensionar as cousas, dende as festas e o urbanismo até os servizos sociais públicos e a protección do medio ambiente.

Da necesidade da festa á  emerxencia social como prioridade

Obvia dicir que os pobos precisan da festa  ainda que esta non teña as compoñentes transgresoras de outrora. O sentido de pertenza e de continuidade daquilo que nos une, nos é próprio e cohesiona, foi sustituido non poucas veces polo fasto sen sentido comunitario, sen contar coa producción cultural própria e fora das posibilidades dun pobo que neste momento ten outras prioridades que arrastrar facturas de festas anteriores que non se puideron autofinanzar. As festas teñen que ser sustentables, culturalmente estimulantes e xeradoras de cohesión social. Óbvia dicir que non pode haber déficits de atención e recursos nos servizos sociais, educación e saneamento e adicar recursos que non hai en pagar luminarias ou orquestras. De querer manterse un determinado modelo festivo a hostalaria deberá asumir a súa parte de responsabilidade xa que as prioridades dun goberno de esquerdas son necesariamente outras, comezando por non abandonar o obxectivo de mudar a realidade.

as primeiras medidas da área de servizos sociais foi pór en marcha o campus de conciliación de verán  e paliar con caracter de urxencia as necesidades para o verán dos nenos e nenas en risco de vulnerabilidade alimentaria

Que as primeiras medidas da área de servizos sociais teña sido pór en marcha o campus de conciliación de verán  e paliar con caracter de urxencia as necesidades para o verán dos nenos e nenas en risco de exclusión social (algúns deles facían no comedor escolar a única inxesta de alimento) a través do fornecimento dunha compra semanal de alimentos ás familias que o precisan, deita unha idea da situación emerxencia social herdada. Ainda que hai familias que recurren a servizos sociais para afrontar o pago de facturas, son moi poucas e hai outras con necesidades que nin asoman nin asomarán por alí tal foi o grau de culpabilización que inocularon as “políticas de austeridade”.

 Alén dos comunicados de imprensa, a necesidade dun relato 

Alén diso, o que se precisa é  ir pasando do plano de emerxencia social a un de desenvolvemento sustentabel e socialmente xusto. O gran reto é  ir construindo un relato en simbiose coa sociedade civil. Con certeza, porque a  desigualdade non desaparecera nunca. Sempre houbo malia os anos de aparente fartura. Se ficou invisibilizada non é só porque ollaramos cara outro lado – o local fai parte do global-  mas pola perda de referentes de propoción entre a riqueza e a pobreza. Porque para podermos falar de desigualde cómpre ter una certa definición do que é “ben común” e dalgunha medida común do que decidimos que é desigual.

O tema é vello xa que alicerza nas orixes do pensamento político. Aristóteles procurou un sentido da xustiza alén da relación cuantitativa da igualdade; para o filósofo grego precisábase limitar a a necesidade para cementar a unidade. Co capitalismo  industrial e financeiro a necesidade desabou sen medida en forma de bens ilimitadamente acumulabeis (propiedades, cartos)….nunca hai de abondo. Dende o local, fronte ao global establishment neoliberal pódense facer pequenas cousas que nos permitan recuperar a medida a través de nocións comúns do que é “ben común”, do que nos axude a dimensionar a desigualdade nas distancias curtas:  ideas como igualdade de oportunidades, dereitos fundamentais, dignidade, universalidade.

Boas ideas que nos permitan reconducir a desproporción acumulativa material ( pisos, terras, coches, etc) a unha certa mesura xa que o que os efectos que tamén se están a vivir no local non é apenas a desigualdade entre os que máis teñen e os que menos, mas nun proceso de desaprendizaxe de que facer con aquelas grandes ideas, de como ilas integrando en todo o que facemos.

Precisase, por tanto, un relato común que integre aquelas boas ideas a través do diálogo. Porén, o diálogo político é necesario mas non suficiente.  Coñecido é o abuso da palabra cando serve a unha política pensada a golpe de titular ou ao servizo dunha necesidade de información que ser rixe a unha velocidade e inmediatez que non sempre é acaída á dinámica política, até o punto de acabar por falar mais do que se fai. Ese abuso ten un risco que volve en forma de desafección cidadá, idolatría dos mandatarios e proxectos desmesurados ou directamente insustentables. Para evitar a tentación de apropiarse de conceptos útiles que semellan neutros cómpre procurar a complicidade da cidadanía, todas e cada unha das súas concreccions en forma de  comunidade, sociedade civil, movimentos sociais e  asociacións.

Música na rúa como síntoma de colaboración

Neste sentido, o ter ás portas a tempada estival e as festas patronais pode ser unha boa oportunidade para ensaiar e plantificar un outro xeito de facer. Que a área de cultura do Concello teña convocado ás asociacións músicais cedeirenses para contar con elas reflicte cando menos outra visión do que se precisa. Que esa resposta teña sido xenerosa e comprometida por parte do tecido asociativo é síntoma de que estaban a reclamar hai tempo maior protagonismo xa que son axentes de acción cultural. O mes de xullo será o da música na rua, alternando espazos públicos (os certames corais no auditorio comezaron esta fin de semana) co canto de taberna (Buxainas).

Que esa colaboración se faga extensiva ao tecido empresarial é máis do que necesario se queremos que as festas se tornen rendibeis en termos sociais, culturais e económicos. O que Cedeira precisa son boas maneiras, mútuo respeito e consenso no esencial, no modelo de festas, mas tamén e sobretodo  nos proxectos de pobo. Máis e millores indicadores de saúde democrática.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off