off
Editorial, Internet, Política, Politica espanhola, Redes sociais — 2 Decembro, 2016 at 1:13 p.m.

Quere o PP limitar a liberdade de expresión nas redes sociais?

by

Soraya Sáenz de Santamaría vén de anunciar medidas para protexer ao “dereito ao honor” na internet. Os populares rexistraron no Congreso en outubro unha proposición non de lei – sen capacidade normativa- na que insta a reformar a lei orgánica de protección do dereito ao honor, á intimidade e á propia imaxe. E quere que se demarque e adapte ás redes sociais. O PP acha que a lei actual está desactualizada e necesita máis precisión.

Mais unha vez topamos co legalismo ideolóxico, esa inefabel teima por normativizar e punir  todo o  intempestivo ou inacesibel e que amiúde  acaba tendo o efecto adverso de virar un andazo permanente das  liberdades cívicas.

 Un perigo evidente de acabaren modulando a autonomia xudicial, o Código Penal e a lei orgànica 1/1982 (de protección civil do dereito ao honor, a intimidade personal e familiar e á propia imaxe)  á medida de quen obstenta o poder político, económico e mediático.  

Porque tanto esta lei como o Código penal xa ordenan aspectos sobre os que agora quer  lexislar o PP. De feito a xurisprudencia ten acumulado coñecemento e xa está regulada a protección de datos na internet e o dereito ao esquecimento (ainda que é dificil que unha publicación esvaeza totalmente do www)

Sáenz de Santamaría quer unha normativa ad hoc sobre casos de inxurias, acoso e ameazas nas redes. Un ámbito moi específico que cae dentro da xeneralidade da  lei orgánica 1/1982, dado que as redes sociais son unha tipoloxía de canle de comunicación recente que non teñen asegurada a súa permanencia futura e cuxa problemática, de habela, depende do uso que delas se fai. De feito, de acabar precisándose unha lei mais posibilidades habería de que non se poida aplicar no caso de conductas que non se axusten ao caso descrito na lei. De aí a autonomía xudicial para interpretar. Ao cabo, o problema de fondo é o da madureza e responsabilidade da persoa, do mesmo xeito que se denuncia calquera outra conducta ilegal individual ou da administración cando os indicios apuntan a que é punibel. Talvez un poblema maior nas redes sociais -e non só nelas- sexa o da apropiación do espazo público sob a lóxica confortabel de quen se sabe invulnerabel ao acubillo do anonimato como forma de poder. 

Abondo temos con nos preocupar que Facebook,Google e Twitter vixilen os nosos intereses para tiraren gaño dos nosos gustos e hábitos, un mecado civil de datos onde mercar a verdade que máis conveña 

O uso e abuso desta fórmula de inmunidade resulta inaudita en cidadáns que fan parte dunha democracia emprazada que se  dí aberta e libre.  O caso é que maioría da redes sociais non pertencen ao estado español. Trátase de empresas transnacionais  que ultrapasan o alcance das lexislacións estatais. É por iso que segundo a xurisprudencia actual,  a indemnización dependa do alcance da canle na que se publicou a infracción. Quer dicer, é o xuiz quen decide cando prima o dereito de expresión e información e cando o dereito á propia imaxe. Se só houber esta última posibilidade, priorizaríase apenas o dereito de imaxe e de honorUn buraco na liña de fluctuación do xornalismo e da conformación de contrapoder. Con certeza, non todo o que se move nas redes sociais  é kairós, grandeza, prodigalidade e magnificiencia. A miudo sirven de arquitectura do pior. Escachan as condicións que alicerzan a conversa: o interese polo outro, a capacidade de escoinarnos e a inhibición do ego). Infelizmente, acaban tendo mais eco que as mensaxes de quen escoita e produce, de quen sabe e mostra.

Porén, as consecuencias dunha reforma desta lei orgánica ten a fasquía de outras como a “lei mordaza”: acalar voces, criminalizar a discrepancia e a disidencia . Os suceso comunicativo das redes sociais tamén acubilla novas formas de protesta. De aí o perigo de que sob a suposta protección do honor se acabe por laminar a liberdade de expresión. 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off