off
Cedeira — 30 Xullo, 2012 at 12:54 p.m.

Subvencións e clientelismo

by

A  ANPA Picapeixe do CEIP Nicolás del Río e a  Asociación Cultural de Discapacitados “Sobre Rodas” veñen de presentar alegacións aos orzamentos do Concello de Cedeira por mor do desigual repartdo de subvencións a asociacións socioculturais. O clientelismo pode adoptar moitas facianas na democracia leopoldiana, sendo a submisión  a súa seña de identidade.  Hai trinta anos a Asociación Cultural Chirlateira, matriz dinamizadora da revista Olláparo, atopouse cos mesmos atrancos perante a adxudicación arbritaria na concesións de axudas. Un exemplo, diante da negativa de Leopoldo Rubido, houbo que ir pedir ao veciño Concello de Cariño un palco para podermos tirar adiante unhas xornadas teatrais.

Picapeixe e Sobre Rodas alegan a disparidade no trato ao comprobaren que mesmo cumprindo os criterios establecidos tampouco recibiron petición de proba documental da súas respeitivas propostas socioculturais. A inexistencia dun baremo público, obxectivo e transparente (tal e como se recolle na normativa de subvencións de  Galicia de 2007),  propicia a concesión ad hoc e o reparto baseado na práctica clientelista.  O que resulta abertamente ofensivo é a concesión de subvencións a entidades alleas a Cedeira e sen que conste rexistro local da súa implicación e compromiso cos intereses de noso.

O esgotamento e a percepción de precariedade continuada que vive o mundo sociocultural en Cedeira non deriva só da conxuntura de crise actual, senón da endémica falla de dotación de persoal adicado a estas actividades (compensada pola actividade sociocultural das asociacións veciñais), o infeliz e disfuncional equipamento cultural e, sobretodo, a desgaleguización e papanatismo dos xestores. O anterior goberno progresista non fixo máis ca afondar nesa desgaleguización que o PP abraza agora sen vergoña. Mália o incremento dos investimentos en infraestructuras nos últimos quince anos non se apostou por afortalar o tecido asociativo local con accions direccionadas ao diferente sectores: esportivo, cultural e  social.  Xa se sabe, non vaia a xente a decatarse que ten unha cultura de seu, un idioma e moito que dicir e que facer  para proveito de todos e de todas. O apoio directo ao tecido asociativo local ten  incidencia directa na cohesión social e serve  para marcar obxectivos e intereses comúns, afortalando a visibilidade  de noso.  Con prácticas coma esta a democracia leopoldina  cronifica a cultura da queixa e traslada unha imaxe precaria do sector que está lonxe da realidade . O que  de verdade acontece é que o goberno cedeirés tenlle medo á liberdade,  non vaia ser que o traballo asociativo derive en consciencia crítica. Síntese vulnerable diante da liberdade e só aspira a que nada mude.

Como poder ser que unha  descoñecida asociación chamada Pro-Cedeira  leve 32.000 euros ? Dende Olláparo convidamos á oposición a que nos informen qué fai esta asociación para levar unha parte substanciosa do orzamento adicado a subvencións e que asociacións que forman parte do tecido social e cultura de Cedeira leven 400 euros ou nada?

A adición ao clientelismo da democracia leopoldiana  vai alén dunha falta de civismo ou ausencia de cultura política, o seu programa político apenas recolle  medidas efectivas e contundentes dirixidas a dinamizar o tecido asociativo de noso ou  rematar coa precariedade  laboral e a especulación immobiliària. Todas elas diferentes máscaras para unha mesma teima: o control e a exclusión permanente na toma de decisións.  Os desafectos son ignorados, agora como antes. Recuperar a leira de poder soberano que temos cada un dos cidadáns é, cecais, un vieiro posible para ir rematando con estas prácticas que só favorecen a perpetuación de quen detenta o poder.

One Comment

  1. Lendo este artigo lembrome de neno que habia unha asociacion na que eu estiven, A Marieta si non me engano, e pensando que efectivamente aqui non interesa que exista o asociacionismo. Agora ben, pouco a pouco debemos de entender que para que haxa certas actividades socioculturais debemos ser nos os que teñamos a iniciativa, pero e basico o apoio do Concello. Un pobo sin este tipo de vertebracion e un pobo morto e ignorante.
    E o pior para min e ver como as inquietudes das persoas do pobo non poden ser satisfeitas.
    Si queren un pobo inculto e de papanatas van a acadalo pero pagando un alto prezo: cada vez veremos menos xente e menos dinamismo, caldo de cultivo para que este pobo sexa un pobo pantasma. Realmente os pantasmas habitan agora no Concello e esperan a triunfe o escurantismo.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off