off
Opinião, Política, Politica espanhola — 18 Abril, 2017 at 7:15 a.m.

Funerais de Estado

by
"Tivemos a experiencia mas  perdemos o sentido
 e achegarse ao sentido restaura a experiencia"
 (T.S. Eliot)

A hipocrisia o cinismo de baixa laia e a vaidade desavergoñada, características históricas da nosa clase política, volveron a facer das dele. Esta vez a raíz do inesperado falecemento de Carme Chacón. Como acontecera en parte con Rita Barberá, moitos dos que antes a ningunearan correron a trazar un oportuno cordón sanitario de encomios. Máis do que calquer cousa para se soprepor o dereito da cidadanía á crítica das actuacións dos seus representantes. Non queren que ese lexítimo exercicio de transparencia sirva para reavivar as flagrantes omisións das organizacións ás que outorgan “obediencia debida”. Por iso é polo que ver ofensas ad hominem en discordar sobre a súa carreira pública converteuse na derraceira boceira da posverdade. Circunstancia chocante nunha sociedade onde os políticos gozan ate a náusea coa exhibición da súa intimidade para fomentar a notoriedade mediática.
A retórica oficial sostén que un “funeral de Estado” é unha cerimonia en honra de alguén que pola súa traxectoria concitou recoñecemento xeral. Sen distinción de clases, ideoloxías ou credos. Coma se no canto de conflito, desigualdade e crúa competencia, a convivencia estivese abalada pola harmonía universal. E iso porque se instala a percepción, real ou prefabricada, de que os servizos prestados por esa persoa foron en beneficio de toda a comunidade, de arriba-abaixo e viceversa. Iso é, ceteris paribus, o que se escenificou aos catro ventos tras a morte da ex dirixente socialista.
Goberno e oposición, socialistas e populares, e medios de comunicación de todas as adscricións foron teimosos na énfase para compensar pasados desprezos. Abondaba ver as portadas clónicas e os comentarios parellos do País e A Razón: unha gran política, unha patriota, unha muller que rompeu o teito de cristal da condición feminina co seu ascenso á carteira de Defensa. A manuseada foto de Chacón embarazada pasando revista á tropa é xa un fito nos anais da manipulación de xénero. E mais, aqueles que a saudaran en coro agora son algúns dos que reconviron sen piedade a presenza de Carolina Bescansa co seu bebé no Congreso.
hemiclicloElementos todos eles notabeis desde a perspectiva do arrebato sentimental, mas notoriamente inadecuados para xustificar a unanimidade no ditirambo. A colosal operación de mercadotecnia argallada ao redor do seu óbito tiña como obxectivo represtixiar ao seu través feitos e institucións xustamente deostados pola opinión pública e enxalzados pola publicada. O prototipo esgrimido prestábase para insuflación de fervos nas masas: unha dirixente socialista catalá firme nas súas crenzas centralistas; pioneira na xefatura das Forzas Armadas (Lisistrata nunca o fixo), e ministra no primeiro goberno español prostrado ante a Troika. De aí os méritos folgadamente atribuídos a quen en vida foi un elo de relevancia no rigaudon do statu quo. Vamos dar unha ollada.
Carme Chacón ingresara no PSC cando o prestixio da formación cara a augas acosado pola corrupción sistémica. Sen maiores escrúpulos, en 1984, no momento en que estalaba o escándalo Filesa por financiamento ilegal do partido. Converteuse en ministra en 2007 pola cota do PSC, precisamente ao tempo en que Pascual Maragall, presidente da Generalitat, rompía con Ferraz a causa do boicot do aparello ao Estatut. E volveu repetir, no departamento de Defensa, activando a presenza de tropas españolas en Afganistán e a ofensiva aérea contra a Libia de Gadafi. Compromisos cumpridos puntualmente por unha disciplinada e leal Chacón á Marca España e á cúpula do PSOE.
E iso é o que agora se tentou pór en valor, incitando unha ofensiva procesional capaz de suspender a función de pensar entre a xente corrente. Porque, na letra pequena, o traballo político de Chacón non respondía ao modelo de excelencia con que foi promocionado a destra e sinistra. Á marxe de que ao final fose postergada polos seus, o seu papel no goberno de José Luís Rodríguez Zapatero está lonxe de ser avaliado positivamente desde a perspectiva do interese xeral, que é do que se trata. Na carteira de Vivenda promulgou o desafiuzamento exprés, de tan devastadoras consecuencias sociais; en Defensa renovou o intervencionismo belicista; como membro do goberno de ZP secundou os axustes e recortes impostos á poboación; aceptou a antidemocrática reforma constitucional do artigo 135 (tamén exprés) e a liquidación das caixas de aforro; e, como colofón, xestionou a cesión ao Pentágono norteamericano da base de Rota para sede naval da súa plataforma de escudos antimísiles.
Ou sexa, que como servidora pública foi cómplice das políticas austericidas; neglixente na previsión da burbulla inmobiliaria que desencadearía a crise; pouco sensible coa poboación máis vulnerable; e temeraria no capítulo de concesións a Estados Unidos en materia de despregamento militar. España é hoxe a principal lanzadeira das perigosas aventuras militaristas de Donald Trump no Mediterráneo, posiblemente en compensación polo seu súbito repregamento na criminal guerra de Iraq. Mágoa que a enfadoña hemeroteca estragase a programación do bipartidismo dinástico. Con Chacón de corpo presente na sala de bandeiras da sede do PSOE, o seu paisano e predecesor en Defensa, Narcís Serra, asomaba ás páxinas da prensa por provocar un buraco de máis de 700 millóns de euros na antiga CatalunyaCaixa baixo a súa dirección, encanto se autoconcedía unha indemnización multimillonaria.
Efectos perversos das portas rotativas que o sistema reserva para os seus máis ilustres representantes e aos que Chacón tampouco resultou inmune. Díxose ao seu favor que foi o único integrante do goberno socialista en oporse ao indulto de Alfredo Sáez, o brazo dereito do falecido presidente do Banco de Santander, Emilio Botín, sen que tal cousa poida probarse porque as súas deliberacións son secretas e a mesma Chacón nada dixo sobre o vergoñoso asunto. Alén diso, o que si se sabe é que ao deixar a política activa fichou por un dos bufetes máis influentes de España no sector financeiro. Curiosamente, o mesmo equipo xurídico que defende a Jaime Botín, principal accionista de Bankinter e irmán do patrón do Santander. O motivo é un expediente aberto pola CNMV por ocultar outro 7,8% do capital da entidade nunha conta non declarada, aberta no HSBC de Suíza a nome da “familia Botín”, cun patrimonio oculto de máis de 2.000 millóns de euros. A adesión inquebrábel anula o discernimento.

One Comment

  1. Unha señora que tiña 46 anos e un fillo de 8 anos. Unha morte inesperada dunha persoa ainda moi nova. Mezclar o político co persoal é de mediocres.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off