off
Cedeira, Meio ambiente, Política local — 26 Marzo, 2015 at 9:57 a.m.

Cousas que hai que saber da empresa rioxana que quere facer o porto deportivo

by

PlanoAnexo_PortoDeportivo_Fonte_PortosdeGaliciaComo é sabido Galiza dispón de competencias en augas interiores como La Rioja, malia dispor de 1200 quilómetros de costa atlántica e cantábrica. Porén, a comunidade que produce gorentosos viños de seu, seica tamén é sede de empresas da construción que  saben de portos deportivos. O alcalde de Cedeira Luís Rubido, avanzaba onte “a intención do grupo Ribera del Oja, Mercantil de Inversión SL de optar á concesión do futuro porto deportivo” de Cedeira.  Luís Rubido, que accedeu á alcadía nunha especie de sucesión dinástica logo da renuncia do seu irmán Leopoldo, leva toda a lexislatura guindando titulares de imprensa máis propios dun programa de festas por conta allea do que de gobernanza da cousa pública nun intre de especial dificultade social e económica.  O dirixente do PP reuníase co administrador da empresa Ribera del Oja José Tomás Ucedo – segundo avanzou Ferrol 360- quen afirmou dispor dos avales que Portos de Galicia fixou como condición de  reactivación do proxecto  acompañado dun estudo de impacto ambiental. A obra tería 270 puntos de amarre e 225 metros de dique.

Ribera del Oja Mercantil  

O caso é que segundo  Europa Press (LaRioja.com) a empresa Ribera del Oja Mercantil tivo como co-administrador ao alcalde de Santurde  Jesús Montoya (PP), quen foi inhabilitado por un presunto delito contra a Administración Pública  segundo consta na denuncia do fiscal xefe de La Rioja Juan Calparsoro. Segundo fontes consultadas ‘Ribera del Oja Mercantil’ mercou unha parcela, sendo ainda dotacional privada no ano 2004 . A empresa disque foi creada “especialmente para o caso, “sen que aparecera nela o nome do alcalde”;  ao pouco, “reorganizouse e entón apareceu como co-administrador”. Logo de terse formalizado no rexistro esa implicación na empresa do alcalde, votouse nun pleno a recalificación das leiras urbanizables, “unha votación na que votou Montonya, ainda sabendo que estaba implicado e que ía ter un benefício”. A sentenza considerou feitos probados, cando o pleno municipal tanto o alcalde como os seus concelleiros do PP votaron “unánimemente a recalificación dos terreos”  rústicos urbanizables  nunha parcela de case 7.300 mpropiedade da empresa Ribera del Oja Mercantil, da que era co-administrador.

O ano 2009, informaba Europa Press, o exalcalde de Santurde era condeado na súa “triple condición” de alcalde, promotor e constructor a unha multa de 73.000 euros e  tres anos de suspensión de cargo público por terse provado segundo a sentenza que a Diócese de Calahorra e La Calzada (Logroño) vendera por 480.708 euros unhas leiras en Santurde a “Ribera del Oja Mercantil de Inversiones” e da que, ao pouco, foi nomeado Montoya como administrador solidario.  Un terreo de 7.299 metros cadrados calificado no Plano Xeral Municipal como solo dotacional para a construcción dunha  residencia da terceira idade que acabou dando uns gaños de 7 millóns € pola venda dos terreos recalilificados. A Audiencia Provincial de Logroño  confirmou  en 2010 o fallo do Xulgado do Penal número 1 da capital rioxana, posteriormente recorrido polo acusado(LaRioja.com). Montoya, foi alcalde de Santurde durante 12 anos -co Partido Riojano (1995-1999) e en dúas co PP (1999-2007).

Segundo recolle o BOE de Registro Mercantil Núm. 172 de 10 de setembro de 2014,  Jesús Montoya cesaba como administrador solidario de Ribera del Oja Mercantil de Inversión, sendo nomeado como administrador único Joseba Arketa e como apoderado José Tomás Ucedo.

E de aquí,… a Cedeira

A multa e pena menor imposta -só o inhabilitaron de cargo público temporalmente- ao exalcade e até hai ben pouco administrador da empresa rioxana que quer obtar á concesión do Porto Deportivo de Cedeira,  semellan pouca cousa de o comparamos coas manipulacións ao seu bel-prazer que hoxe se levan no sector (Malaya, Gürtel, Púnica, Pokemon, etc) . As manobras entre público e  privado, diócese por medio, e a utilización da representación pública para tecer a comenencia facultades de recalificación urbanística inherentes ao cargo fan parte do curriculum desta empresa.

Máis nos valera escoller compañeiros de viaxe de credibilidade e solvencia que non comprometan a imaxe da vila e terra de Cedeira, ainda que Portos de Galicia teña afirmado que só impulsaria a criazón do proxecto se contaba co aval da iniciativa privada. Mesmo cumprindo a legalidade,  Portos de Galicia  e Cedeira precisan iniciativas sustentables que a máis de selo o parezan. Cando prima máis o  capricho e o curtopracismo electoral que a previsión e a planificación a medio e longo prazo o resultado está á vista.

Agora que a maioría de partidos e candidaturas están arranxando os seus programas para as vindeiras eleccións municipais, é acaido lembrarmos os fiascos do pasado. E máis cando non existe a vontade de preguntarlle á xente para recoller ideas. Cómpre sermos valentes co poder, porque o traballo mal feito, as intervencións agresivas e pouco pensadas hérdanse. Certo é que ás portas dunhas eleccións, quen goberna produce titulares a fume de carozo sabendo que algunhas serán provisionais e será o novo equipo de goberno quen as terá que asumir, como foi hai uns anos a envenenada herdanza do Auditorio. E cando se suceden case sen solución de continuidade a mesma opción política quen acaba pagando polos disparates é a cidadanía.  Ao longo dos anos encetándose obras sen dispor de estudos técnicos de utilización e de sustentabilidade sobre o seu costo real ou, o que ainda é máis grave, o seu posterior mantenimento. A actual situación da ria e da praia da Madalena non deixa marxe a máis agresivas intervencións de impacto ambiental incerto e mesmo irreversible. A economía cedeirense tampouco.  Mas nunhas eleccións non todo vale.  As  subvencións que se conceden para facer moitos equipamentos -que é a parte doada- ten embriagado a saga Rubido lexislatura a lexislatura porque teñen camiñado da man de “gobernos amigos”, porén estas intervencións hai que mantelas e hailles que dar un uso a longo prazo, e iso non se preveu cos andares superiores do Auditorio nin no mercado soterrado da Rectoral.  A crise demostrou a irresponsabilidade destas políticas   cando o problema de raíz é a falla dunha visión de futuro, visibel na falta proxecto para eses equipamentos e na desfeita urbanística dos últimos anos. Os candidatos e as candidatas que agora están a arranxar a lista de promesas deberían telo moi presente:  os disparates urbanisticos hérdanse e poden hipotecar durante moitos anos, senón para sempre, o benestar do concello.  A ver que se fai co que hai agora, mas sobretodo  non deberíamos caer na mesma  cilada. Atentos.

Ao mellor tamén che interesa:

Porto deportivo – I

Porto deportivo – II

Cedeira máis que “villa, barandilla”

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off