off

O goberno catalán admite que non poderá facer a consulta do 9-N e ofrece un proceso de participación alternativo

by
Fonte: TV3
11 de decembro de 2014 Fonte: TV3

A axenda política que o goberno de Artur Mas arranxou xunto aos seus aliados políticos para o proceso do dereito a decidir e a posibel independencia de Catalunya, até o de agora alicerzada na consulta do  9N,  vén de  sofrer as consecuencias de ter optado por organizar o proceso segundo a legalidade española, controlada por unhas institucións estatais nídiamente hostís.  Cómpre lembrar que a consulta, ainda sendo enxergada como única ferramenta democrática dun proceso de autodeterminación, non é necesariamente o único vieiro democrático.  Moitas nacións teñen acadado a independencia a través dunha declaración directa, nunha acción que non depende da lexislación vixente no estado do que se consuma a secesión, mas soerguendo nas institucións creadas para representar o suxeito político da nación. Certo é que este vieiro levaría aparellado un intenso traballo de recoñecemento e lexitimidade legal internacional para que a secesión fose verdadeiramente efectiva.

O legalismo ideolóxico ( hai cousas que non se poden preguntar se contradín a Constitución ainda que as vias sexan as correctas?quen pode preguntar a quén?) e a falta de resposta política por parte do goberno Rajoy facía prever que logo da fulminante reacción das institucións españolas ao decreto da convocatoria, alargaría o campo de batalla. Un editorial The New York Times vén de chamar a atención do goberno Rajoy sobre a interpretación restrictiva da legalidade e a paralización política fronte o conflito.  Enténdese, porén, que os cataláns queiran saber cal é  agora o roteiro a seguir unha vez que Mas deu por asumido que non haberá consulta. De quen está cautivo Mas? O aparente beco a que conduciu o legalismo acabou por mostrar que non había plan B.  Porén a falta de consenso sobre que facer o 9N  albisca un roteiro que levaría ás plebiscitarias.

Para alén das especulacións respeito aos motivos dos partidos implicados hai que ter presente que este roteiro comezou logo eivada tentativa de encaixar Cataluña co Estatut de 2006.  A partires de aí teimouse en facer da mobilización cidadán e dos instrumentos democráticos que están en máns do estado español e a súa legalidade, unha modalidade de consulta non referendaria por mor dun amplo acordo de partidos, sociedade civil e goberno da Generalitat de Catalunya.

 Se facer un referendum significaba rachar coa legalidade española, como é que non se preveu que o aparato municipal e autonómico tería que estar disposto a asumir os riscos de organizalo?  Sabíase que o vieiro aberto polo Tribunal Constitucional non era outro que abrir o escenario dunha declaración unilateral de independencia con observadores internacionais que a validaran. Malia os erros formais que se poidan ter cometido a dose de incerteza é grande. Hai  potencia nos partidos cataláns e na cidadanía para romper coa legalidade española mesmo se non hai apoio internacional explícito?

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off