off
Cedeira, Ecoloxía, Meio ambiente — 24 Xullo, 2013 at 6:57 p.m.

Para quen gobernan?

by

Vámolo dicir sen voltas. A proxeción de Cedeira non só depende do éxito político dunha determinada forza política ou do impacto dunha atinada estratexia, senón de máis democracia. Depende de que  os cedeireses  e a sociedade civil se tomen a serio iso de ser cidadáns neste recanto do occidente europeo. Por ese vieiro han vir canalizadas a economía e a cultura.

Esas exhortacións xornalísticas do goberno municipal   dando a boa nova de que Sanidade constata que a auga da Madalena é “apta” sen fornecer os resultados das análises é reclamarlle á cidadanía un acto de fe e obedecer os ditados da improvisación estacional mentras ollamos abraiados a mancha  cor da merda na boca do Condomiñas. Nunca tal se vira.  Mais iso pouco importa diante da sacrosanta Economía, non sí? Abonda xa de chantaxe económica cando o seu partido non fixo máis que ser promotores do capitalismo especulativo supeditando as políticas sociais e medioambientais a imperativos tecnocráticos esquecéndose das poboacións directamente implicadas ou facendo delas un refén.

O goberno local non entende que o problema  da criación de riqueza e da promoción de Cedeira como produto turístico non é cousa de un día nen dos meses de verán , senón de máis transparencia, de pacente posta en valor do que nos identifica e fai únicos, de políticas direccionadas á economía productiva e non a suscitar o medo dos individuos que  reclaman  “o bo”,  “o xusto” e “o desexabel” todo o ano, senón  que opta pola estratexia da avestruz perante a desfeita da praia. A quen beneficiarán? A ninguén. O curtopracismo  non é a opción máis axeitada nos tempos que corren e menos escudarse no presunto anonimato da fonte de información – as abelencias informacionais da cámara local non parecen moitas ou máis ben non queren dicir que saben- parapetándose no suposto anonimato  da fonte para descreditala e non na valía do argumentario que achega  Non aforren, non reparen, é saudabel sacurdise as toxinas. Deberían celebrar que alguén introduza unha faísca neste abafo pseudodemocrático que nos envilece cada día.

Achegar algo de luz no actual mar de confusión exixiría reclamarlle a Sanidade dados actualizados que desmitan a propia diagnose da web da Consellería como praia clasificada coma“insuficiente”, tal e como advertiu responsable e significativamente SomosCedeira ao mostrar que o paradoxo da información xerada pola propia consellería dá para pensarmos a contradición entre o que a  Lei 9/2010 prescribe e o que os datos dínO que non fixo a administración está a facelo a sociedade civil.Tan dificil sería desmentir con datos extraídos de análises na desembocadura do Condomiñas e as aguas efluentes da EDAR?

Que mudou no tono da opinión pública cedeiresa nos últimos tempos ? A xente comenta, mesmo fai escarnio e maldizer nos comentarios anónimos que o aire leva nos bares e rúas. Hai moitos espazos para quedaran fixados en letra impresa ou dixital, non tanto onde se exerza o pensamento crítico e documentado dunha situación laboral que sorprende pola súa abafante dureza e a torpe resposta- para dicilo en plan benigno- de quen está para canalizar esforzos e non para enlear dende o escurantismo informativo. O caso é que se fala. Quer dicer, que malia a rechamante tapadeira mediática coa que se pretende tapar a pota está claro que a caldeirada non cheira ben.

Manter a ficción de que non pasa nada, demonizar a diferencia de ideas, de intereses, de actitudes, é equivocarse de plano acerca da natureza desta sociedade como de calquera outra. Sería mentir, furtar o debate e a crítica. O goberno do PP a facer prestidixitación e a oposición, u-la?  O lóxico é que mentras a falacia persista, oporse a ela é o lóxico e até o máis elegante, ainda que só sexa por desmarcarse da horterada política que representan estes señores ávidos de intolerancia.

One Comment

  1. Anton Cribeiro

    Tan difícil é comprender que estamos a prol o desenvolvemento sostible da vila? Eu xa un pouco canso de termos que defender o porque da nosa entrada en escea no canto de preguntarnos que é o que falla? Vou dicir cortesmente: fartiño que haxa xente que non vou citar pendente de condea firme mentres o grandes mafiosos seguen nos seus iates. Noxo profundo.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off