off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 9 Decembro, 2016 at 9:11 a.m.

Purga habemus

by
podemos
“paso curto, vista comprida e mala intención”

Podería ser como o campichano avogado que protagonizaba a serie de televisión Ironside aló nos anos setenta, o sabuxo e orondo Perry Mason. Ou como o científico Stephen Hawking, coa súa galáctica aureola sapiencial. Mas está a resultar ser un émulo de Beria, curtido nas técnicas e chanchullos do “paso curto, vista comprida e mala intención” que recomendase o Duque de Ahumada, á non sempre ben chamada Benemérita. Porque o secretario de Organización de Podemos, Pablo Echenique, noutra etapa no disenso ideolóxico con Pablo Iglesias, parece asumir o papel de gran inquisidor do partido emerxente. E con ese labor, e coa atención enfeitada en achandar ao seu xefe en manobras vindeiras, comezou a planificar a purga dos principais referentes críticos da formación. Aínda que canónicamente o “purgatorio” xa non existe.

Con disimulo mas sen que trema o pulso, como corresponde a políticos practicantes da obediencia debida, Echenique e o seu cachirulo puxeron proa aos errejonistas díscolos, para que renda de exemplo. Non só está en perigo a testa do portavoz na Comunidade de Madrid, José Manuel López, por destacar no grupo enfrontado a Espinar, o candidato do secretario xeral. Tamén enfitou o camiño de saída ao mismísimo Íñigo Errejón, portavoz á súa vez no Congreso dos Deputados e até hai ben pouco un dos emblemas da bicefalia asimétrica de Podemos.
Dous trofeos, que de ser cobrados polo sinuoso Echenique, deixarían ceibo o camiño para o triunfo urbi et orbi de Iglesias na súa segunda coroación como máximo líder da formación. Nese sentido vai tamén a aposta do tándem Iglesias-Echenique para que en Vistalegre II voten xunguidiños programas e persoas, recorrendo ao formato pasa o ferro con que se constituíu Podemos. Quer dicer, o mesmo procedemento espurio empregado para o referendo da Constitución en 1978 ao incluír nun único paquete a aceptación da norma suprema e a do xefe de Estado na persoa do Rei designado por Franco. Ao persoal sobre as súas verdadeiras intencións, o número tres de Podemos expetoulle, lóxicamente, que debería limitarse o poder de Iglesias.
Sufocada a fronte errejonista, xa veremos a súa capacidade de resistencia, a loita polo poder dentro de Podemos  focalizaríase entre pablistas e anticapitalistas, a corrente interna que serviu de quinta columna ao secretario xeral para inclinar ao seu favor as anteriores primarias. O que supón abrir outro cenario de conflito, como amostrou Teresa Rodríguez en Andalucía ao negarse a ceder un posto na mesa do parlamento a Esquerda Unida tras o numerus clausus decretado polo Tribunal Constitucional.

Con ese panorama, acosado pola dereita por errejonistas e pola esquerda por anticapitalistas, a Iglesias non lle resta mais ca voltar ás súas orixes. Procurar unha alianza solvente con Alberto Garzón.

Hai tempo que o coordinador federal de Esquerda Unida expuxo a alternativa de pasar do actual Unidos Podemos como coalición eleitoral a unha fase superior de entendemento onde UP fose o definitivo contrasinal do que até agora representaba a marca Podemos. Trátase dunha oferta á desesperada por parte de Garzón, que procura enfeitar o que en realidade significaría unha OPA de Podemos a EU. Unha Esquerda Unida que, logo do seu matrimonio de conveniencia co partido Podemos, deixou de facto de estar no dial da política referenciada. Eclipse visibel no feito gráfico de que tanto Garzón como a súa coalición xa non conten nas enquisas e sondaxes, precisamente o ámbito onde o dirixente de EU sempre superaba na confianza da xente a Pablo Iglesias. Alén diso, será unha rendición sen condicións se, alén diso, leva a que Podemos asuma a débeda histórica dunha Esquerda Unida á beira da quebra.
A chave do proceso en marcha está en saber que roteiro adopta Unidos Podemos cando, consumada a purga e sufocada a crecida anticapitalista, teña que facer política institucional coa mochila ideolóxica achegada por EU. Podería caer naquela maldición chinesa que prescribía “ogallá se cumpran todos os teus desexos”. Entón sería como a aventura equinoccial do Lope de Aguirre e os seus abnegados marañóns.

Podemos teríase tornado na nova Esquerda Unida do século XXI e Pablo Iglesias na reencarnación do seu admirado Julio Anguita. Que é o que acontece cando, iluminados polo lume, un confunde a luzada do solpor co abrente.

(Anónimo florenciano. A política da posverdade en que se haxa metida Italia desde que o capo Berlusconi fose levantado ao poder polo seu hooligans, escribiu un penúltimo capítulo coa dimisión diferida do aposto cavaliere Matteo Renzi. Apalabrou a súa renuncia antes mesmo de sabermos do abafador rexeitamento dado polos electores ao seu referendo exprés, mas non o formalizou até o mércores, despois de que o Senado aprobase “pola vía de urxencia” os Orzamentos do 2017. Era a condición “din os exéxetas- imposta polo presidente da República, Sergio Matarella, para aceptar a saída do primeiro ministro. Matarella que debe o seu cargo ao propio Renzi, e en comandita antes de dicir definitivamente adeus acordaron fretar outro goberno técnico máis, o cuarto desta etapa, á marxe do veredicto das urnas. E de novo con inestimabel e pringosa axuda do delincuente-xefe de Forza Italia. Chámano democracia?).

One Comment

  1. Non teño eu moi claro se isto é estratexia ou purga. Polo de agora todo o mundo está falando de Podemos.
    E como di o refrán: “Está ben que falen de un ainda que sexa mal”. Para a xente que fai este tipo de artículos non hai podemita bon.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off