off
Cedeira, Entrevistas, Política, Traballo, Xente — 6 Novembro, 2019 at 6:28 p.m.

Pintos, a afouteza do sindicalista de fondo

by
Este sindicalista-runner de 64 anos segue en pé após tres anos aposentado mentres agarda  xulgamento os días 12, 13 e 14 de novembro na Audiencia Provincial da Coruña pola súa participación nunha mobilización de denuncia que no ano 2012 realizaran traballadores de Navantia e Poligal en defensa do emprego e da industria na comarca, coincidindo co acto de abertura da campaña eleitoral do PP e que rematou cunha carga conxunta da PN e da policia local na que foi machucado e detido. Esta primeira sexta-feira de novembro, despois duns dias intensos recibindo apoio, conversamos por teléfono con Suso Pintos, acabado de chegar dun xantar cos netos. A pesar da acusación e dunha solicitude de cárcere insustentabel, o sindicalista soberanista de raíz, acolle a miña chamada de teléfono coa mesma afouteza de sempre.

 

De neno, o  alto, con dous amigos rente o Condomiñas

Como che vai Suso?

Desfrutando dos netos e da vida. Meu pai, que xa está nos noventa anos, non acredita moito na imparcialidade da xustiza cando cada vez que nos vemos me espeta: “se atreveron cos catalás, o que farán contigo”. Na xente hai medo aos despidos e as multas, e o pior, a desmobilización. E iso amólame. Hai case unha década que non hai unha folga xeral de país. Cando o que máis precisamos é unidade e solidariedade. Porque motivos habelos hainos. Alén diso, síntome persoalmente arroupado. Hai un ano toda a corporación en pleno de Cedeira solidarizouse comigo e hai unha semana máis de 500 persoas diversas mobilizáronse en Ferrol en contra deste xuizo.
Contodo, malia levar tres anos xubilado és un sindicalista ben coñecido. Imaxino que o teu creto como activista insubornabel a favor dos dereitos laborais estache axudando  na superación emocional.
Boa pregunta. Cando ocorre un feito traumático, a mente sepárase para non confrontar a realidade mas é superable. Eu non percibo ese creto ou se queres ese prestixio porque é absolutamente irrelevante se non hai mobilización contra a agresión aos dereitos civís e laborais. O que máis temo é a desmobilización da xente fronte a brutalidade.e a lei mordaza que o PSOE non impugnou.
Como entraches na defensa sindical de dereitos?
Fun das «casas baratas» de Cedeira, fillo e irmao de mariñeiros. Percebeiro, Traballei na montaxe na central de Alcudia, en Meirama e na central térmica de La Robla en León. Andei 12 anos no mar e en 1980, primeiro coa INTG e despois xa coa CIG arranxamos no baixo do Tropezón, na rúa Real de Cedeira, a primeira sección de asistencia laboral gratuita a calquer traballador@. Na altura, en Cedeira, como en moitas vilas e cidades na Galiza se non eras do PP eras mesmo abertzale. Non mudou moito porque continua utilzándose cando convén para estigmatizar calquera tentativa de resposta política ou social. Encetamos a primeiras afiliacións e eleicións do sector do mar en Cedeira no barco de Bouzón. Luis da Laboreña foi o primeiro delegado sindical da CIG. Despois veu Cariño. E ao pouco alarguei acción sindical para Burela e Celeiro, porque canta máis afiliación sindical hai nun sector, nomeadamente no mar, menos precariedade hai, e  millores condicions laborais teñen os traballadores . De feito, organizamos os primeiros cursos de supervivencia no mar. Todo moi dificil nun sector onde non hai convenios e se non pescas non gañas.
Mas tamén precursor na confraria, de brazo dado dos percebeiros e mariscadoras,primeiro en Cedeira e Valdoviño e, despois,en Ferrol e Mugardos
Presidín a primeira agrupación de percebeiros e defendin a unión de mariscadoras da comarca, malia a desconfianza inicial entre Valdoviño e Cedeira.
Até o momento alomenos 17  comités de empresa da comarca asinaron  o manifesto en apoio a Pintos. Recibiches apoio destes grupos locais?
De momento só recebin mostras de solidariedade a título persoal. Por outra parte, é innegable que non podemos ver como perto ou con simpatía política a quen nos reprimiu directamente no pasado ou nos estigmatizou e, en última instancia, foron instrumentos de desfeita laboral. Peza mala de roer é innegable. Cando me presentei á alcaldia polo BNG, na primeira campaña das eleccións europeas, miña vella nai chegaba á casa dicindo que estaba metido cos da ETA. Pero na medida en que non temos a capacidade de modelar a realidade ao noso gusto (ainda que niso estamos) é inevitable que teñamos que movernos constantemente en situacións incómodas e onde sexa difícil situalas sen ningunha contradición.
Cos compañeiros de remo:Uka, Pintos, Lolo, Jojó, Juan Antonio e o Rebelde.

Mas inda aguantaches de concelleiro do BNG no Concello de Cedeira até o ano 99

Na oposición botei meu tempo, como ben sabes, que che vou dicir que non saibas porque ti estabas por alí de mozo [Risos. E ainda o imaxíno mexendo compulsivamente na perna mentras defendía con afouteza mariñeira calquera moción nun pleno municipal ].Todo debía ser feito, en certo sentido  a xeral falta de cultura política democrática facilitabamos moito o traballo político inda  que  romper o manto de silencio non foi doado como ben sabedes os mozos da Chirlateira e o Ollaparo: desde o acto símbólico de retirar o aterrecedor nomenclator franquista das rúas (Excombatientes, Generalísimo, Almirante Moreno) até alentar e facilitar a participación veciñal desenvolvendo a sá pedagoxía de opor crítica e resistencia a un xeito de facer política autoritario proprio do rexime do 78.A lei  de 1985, Reguladora das Bases do Rexime Local, concedia maís poderes á Alcaldia deixando aos concelleiros como caladiños que por sistema rexeitaban todo o que non viña da alcadía. Había que ir parroquia a parroquia, barrio a barrio informando de aspectos básicos, como por exemplo o a revisión do plan xeral de ordenación urbana. Era a política que se podía facer co pano de fondo da reconversi6n naval (co peche dos asteleiros, o bipartidismo. o poder dos alcaldes de AP e PSOE, aseguran o control dos votos nos seus concellos. O BNG participou na creación da Mesa pola Calidade do Ensino constituida por diversos colectivos e presentou mais de 700 firmas  apoiando unha moción para que cederan os terreos, para que a Conselleria de Educacion edificara una nova escola. Lembro que esta proposta foi rexeitada polo grupo de Alianza Popular, que propuxo para máis adiante unha ampliación  cando non sandaria as graves deficiencias estructurais e dun edificio que non contaba coa infraestructura necesaria. Na altura, por mor da incompatibilidade co cargo de concelleiro, decidin adicarme ao traballo sindical.
Naquel momento decepcionoute a política local ou foi o que veu despois?
A xente implicábase máis porque, como dicía, non había nada. Temos unha democracia na que o partido do goberno foi fundado por políticos franquistas – nos últimos meses vimos espallar ese andazo latente por todas partes- e nas que as formas de des-información e autocensura que son os monopolios.Decepcionarei se non hai resposta social fronte a abafante regresión de dereitos e liberdades.
Mas segues sendo optimista malia defrontar unha petición de prisión. É asustadora porque non somos inxenuos. Ainda así, non che parece que lles debemos aos netos un futuro máis limpo e máis honesto ?
E sempre practicando deporte.Es un raro
Sempre. Cando  9 anos había que saber nadar e puxábante no “pozo redondo” [rente do rio Condomiñas] e había que sair nadando …e se non podías e non afogabas non intento tiñas que repetir  até sair nadando ao ghato [sorrimos a pracer]. Despois veu o remo, de popel, con Juan Antonio, o Castelos, o Jojó de segundo proel e o grande Lolo de proel. Cando se desfixo a vella  fábrica de fariña, onde se gardaban as iolas e os bateis, quedamos temporalmente sen local e non había apoio por parte das entidades locais. Desde que estou en Narón fago running e entreno nun equipo multifuncional e diverso con policias,  pequenos empresarios, gardas civis, … [ chámase Pasa ou entorna e temos pactado nunca falar de política, puntualiza socarreiro]. Cando levaba un ano adestrando para a distancia de Ironman, a pesar de ser o participante máis vello e posiblemente o máis novato, gañei o Noroeste Triman de Middle de As Pontes na categoría veteranos 3 de media distancia. Tamén ando metido na horta con setenta froiteiras que amargullo e inxerto: pracer de ricos  apañar e comer a froita na árbore.

Cando rapaces iamos “roubar” froita en horta allea…

Mas non querería eu que se pensase que estou a falar dun hábito específicamente noso. Non, para nada [renega retranqueiro]. Este é un hábito a nivel planetario que se foi perdendo a medida que o rural foi ficando abandonado. Andar a brincar nas hortas e cómaros e bañarse no rio  é propio das aldeas e vilas como lugares con futuro, porque hai xente con posibilidade de facer plans de vida no rural.

Tes vivido situacións complicadas para entrar nalgunhas empresas e sectores , …mas ningunha tan complicada coma esa de defrontar a petición de 2 a 3 anos de cárcere por unha briga nun acto do PP durante a campaña eleitoral de 2012 a resultas do cal ao único que deteñen é a Pintos. Que aconteceu para que estén a pedir unha punición coma esa? 

A lei estabelece penas para certos delitos mas tamén é de lei ter un xuizo xusto: dos 43 testemuños so aceitan 3 e ao policia que me denuncia por suposto “atentado público y desordenes” acéptanlle 14 (estivo 20 dias de baixa porque seica estaba machucado dun brazo,  alegou que o agarrara polo peito…e iso que van vestidos como para a guerra). A represión do procés na Cataluña está a darlle visibilidade a considerar como problema de orde pública ou de desacato á autoridade calquera acción colectiva non sancionada dende as institucions e que asimila grande parte destas accions non reguladas a “violencia”. A estructural ou derivada de accións políticas concretas ( reforma laboral, recortes, lei mordaza,rescate da banca, etc.) non contan como violencia.
Desde o primeiro momento tes insistido que houbo connivencia de partes na construcion dun relato do acontecido encamiñado a criminalizar a accion de protesta e denuncia sindical através da tua persoa. Sínteste arroupado?
Tempo despois desa detención fun enxuizado polas lesións alegadas por un policía que participou esa noite. E tocoume ser a vítima  nunha  causa que se xulgará na Audiencia Provincial da Coruña.Cómpre ter presente que hai unha gravación de 20 minutos dun cámara da Sexta onde se identifican outros sindicalistas da POLIGAL (empresa que xa fechou) e NAVANTIA durante ese acto eleitoral do PP  ao que decidiran acudir para realizar o moi subversivo boureo de chamalos “mentireiros”. E ofendéronse, claro. Mesmo se estivermos enfrentando un xulgamento contra o sindicalismo galego mesmo se unha sentenza inxusta cair, a CIG non desiste. Pola contra, canto máis dano fagan mais resistencia han atopar.
Despois de todo, a existència de prisións é unha opción política, que responde a existència de mecanismos coercitivos e a unha forma defrontar e opor, desde o poder,  múltiples situacións…
Vouche contar unha anécdota. Despois da denunciar maus tratos o xuiz deixoume libre con cargos, tendo que presentarme cada 15 días no xulgado de garda. Así durante un ano. Unha vez coincidin agardando con mais tres persoas, todas elas en apariencia dispares, que despois da pertinente presentación  dos motivos das respectivas comparenzas, cando ficou claro que a maioría era por tráfico de drogas, pensaron que lles estaba a espetar unha trola ao dicirlles que era sindicalista. Xa pasaran 7 anos, a miña defensa recusou o tribunal e o PP retirou a denuncia, menos o policía. O xuiz arquivou o asunto, mas a Audiencia reabriu o caso pola denuncia dun policia no que o fiscal acredita ás cegas malia as probas de vexación que sofrin no calabouzo e que non son aceites e so admiten o testemuño dos outros policias e non a do resto de persoas que alí estaban.
As institucions de poder son reacias a esfregar os ombros con persoas comprometidas política e moralmente….Un pode ser un mediocre moi competente, é decir, aplicado, servil e libre todas as conviccións…Que caste de porvir nos é dado esperar? Como facer-se valer?
Durante a crise os únicos que achantan para sacar o país adiante é a clase traballadora. Pagarmos a débeda da banca e de todos e, ademais,   controlan que o déficit non se nos vaia das maos. Culpabilizan o traballador e de paso criminalizan o sindicalismo alternativo.A represión sobre o sindicalismo galego pola sua fasquia alternativa  non é novo. As dificultades do sindicalismo lastra a má imaxe deixada polas centrais sindicais estatais nos ultimos anos, sen dúbida. Mas nunca foi tan necesaria, insisto, a mobilización unitaria.  Sabendo que temos que seguir loitando para que non se normalice ese relato de criminalización do sindialismo galego e de calquera defensa de dereitos sociais, laborais ou de xénero.
O sindicalismo galego non aparece ligado a escándalos de EREs falsos nen de cartóns opacos nen de desvíos de fondos para a formación de desempregados…Cres que a CIG debería seguir participando nos fondos destinados á formación para o emprego?
Tiña que ser o autogoberno galego quen asumira a competencia e non os empresarios. O alvo da CIG sempre foi a formación acaída e non ao chou e ir pagando alugueiro de locais.O sindicalismo nacionalista nunca se vendeu e iso devagar foi valorizado. Agora hai moi poucos cartos. As outras centrais non teñen a autonomía de acción de noso. No ano 72, co Sindicato Obreiro Galego (SOG), e o chamado á defensa da terra, agromou unha conciencia de pais que non tiña a pequena burguesía local, foi o xermolo que foi levado á rúa sob o lema a “loita continua” e con traballada independencia orgánica respeito aos partidos políticos. A escisión da Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG) fíxonos mais fortes. A Confederación Intersindical Galega (CIG) xorde do seu congreso fundacional, o 19 de marzo de 1994, e é a converxencia das dúas centrais sindicais galegas, INTG e CXTG. Estamos nun tempo fodido e agora vese que aquel escachón e posterior converxencia serviu de necesaria reflexión para o porvir dun sindicato de clase que defende a identidade nacional de Galiza e a autoorganización dos traballadores e traballadoras, que practica a solidariedade e o internacionalismo, que considera un principio fundamental a democracia e a participación. Se agora somos a central sindical con mais delegados no país é porque cumprimos coa exixencia de facer posible un sindicalismo autónomo e representativo. A CIG está consolidada, desde hai moitos anos, como a primeira forza sindical en número de persoas afiliadas , nomeadamente no ensino, mais tamén no conxunto de todos os sectores laborais no noso país. Somos, con diferenza, a central sindical con maior afiliación. Malia os tópicos, Galiza racha co mapa do Estado dominado polas centrais CCOO e UXT, de ámbito español e que apostan só no pactismo.
Con compañeiros do BNG de Cedeira e Beiras

Que mensaxe se lle está a enviar á cidadanía cando unha cidade castigada por un proceso constante de desmantelamento industrial, cunha longa historia de loita sindical polos dereitos dos traballadores, quere e pode enviar  á prisión a un dos seus representantes sindicais máis coñecidos?

Esta sempre foi unha comarca loitadora. E nunca coma agora fixo tanta falta pechar filas: o poder económico e político queren escarmentados  e dóciles “prime time”. Desde hai 7 anos non volveu haber mobilizacións en xeito e a xente colleu medo. Os medios non axudan e a visión nesgada do que está a pasar na Cataluña demoniza só a quen guinda unha pedra e minimízase o lanzamento de pelotas de goma que rebentan pernas e globos oculares. E temo que a coincidencia do meu xuizo en plena campaña eleitoral e co mediático xuizo de Diana Kerr acabe invisibilizado se non hai mobilizacións contra da represión.
Está claro que ves semellanzas co que esta a pasar agora na Catalunya, coa onda de represión e criminalizacion de calquera  resposta social, mesmo de activistas sociais que fixeran da accion pacifica a sua marca de identidade.
E Alsasua. Convídannos a hostias a que nos portemos ben. A pesar da disparidade de causas hai unha semente común, por unha banda, o mesmo aceno represor dos instrumentos do estado capitalista e, por outra, a maior discrecionalidade da grande empresa. A miña detención e enxuizamento vén dicirlle á xente “cando a ti che fan iso que non me farán a min que non son sindicalista”. Mesmo á pequena escala do meu xuizo, cómpre termos presente quen exerce a represión e quen lle dá certas características é o Estado, quen pode aplicar sancións administrativas ou procedementos penais, pode acelerar as súas accións ou alongalas e dosificar no tempo, pode permitir unha determinada acción  (un referendo, unha ocupación dun centro. do traballo, unha manifestación, un escrache etc.) ou reprimir dun xeito máis ou menos evidente e intenso. Se a represión é unha arma contra os movementos e as organizacións sociais, é o Estado quen decide cando, contra quen e como a empregará. Na medida en que tipifica a resposta a un determinado comportamento, a loita contra a represión tamén debe facerse mirando directamente o que está a facer o Estado. Nese sentido, o que está a acontecer na sociedade civil catalá é un faro para min e para calquera demócrata que acredite no cambio social.
Se estás atado ao que o Estado dá nunca terás liberdade de decidir…
O poder político e empresarial fronte a unha folga xeral sabe que unha parte importante dos traballadores non pode facela, porque son despedidos e por outras limitacións. Sen dúbida, haberia que dar un paso máis cara a desobediencia. Saben que lles doen cada vez menos as folgas, ainda que continuan a ser xunto coas mobilizacións un mecanismo necesario para perder o medo e non perder a dignidade.Talvez tamén habería que facer folgas e accións máis longas para que serviran de algo. A situacion laboral na comarca é critica mas é a cronica dun devalo anunciado  hai  tempo (o desguace da frota, a reconversion naval, o eólico e, agora, Endesa). O asalto as institucións serve de algo sen xente atrás reivindicando dereitos?
A Axencia Europea dos Dereitos Fundamentais advirte de que o emprego doméstico é o cuarto sector máis propenso á explotación laboral.
O pan diário para milleiros de traballadoras domésticas na Europa. O que é intolerable é a falta de inspeccións laborais por parte das administracións e que son esenciais para detectar se hai violacións dos dereitos humanos.Se a sociedade ten comportamentos solidários, fraternos e de xénero, tamén entre iguais, encomenda, transmite e confia igualdade de dereitos.
Xa para ir rematando.Como é posibel este clima de paz social cun paro tan elevado?
Hai moita economía mergullada que permite subsistir a moita xente e que todo o mundo acepta. Mas o goberno de turno  só sabe perseguir ás persoas que están a buscarse a vida…e a quen denuncia abusos laborais. Páctase un aumento salarial do 1% cando levamos anos conxelando e descensos do 5% … Vimos que até os funcionarios, os máis protexidos, din, baixarlles  un 5%. O caso é que se impuxo a terciarización de todo proceso de contratacion de traballadores por empresa interposta, cuxo obxetivo último é a reducion de custos coa forza de traballo, coa indisimulada colaboracion de moitas administracions locais;  acomodacion; precarización do traballo; reestruturacion, desmantelamento, privatizacions…

Deixa-se de ser sindicalista?

Nunca se deixa de ser sindicalista, cando se levan máis de 30 anos, 24 horas ao día, defendendo a clase obreira.Cando te xubílas, tratas de desconectar, pero é moi difícil, e máis nos tempos que corren, coa perda brutal de dereitos e coa represión que o estado español exerce, sobre as persoas que esixen a restitución deses dereitos.Ser sindicalista non é propiamente unha profesión,  non se ensina, é confiada; unha vocación pura e dura.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off