off
Cedeira, Fillos da silveira, Historia, Política — 24 Outubro, 2011 at 6:50 p.m.

Rebato e insulto do 2 de xullo de 1747 …

by

“Os veciños de dita Vila de Cedeira viven fronteira do mar i en porto e costa aberta onde acostuman a acudir de ordinario moitos corsarios”. (Documento de 1582, orixinal en castelán).

Esta historia que vou recordar é un feito histórico documentado referido polo cronista local Rafael Usero e que aconteceu na Ría de Cedeira un 2 de Xullo de1747. Situémonos no tempo… En 1746 subía ao trono español Fernando VI herdando tamén a guerra en curso xurdida polas rivalidades polos dereitos de sucesión da Casa de Austria á morte de Carlos VI, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico e na que participaba o xa finado Felipe V de España pola reclama dos ducados de Parma e Plasencia. Este foi un conflito bélico como tantos desatado na nobreza europea polo reparto do poder e dos marcos a gran escala, por un bando Austria apoiada polas Provincias Unidas e Gran Bretaña, polo outro a alianza formada por Baviera, Prusia, Saxonia, Franza, Cerdeña e España que xa estaba en guerra con Gran Bretaña dende 1739 (Guerra da Orella de Jenkins provocada có gallo do contrabando dos navíos ingleses en América). O Tratado de Aquisgrán de 1748 deu fin á Guerra de Sucesión Austríaca iniciada en 1740 e Felipe V, o primeiro borbón da coroa española, a pesar de levar dous anos morto fíxose cos ducados italianos de Parma, Plasencia e Guastalla.. O caso é que o 2 de Xullo de 1747 mais de corenta bergantíns procedentes de Biscaia cargados de madeira, cal, ferro e outros enseres para o Arsenal do Ferrol, víranse obrigados a desviar o rumbo e arribar á Ría de Cedeira. Non tardou en sumárselles unha fragata francesa de 12 canons avistada en alta mar por barcos ingleses –dous paquebotes corsarios e unha fragata de 30 canóns- esta puxo proa á presa a toda vela tamén, rumbo á entrada da pequena ría cedeirense procurando un refuxio aparentemente seguro pero que axiña se tornaría nunha trampa sen manobra posíbel para aquela flota mercante, tras deles, á caza, os navíos ingleses internáronse na ría e nin o medio cento de proxectís dos catro canóns do forte da Casa da vela da punta do Sarridal , nin as defensas da fragata francesa ou dos corenta bergantíns daquel convoi que partira de Biscaia rumbo ao Arsenal Ferrolán, nada puideron facer… pouco tempo despois fragata e bergantíns non eran outra cousa que corenta lumaradas ou mais no medio da ría da vila e terra de Cedeira.

Conta este documento do século XVIII que os habitantes de Cedeira fixéronlle fronte aos ingleses (exemplo tamén é o escrito do fidalgo Placido Montojo, natural de Regoa que asumiu un papel decisivo naquela xornada), aqueles fillos da Gran Bretaña aínda non quedando satisfeitos con ter reducido a quilla e cinzas aquela flota mercante puxeron pe en terra con malas intencións, con ánimo de facer mal tamén na vila… saquear, incendiar, matar e arrebatar o seu botín, pero foron rexeitados pola poboación local quedando xente e vila sans e salvos protexidos tras das murallas da Vila, non sendo consignado nos libros parroquiais falecemento algún naquel dia de ningún Cedeirense, aínda que si existe unha partida de defunción na parroquia de Esteiro dun asturiano morto violentamente polos británicos. A todo isto uns vinte ingleses tras desembarcar na Praia das Sonreiras e subindo ás agachadas pola costa sorprenderon aos defensores da batería da Casa da Vela na punta do Sarridal cunha descarga de fusís, os defensores da batería coa pólvora esgotada na contenda naval, fuxiron a fume de carozo. Libre xa de toda defensa e a falta de outro botín de guerra mais proveitoso foron saquear a pequena capela de Santo Antón do Corbeiro, roupa de igrexa, obxectos de misar e a rastras levaron a imaxe de San Antonio de Padua abandonando a ría despois da desfeita có Santo Antón colgado polo pescozo do trinquete dun daqueles navíos corsarios. Aqueles acontecementos do 2 de Xullo de 1747 foron considerados con insistencia no documento do S.XVIII como de “rebato e insulto” deixando un pouso de xenreira na vila que precipitou a necesidade xa histórica da mellora da defensa da ría coa construción en tempo record da fortaleza da Concepción.

A finais daquel mesmo ano de 1747 rematou a construción daquel baluarte defensivo. Pero o verdadeiro inimigo da paz na costa naquel século das luces e da ilustración non era tanto aquel que chegaba por mar. A paz na costa signicaba fin do bloqueo marítimo, estabilidade que favorecía as relacións comerciais e o intercambio de mercadorías con outros pobos da Europa atlántica ou do mediterraneo, como así sempre fora dende a noite dos tempos… O verdadeiro inimigo da paz e do abastecemento era a rancia monarquía borbónica absolutista e déspota asentada no secano mesetario, a mesma que eliminou os “fueros e privilexios” dos antigos reinos peninsulares, enleada en múltiples conxuras, tramas e conflito que expoñían as vidas e facendas daquelas humildes xentes do litoral atlántico cando menos ao desabastecemento e ao saqueo, sen protección naval nin costeira de xeito, cantas veces foran sacrificados ao arbitrio dos navíos inimigos en tempo de guerra…duns inimigos que en realidade en tempos de paz chegaban a ser inmellorábels aliados comerciais…o inimigo real era a fame e a galerna, a guerra e os trabucos,impostos e obrigas de pagos de rendas a unha nobreza descastada e a un clero sulagado nos sete pecados, ambos ao servizo dunha monarquía balorenta e allea a aquel pobo, dende logo moito mais mais allea e lonxana que aqueles corsarios e tripulantes de navíos mercantes e falas estranxeiras que recalaban na ría de Cedeira para descargar sal e mercar aquelas estimadas laranxa das hortas de “Oveco”.

Fernando Igrexas Bouza

3 Comments

  1. Ola Oscar, Ola Gabriel…vaia! non me enteraba da conversa.
    Cedeira foi porto franco para moitos navíos estranxeiros e moi coñecida polos navegantes foran corsarios ou non, en tempo de paz o ordinario era o intercambio de mercadorías o extraordinario o saqueo. Pero está claro que sempre foi un porto exposto, documentado temos un secuestro de mariñeiros da vila, pai e fillo diante de onde está a Marina e a rúa da escaleira, por piratas mouriscos ou enfrontamentos con tropas napoleónicas, ( daquela trocábanse prisioneiros franceses por porcos “Pasa porco, pasa francés”).
    Por certo o reino de Galicia participou con barco, armas, tripulación, soldados e pavillón e pa$ta propia na batalla de Lepanto
    A insistencia e reclamación da Xunta do reino de Galicia en Valladolid e Madrid dunha armada propia que patrullara a costa sempre fora denegada mentres desangraban con impostos e recrutamentos forzosos (“miña nai, miña naiciña cantos disghustos che dei aghora que che axudaba, mándanme a servir ao rei”). Sevilla e Cadiz pasaran a ser os portos de referencia da coroa por onde entraban as fabulosas riquezas espoliadas de américa, a Galiza deixárana fora de tal honra e xa na guerra de independencia de Cuba as tropas partían engalanadas entre vítores música e aplausos para a guerra na illa dende o sur namentras…os moribundos, mutilados, feridos e enfermos desembarcaban na Coruña.
    En posteriores ocasións quero escribir un pouco sobre isto, tamén sobre a importancia que tivo na deforestación do litoral coa protesta documentada dos veciños aquela desastrosa aventura da “armada invencible”, Converteron a nosa costa e os rios primeiro en “devesa real” de madeira e despois en ermo nun tempo en que a madeira era tan prezada e necesaria como hoxe o gas ou o petróleo, ou mais.
    En canto ao de “traballar para o inglés” pode ser que de aí veña…”todo o traballo perdido”, tamén hai frases perdidas das refregas cós galos ou influídas polo odio católico conservador ao pensamento racional e revolucionario da ilustración, “eres mais impío que un francés”. Tamén “estás mas queimado que un cabo de realistas”…he, he.
    A “fraseoloxía” popular ten moita retranca e historia, froito da experiencia. Pero podo asegurar que os cregos, xuíces, notarios e escríbanos son campión dos “proxectís” da retranca popular que ten moito de cachondeo e de des-presurización popular da rixidez da censura:
    “O crego da miña aldea ten as cirolas rachadas, que as rompeu nas silveiras ao andar tras das criadas”. “Este pandeiro que toco e de coiro de escribano, toca pandeiriño toca non roubas mais este ano”. “Escribanos e notarios e daqueles mais altiños, caen tantos nos infernos como hai herbas nos camiños”. (estas frases de entre moitas foron publicadas por Antonio de la Iglesia, “El idioma gallego”1886 ).
    Saúdos!

  2. Sen dúbida a expresión ven de aí. Mais acho que hai que contextualizalo. Con certeza que os saqueios eran fodidos e os vilegos tiñan que se defender como ben podían. E do conflito xurde o estereotipo : a fortín da Concepción vaise facer por subscripción popular porque o Reino de España non era quen de os defender.
    Un estado centralista e despótico que xa perdera o control imperial dos océanos e que estaba a anos luz do parlamentarismo inglés ou francés, mália os excesos napoleónicos e o gosto filibusteiro dos ingleses.

    Ao meu ver, a expresión “traballar para o inglés” encerra máis cousas. Apunta a unha situación de naturalización do outro como productor da própria indixencia e non percibe que o “inimigo” está na casa, porque se mantés unha relación de vasalaxe e o teu señor non te defende, algo hai que non concorda, non -si? Dubido moito que os ingleses nos saquearan durante séculos máis do que o fixeron os españois e do que “nós” mesmos o poidéramos facer moito antes. De feito, as migracións célticas cara ás illas van sair da costa galega, entre outras. Os contactos marítimos eran habituais moito antes da visión monocultural que vai implantar o imperio español. Xa que logo, aquí é o estado español o que sae cuestionado: individualista, xerárquico, depredador e homoxeneizador. Por qué revoltarse contra o español se xa están os ingleses? A construción de estereotipos aparece cando hai un conflito de calado e interesa desviar a tención e atopar un culpabel externo. O estereotipo nunca é inocente. Ao reconstruir esa expresión temos que reconstituir a nosa cosmovisión e iso significa a nosa identidade. Como se percebían os galegos e, en particular, os cedeireses nesa época. Quenes éramos, quenes eran os nosos avós e con que forza poideron camiñar. Cómo se percebían a si mesmos e cómo os percebían na cidade departamental, cómo nos percebían os ingleses?.
    Hai uns anos paseando polo mercado de Portobello en Londres atopei entre antiguidades a folla dun mapa inglés, tirado sen dúbida dun vello atlas de finais do XVIII. Chamou a miña atención porque a península ibérica aparecía dividida por unha liña vertical que extendía a separación con Portugal até Ribadeo. Unha acuarela, sen dúbida, que aplicaba diferentes tonalidades entre as dúas partes para ben diferencialas. No recanto, ao noroeste, aparecía ese porto natural chamado “Cedaria”(sic.). O anticuario cando se decatou do meu interese era tarde de máis para a puxa. Pagara polo tesouro un prezo razoabel para a miña economía. Calquera día volo poido amosar.

  3. Fantástico artigo, Fernando.
    Hai unha expresión curiosa na vila: “Traballar para o inglés”, que quere dicir “traballar para nada” ou “en valde”.
    Sempre me preguntei se viría dos frecuentes saqueos que, coma ben citas, se produciron por ingleses durante séculos. E claro, traballar duro e xuntar riquezas para que logo veñan o inglés e cho leve, explicaría a expresión.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off