off

O Comité Galego de Solidariedade Internacionalista convoca concentracións na Galiza de rexeitamento ao golpe en Bolivia

by

BOLIVIA NON ESTÁ SOA! FÓRA AS VOSAS SUXAS MANS DE BOLIVIA!, é o lema escolleito por Mar de Lumes, Comité Galego de Solidariedade Internacionalista,  sob o que fai un chamamento para denunciar este golpe de Estado contra Bolivia e a América Latina, “para axudarmos a combatelo e para espallarmos a repulsa contra esta nova agresión imperialista, mais unha vez a cabalo da violencia paramilitar e parapolicial, da corrupción, do terror, e do racismo.”. Mar de Lumes  publicou un comunicado ao pouco de verificarse o golpe de estado, co exilio de Morales a México, que malia “a resposta do goberno foi, en todo momento, chamar a destensionar os protestos e a conducirse pola vía institucional, ofrecendo, primeiro, unha auditoría dos resultados a ser feita pola Organización de Estados Americanos e, despois, unha repetición eleitoral inmediata. A oposición, tanto a fracción máis tradicional, nucleada por Carlos Mesa, como a máis abertamente violenta, que se foi aliñando á volta de Luis Fernando Camacho — vinculado a elementos fascistas europeos e cuxo nome aparece relacionado nos Papeis de Panamá — rexeitou calquera mediación internacional á vista, tomou a radio e a televisión públicas e exixiu a demisión de Evo Morales e de todo o goberno. A policía e o exército — cuns mandos formados principalmente no Chile pinochetista — aderiron finalmente ao golpe e permitíronse «suxerir» ao Presidente a súa renuncia voluntaria. Isto mentres familiares seus e dos seus ministros e outras persoas vinculadas ao goberno ou ao MAS eran linchadas publicamente ou os seus domicilios atacados. Todo co obxectivo de forzar as demisións dos cadros do goberno e do propio Presidente”.

O comunicado pon en destaque que  “a manobra para expulsar o goberno de Morales descansa sobre a frustración da dereita sociolóxica provocada por unha nova derrota eleitoral e pola perspectiva de que os importantísimos avanzos sociais de políticos dos 13 anos de goberno do MAS beneficiaron máis as camadas máis pobres e sempre esquecidas da poboación boliviana, como así foi (redución da pobreza extrema e da pobreza media a mínimos históricos, aumento de 127% do salario mínimo, reparto de terras, socialización das rendas dos recursos naturais, etc.). E tamén é verdade que hai elementos fundamentais de racismo neste golpe de Estado”

Lugar e hora das concentracións

A Coruña, quinta feira. 20:30 horas. Obelisco

Compostela, quinta feira. 20:00 horas. Praza Roxa

Vigo, sexta feira. 20:00 horas, Marco

Ourense, sexta feira. 20:00 horas, subdelegación do Goberno

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off