off
Movementos sociais, Opinião, Politica espanhola — 4 Outubro, 2016 at 6:58 a.m.

O PSOE tórnase marxista (de Groucho)

by


Pregunta: Cal é o camiño máis curto para ir de Sevilla a Ferraz?
Resposta: Pasando por Despeñapedros?
(Meme)

 

Se non fóra polo respeito que merecen a maioría dos seus militantes e votantes, os de antes e os de agora, o acontecido o pasado sábado 1 de outubro ante a sede madrileña do Partido Socialista debería cualificarse de monumental aquelarre. Foi unha auténtica caza de bruxas con troca de protagonistas. Os inquisidores, segundo a nominal cuñaxe dos media , eran os “críticos”, con toda a carga positiva que o termo leva, e as súas vítimas unha cuadrilla de “insensatos sen escrúpulos”. Un espectáculo que non había por onde apañalo.
Porén, existía un método nesa tolemia: a técnica empregada para o golpe de man que desaloxou ao secretario xeral. A iniciativa do alzamento veu de membros do Comité Federal (CF) baixo que acusaban a Pedro Sánchez de “empecinarse no Non ao PP”  que o propio CF adoptara por unanimidade. Aínda que esa non foi a única mostra de esquizofrenia habida o día de autos. Houbo outras de parecido calibre e sensentido que, grazas á comida de coco realizada polos media (apenas houbo diferenza entre a información lixo do Grupo Prisa, Cadena SER e o xornal El País, e a do seu adversario o clan Roures, La Sexta e o dixital Público). Todos coa mesma unidade de destino no universal: esnucar a Pedro Sánchez.psoe_cunhagem_troquel

Posturas defrontadas que acadaron o esperpento sen que apenas houber un rumorexo de desaprobación por parte dos implicados (só o comité de redacción do xornal de Cebrián emitiu unha nota de queixa ao director). O máis rechamante estivo no feito grandioso de que a conspiración se sustentará na sospeita de que o dirixente socialista maquinaban un plan para gañarse a “errejonistas” e soberanistas. Xuízo de intencións espallado con premeditación e aleivosía precisamente polos baróns que nas súas respeitivas comunidades (Castela A Mancha, Estremadura, Aragón ou Valencia) gobernan grazas ao apoio directo ou indirecto de Podemos. Unha sublime paifocada que tivo o seu Punto G na solemne declaración feita a véspera por Susana Díaz en Sevilla ante a plana maior do “peronismo rosieiro”. Cunha executiva entregada, e indicando como Colón por onde deberían ir os tiros para tomar Ferraz, proclamou: “Podemos non nos fará o que fixo a EU”. E díxoo a mesma presidenta andaluza que primeiro entregou a vicepresidencia da Junta a Esquerda Unida para lexitimaren o goberno dos ERE e despois, obxectivo cumprido, guindou como unha cabicha.
Con esas vimbias argallouse o asasinato político do único secretario xeral do PSOE eleito polas bases en toda a súa historia. Aínda que como nestes casos sempre se precisa un “incidente”  sobrevindo que xustifique a agresión na recámara, tipo Pearl Harbor ou Golfo de Tonkín, tiveron que percorrer ao bulo da urna encriptada para culminaren a falcatruada. E máis cando as teses dos pedristas estaban a gañar a batalla da opinión pública contra a opinión publicada, rompendo o perverso encadenamento que vén utilizándose para naturalizar a servidume voluntaria. Por iso é polo que, xentes que publicamente abominan do carácter asembleario dos movementos sociais que ameazan os seus privilexios e prebendas, mostrásense como adoitos trileiros na arte de capitanear reunións tumultuosas. Unha confusa localización da urna, seguida doutra igualmente torpe explicación do procedemento a seguir na votación, facilitou a súa explotación maliciosa polo susanismo para impor o escrutinio á búlgara, o método ideal con que condicionar a vontade daqueles que temen expresarse en público por temor a represalias. Desta forma, entre o clímax  bulleiro e as prácticas coactivas dunha asemblea de facultade campando ás súas anchas, descartouse a garantía do voto secreto e deixou desembarazado o camiño a Despeñapedros.
Agora hai que administrar a vitoria. Aos gañadores queda un treito cheo de minas, e xa non poden montar máis pitos. Porque as opcións son contadas e todas elas turvas e contrarias aos mínimos compatibles co principio democrático que, segundo a vixente Constitución (art. 6), debe rexer o funcionamento dos partidos políticos. Ou o novo Comité Federal abstense para permitir a investidura ao PP, desdicer do aprobado antes (espantallo semellante ao do xeneral pacifista e antimilitarista do pablismo), e amostrando que a defenestración de Sánchez carecía de motivación ideolóxica (á parte de facerse cómplice dos axustes e recortes que traia o novo Goberno ao esixirlle tamén ao PSOE un si aos orzamentos). Ou ir a unhas terceiras eleccións posibilitando o sorpasso de Unidos-Podemos e a súa coroación como líder da oposición e referente da socialdemocracia española, a máis diso cebar o subidón eleitoral do PP.
Por iso constituíuse unha “xestora permanente” (un oxímoro). No imediato non haberá nen primarias nen congreso. Ninguén quer abandeirar o desastre que vén. Asín, a xefa do “peronismo rosieiro”  poderá imputar a desfeita en perspectiva ao infausto herdo recibido da era pedrista.

O que xa ninguén conseguirá evitar é que a xente enxergue que a afamada democracia representativa ten moito de simulacro dos partidos para maquillaren a súa descarnada loita polo poder.

Un século despois de que Robert Michel elaborase a súa “lei de ferro da oligarquía”, após o estudo en profundidade da socialdemocracia alemá da época, as súas palabras seguen de actualidade: “A organización é o que dá orixe á dominación dos elixidos sobre os eleitores, dos mandatarios sobre os mandantes, dos delegados sobre os delegadores. Quen di organización di oligarquía”.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off