off

A cidadania catalá resposta con mobilizacións pacíficas

by

Nun ambiente reivindicativo e festivo millares de persoas en Barcelona piden arestora a liberdade dos detidos diante do TSJC. Segundo o Financial Times  o ministro De Guindos ofrecería agora abrir o debate da reforma do financiamento se a Generalitat abandona o referendo


Onte cristalizou en Cataluña unha revolta pacífica e calma que evidenciou quen está a gañar o relato democrático. Veuse onde está o problema, onde está a insuficencia da democracia española. Un 20 de setembro no que a macrooperación da policia militarizada e da Garda Civil contra o 1-O comezaba ás 8 da mañá no Departament de Finances da Generalitat, con rexistros minuciosos na procura de provas (axentes de paisano presentáronse nas casas de moitos dos detidos) que acabou con 15 persoas detidas , 10 millóns de papeletas requisadas e varias persoas acusadas de sedición (6 detidos xa pediran habeas corpus, un procedimento que se solicita para que un xuiz debulle a legalidade dunha detención).

 

Solidarizándose cos presos políticos

Chamando á mobilización permanente, a entrada do Tribunal Superior de Justícia de Catalunya está inzada arestora de personas en apoio dos arrestados. CGT chama a greve xeral en Cataluña o 3 de outubro. No entanto, Rajoy afirma “si quieren evitar males mayores…”. É evidente que se poden aplicar sen nomealos artigos de disolución da autonomia. Tempos líquidos. Porén, malia a importancia da lei e do principio de legalidade, aquén del, hai liberdade: todo o que non estaba na lei procurouse fora dela, dereitos da muller, lingüísticos,..chámaselle  lexitimidade). Persoas manifestándose unidas arredor de valores irrenunciabeis.

Con estas accións de asalto o estado poderá mudar a loxística do referendo do 1-O mas non poderá mudar a pacífica mobilización dos cataláns. Expertos avisan que se as ordes de detención non están argumentadas o xuiz do xulgado 13 de Barcelona podería ter prevaricado xa que permanece baixo secreto de sumario ao tempo que a fiscalía continuou actuando como se a morea inxente de dilixencias dese xulgado non existiran. Houbo conivencia e prevaricación? A resposta paquidérmica do goberno español revela un operativo argallado hai meses (a mobilización de dous ferris atracados no porto de Barcelona e un terceiro en Tarragona con permiso para ficar até o 5 de outubro non se improvisan).

Alén diso, un dos eixos básicos da xornada de onte é a profundidade da protesta catalá e a falta de visión dun goberno  español en minoría que non entende que democracias consolidadas como a británica ou a canandense pactaran referendos de autodeterminación. Coa Generalitat cedendo todos os datos a Hacienda após ser  totalmente intervida, a  única autonomia cuxa lexitimidade viña con Tarradellas directamente da República, rematou onte.

 

Inflexión e punto de non retorno

Furgonetas da policia española entrando no barco onde está ficando | @PortuariosCNT

A desproporcionalidade da intervención ramificada é a do un autoritarismo que mostrou ao mundo impotencia política e a insuficiente cultura democràtica do madrileñismo que só olla “radicalismo”  e obvia a condea do Primavera Sound, o FC Barcelona e o Girona, universidades, UGT, COOO, colexios profesionais, estibadores, das pequenas e medias empresas, do Teatre del Lliceu,…xente de todas as cores (apolio de moitas persoas e colectivos que non son independentistas). Os estibadores de Barcelona decidiran esta mañá non fornecer os barcos policiais atracados nos portos de Barcelona e Tarragona.

Se de aquí ao 1-O aumenta a aglutinación de todas a forzas catalanistas que inclue as persoas que malia non seren independentistas con aceptan as accións represivas do  estado español, a ruptura democrática está servida. Porque o que onte se soterrou foi a equidistancia. A sociedade catalá amostrou mais unha vez nas rúas que antes que independentista é demócrata, porén a ocupación policial das institucións catalás mostrou que en Madrid o prioritario continua a ser a defensa da unidade de España, convencidos de que gañarán a batalla legal como non pode ser doutro xeito tendo nas mans a maquinaria xudicial, policial e mediática (velaí os tertulianos e xornalistas que se ocupan da actualidade son os de sempre e cos mesmos mantras).

Ferrol. Concentración de solidariedade co dereito a decidir do pobo catalá [20/09/17]

Porén, a validez xurídica comeza a facer auga. Eís o paradoxo de xerar vacio xurídico (intervención das nóminas dos funcionarios ou a blocaxe de cartóns bancários dos altos cargos da Generalitat) desde o discurso legalista. Nestas condicións, o obxectivo do 1-O semella ir encamiñado a visualizar a vontade de decidir da maioría social de Cataluña. Está por ver a viabilidade das dúas estratexias. Rajoy teima en escudarse sob a resposta penal (para evitar a ruptura na dereita española que se daría no caso de abrir a porta a unha solución política negociada con Cataluña).A tirapuxa xurídica  conduce a ningures: supresión de actos públicos, acceso a datos personais através da mensaxería incautada,etc.

A este ritmo punirán a toda a xente que se expresar. O goberno español non entende ou non quer entender nada do acontecido nos último anos en Cataluña e a nova fase na que entrou o procés. Un último exemplo desta clausura mental fornecíado o ministro de De Guindos que segundo o Financial Times ofrecería agora cartos a cambio de abandonar o referendo (“Madrid offers Catalans cash bait to drop separatism”), abrir o debate da reforma do financiamento se a Generalitat abandona o referendo.

Unha das cuestións que pairaban no ar na xornada de onte é por que na enxurrada de detencións só se detiveran altos cargos do Govern e non se detiveran consellers e máximos responsábeis das decisións de cada departamento. É o TSJC quen pode ordenar investigar cargos aforados. Negouse a o alto tribunal a deter consellers temendo a reación da xente?

 

Un goberno en minoría 

O que está a acontecer en Cataluña é relevante en si mesmo e atinxe de cheo ao estado español. A contradición  chave é que o goberno español está en minoría parlamentar no Congreso dos Deputados.

Cando millares de persoas se concentran diante das insitucións catalás en Barcelona e nas rúas e prazas de vilas e cidades de todo o territorio, con concentracións solidarias en Galiza, País Valenciá, Andalucia e Euskadi que resposta lles ten reservada o estado español?

A incognita é se Rajoy poderá sair afortalado ou forzado a abandonar. O empoderamento pacífico da cidadanía non pode ser controlado desde un gabinete de Madrid. Porén, malia estar comprometida as posibilidades materiais do referendo do 1-O, o asalto policial ten propiciado a mobilización aglutinada da cidadanía catalá. A falta de maioría parlamentar en Madrid a favor do goberno de Rajoy é un dato importantísimo. De momento, o goberno español adiou a aprobación dos orzamentos por falta de apoio.

 

A Unión Europea, u-la?

Desta situación non se pode sair con accións improprias dunha democracia europea. E menos se esta escala vai a máis prohibindo reunións ou concentracións. O escritor galego Suso de Toro preguntábase  onte nun artigo publicado  no xornal Ara.cat “a que espera a Unión Europea para protexer os dereitos civís da cidadanía catalá?”.

 

7 concentracións e dous manifestos galegos de apoio

Na tarde de onte houbo 7 concentracións en vilas e cidades galegas solidarizándose co dereito a dedicir do pobo de Cataluña. Alén diso, ‘Temos dereito a decidir’, en Galiza, e ‘Adeu, amics per sempre, Espanya’, na comunidade galega en Catalunya,   dous manifestos que apañan apoios na defensa do dereito de autodeterminación e das liberdades democráticas.

 

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off