off
Cedeira, Ecoloxía — 9 Novembro, 2011 at 5:08 p.m.

Porto deportivo – II

by

Algunhas claves

Mália sabermos do seu impacto e da grande cantidade de material informativo que xeran os portos, tanto os de pesca coma os de mercadorias e os deportivos,  os cidadáns de a pé coñecemos pouco o  seu funcionamento. Ese coñecimento é fulcral para comprendermos con claridade as claves da organización deses  espazos no seu entorno vital.  O caso é que non houbo unha proposta clara de participación cidadá. Até o de agora, qué ofreceu o concurso de Porto deportivo aos veciños/as a parte dunha información imprecisa e difusa?

Foto: Alberte Couto

 O proceso de licitación abreu moitas incógnitas e, até o de agora, deixa á marxe a participación de veciños e veciñas. A información non é o único recurso, nen é suficiente. Tamén é necesaria a incorporación da veciñanza como parte activa e decisoria dun proceso que de consolidarse suporá unha auténtica e oculta remodelación urbanística que pode transformar aspectos importantes dos fluxos de circulación e, portanto,  saturará os accesos á  vila vella, podendo afectar gravemente a calidade de vida, os bens inmóbeis, os usos comerciais e  comprometer a posibilidade dun  turismo sustentabel baseado na conservación do patrimonio medioambiental e cultural. Cantas reunións se fixeron para informar? As xentes de Cedeira terán a oportunidade de construir a súa vila? Compensará o amarre e o uso estacional (un par de meses ao ano) o impacto ambiental e paisaxistico, a modificación dos fluxos hídricos, o aumento de verquidos, a perda de ecosistemas e biodiversidade? Cómo afectará á calidade de vida dos veciños? A indiferenza non é boa conselleira.

  A participación,  a gran ausente.

 O interese político de facer público o proxecto e darlle pulo mediático ( ver, La Voz, 14 de xullo de 2011) logo do fracaso de concurso de licitación  evidencia aínda máis que hai moito por facer e decidir, e debe alertar aos veciños e veciñas de Cedeira sobre unha construcción que non se coñece na rúa.  Antes do que aos medios de comunicación, compria convocar aos veciños e á sociedade civil toda. Se as claves van dende a forma da ría  aos procesos mantenimento, servizos, circulación,  carga-descarga pasando polas vías de comunicación interna e externa (estradas, etc) que se precisan, estamos diante dun proceso de gran impacto local que precisa de transparencia dende o primeiro intre.

As claves da participación…
Participar é a capacidade de decidir sobre todo aquilo afecta directamente ás nosas vidas, sobre todo aquilo que condiciona o noso entorno, as nosas relacións, as nosas posibilidades de desenvolvimento persoal e colectivo. Participar é máis do que votar cada catro anos.
 
…é estar informado dende o primeiro intre.
….formarnos sobre aqueles temas nos que participaremos.
…organizarnos con aquelas persoas que comparten as mesmas arelas ou intereses.
…tomar decisións respeito daquilo que nos afecta.
…poder controlar o proceso de realización das decisións ou actuacións que se decidiron.
…e poder, finalmente, avaliar os resultados.
Para acadar cambios.

 Até o de agora ,  o Club Nautico de Cedeira  foi presentado a unha sociedade invisibel:  vaise facer unha recepción ao reseso estilo leopoldino, con veraneantes madrileños  con 2a residencia  e  decadentes familias de militares con escasa, por non dicir, nengunha implicación, adherencia e compromiso co país que non sexa o chuchar do estereotipo de “unas vacaciones en Galicia”. Señores medianeiros doutrora que  xa non pintan nada nunha sociedade democrática agás serviren de fantasmós que nada fan na vida que “pasear calles, avultar carrillos  y comer la hacienda, que les dexaron sus Mayores” (non perdeu atinada actualidade a coñecida mofa do Padre Feijoó). Coa perspectiva do tempo, ofrecerlle unha recepción de presentación dun club náutico a quen permanece paralizado ten a súa ironía. Mais, un club náutico  és un club náutico. Leopoldo Rubido continua a aplicar  con decadente aura un imaxinario social selectivo que obra en función duns intereses  moi concretos e que xa non se corresponden  co imaxinario e coa creatividade da sociedade cedeiresa do s.XXI. A dereita  estase a posicionar para  usufructuar tamén o futuro. E qué quere ser a Cedeira do futuro?

Todo ilo moi paralizante e pouco alentador.  Todo un síntoma e  declaración de intencións que mostra o pouco que está a participar a sociedade civil e empresarial de Cedeira, residentes e non residentes.   Nen sequer se contou coas sociedades deportivas.  Que avantaxe pode achegar non contar  directamente cos veciños e escenificar, porén, unha cesión  do protagonismo decisorio dos representantes do poder local a posibles beneficiarios alleos?

Ollar por ollar. Escenarios posibles

Os veciños e veciñas de Cedeira puideron reparar como o acceso ao porto de tráfico pesado pola parte vella da vila é imposíbel. Acontece  hoxe en día que  as embarcacións deportivas chegan en trailers máis do que por mar.  En agosto, a saturación de tráfico ao porto  foi  mesmo caótica, perigosa,… imposíbel.

A ría de Cedeira fala.  Vaso comunicante,  arteria e porta de entrada,  soleira de noso  que  navegaron outras  vidas.  A ría tamén é deles. Dos que loitaron a vida  capeando galernas e nos deixaron este ben precioso. Falou non hai moito a praia da Magdalena. Os derradeiros anos o “bolo do medio” de Esteiro levedou até acadar unhas proporcións descoñecidas para os veciños desta parroquia.  Deposítase alí toda a area da Magdalena que despois hai que recuperar con drenaxes periódicas de alto impacto ecolóxico. Unha sedimentación e acumulación de area que atinxe  tamén o centro da ría e  non sabemos se agravará o novo proxecto de dique e de porto deportivo.

En que medida  a explotación dun porto deportivo afectará á calidade da auga da ría polo verquido de augas contaminadas pola limpeza de sentinas ou pola limpeza de duchas e lavabos, por pintura, etc? E as perdas de combustibel?

Afectará a ampliación do dique á pouca renovación das augas e os sedimentos do porto ? E á calidade da area da praia de Area Longa?

Introduciranse especies invansoras enganchadas no casco das embarcacións e através das augas de lastre?

Contempla o proxecto un servizo de medio ambiente como parte da súa estructura?(segregación de residuos , especialmente de aceites utilizados,etc.)

Foto: Alberte Couto

Cómpre finalmente, alertármonos, sequera sexa  a través da formulación de dúbidas razonables, que a construcción dun porto deportivo pode supor un serio impacto para os veciños de Cedeira. Ainda que se albisque algunha oportunidade sempre e cando se encamiñe o proxecto polos vieiros da sustentabilidade, da xeración de economía productiva local ou mesmo potenciando o acceso á nautica deportiva a un sector máis grande da poboación, as ameazas tamén son moitas:

  • Competencia doutras zonas de Galicia con prezos máis baixos
  • Cedeira é un pobo mariñeiro  con  pouca cultura dos deportes náuticos.
  • O porto como un aparcadoiro de embarcacións
  • Estacionalidade da demanda (somos o norte, somos un reclamo de turismo exterior?)
  • Zonas non controladas para fondear
  • Acceso deficiente ao porto
  • Falta de previsión orzamentaria dos costos asociados aos problemas de erosión das praias por interferència da dinàmica litoral (tamén en  caso de  mantenimento, vanse precisar drenaxes periódicas?,etc)

  •  Unha concesión de 30 anos é modelo axeitado para  controlar, facer seguimento e introducir  cambios na xestión de correción  e millora?

  • Non é unha ameza a situación de crise financiera e o aumento do prezo dos carburantes?

  • Aumentará a sobreexplotación dos recursos pesqueiros dalgunhas especies?

  • E que acontece coa contaminación puntual no espazo e no tempo das augas de cara ao marisqueo?

  • Ainda que se poida explotar o aspecto turístico da pesca, competirá ésta co sector pesqueiro? Favorecerá a venda fora da lonxa?

 A participación é necesaria e urxente. O impacto pode ser contraproducente, mesmo irreversibel,  en termos ambientais e económicos. Ameazas reais que nos advirten os estudos de impacto negativo ( para tanta desfeita medioambiental) elaborados por axentes de prestixio coma Greenpeace. Desbalde aínda maior se non hai participación do empresariado e do capital social local e se non reverten os posibles gaños na millora da calidade de vida de todos e de todas.

Cómo se pretende integrar o porto deportivo e a vila se os accesos viais son limitados e a intensificación do tránsito polas rúas da vila vai ter un impacto negativo na calidade de vida dos veciños  e na actividade comercial ?

Se se privatiza o amarre e o atraque, ofrecendose como servizos na zona do porto deportivo, e despois se prohibe o fondeo libre, teriamos que pagar todos peaxe por baixar unha embarcación na ría, sería ilegal baixala sen pasar polo porto deportivo como en moitos portos do mediterraneo?

  Gabriel Beceiro e Fernando Igrexas
 

A Lei de Portos do Estado (1992) e da Mariña Mercante (1997) distinguen entre portos de titularidade autonómica (pesqueiros, deportivos e de refuxio) e portos de Interese xeral (tráfico internacional, zona de influencia de varias autonomías, servizos estratéxicos á economía nacional, volume alto de actividade comercial, boas condicións de seguridade) (Constitución art. 149.1.20).

Portos de Galicia engloba  128 portos que no 2006 movían anualmente 1,8 millón de toneladas, case o mesmo que Marín- Pontevedra.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off