off
Cedeira, Economía, Movementos sociais, Política, Política local — 27 Outubro, 2016 at 7:52 p.m.

Podemos e Moreda acúsanse mútuamente

by

Podemos acúsao de exceder no gasto e incumprir c os obxectivos de estabilidade ditados polo PP desde Madrid. O alcalde do tripartito considera que estas acusacións de Podemos responden ao descoñecemento que teñen do funcionamento da administración. Para Moreda os líderes desta  formación están máis interesados en desprestixiar que en ofrecer solucións.


O goberno de Cedeira volve saír ao paso das acusacións feitas dende a agrupación local de Podemos, unha formación política sen representación na administración local que, nesta ocasión, centra as súas críticas no feito de que o Concello estea entre os 46 da Comunidade galega que non cumpren os obxectivos de estabilidade presupostaria fixados polo Ministerio de Economía.

O grupo local de Podemos afirma no altavoz Facebook que “O concello de Cedeira figura no listado de concellos que se excederon no gasto e incumpriron os obxectivos de estabilidade facilitado polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.Do total de concellos de Galiza, un total de 46, o que supón un 14%, superaron o teito de gasto no pasado ano 2015, no que gobernaron en parcería o PP (desde xaneiro a maio) e o tripartito ( de xuño a decembro). Descoñecemos, ao igual que a maioría da veciñanza, a pesar de estar pagando 968 euros ao mes polo mantemento do portal da transparencia a unha empresa privada, non se publiquen as cantidades cobradas en concepto de dietas polos responsables políticos. Non nos pode estrañar pois, cando no foro de participación cidadá co obxectivo de construír un territorio sustentable , promovido polo propio Concello, desde Podemos Cedeira pregúntaselles aos responsables municipais canto se pagou á empresa eléctrica en concepto de alumeado público no ano 2015, ninguén nos facilite unha contestación…Cousas da vida que diría Castelao”.

O alcalde Pablo Moreda Gil, lémbralle aos líderes de Podemos o que xa explicou ao pleno da corporación con motivo da aprobación do plan económico. Naquela ocasión, afírmase desde a cámara municipal, como agora, os axustes que se teñen que levar a cabo obedecen a unha situación herdada do goberno do PP, que con “decisións incorrectas” xerou un desequilibrio presupostario que condiciona as inversións municipais durante os próximos dous anos e que afecta ao conxunto dos veciños.

Pablo Moreda explicou que os gastos que perciben os responsables no goberno en concepto de locomoción poden ser consultados na páxina web do Concello, no portal de transparencia, como tamén os relativos ao alumeado público. Porén, o goberno de Cedeira débelle á cidadanía un detallado informe de distribución do gasto onde se reflictan os “axustes” derivados da “situación herdada”, refugar da “política de xestos” e explicarnos de paso que foi do proxecto de ir remunicipalizando servizos.

QUE DEFENDE PODEMOS?Podemos situa os orzamentos no centro do debate se ben non especifica se o défice corresponde ao balanzo entre os saldos por operacions non financieiras ou se incumpriu o obxectivo de estabilidade orzamentaria, ben porque Cedeira non xerou ingresos de abondo para poder facer frente ás facturas pendentes, ou ben porque se investiu máis do  1,3% respeito do ano anterior, ainda que rematara o ano con superavit. Límitanse a dicir que está na listaxe, coma moitos outros concellos arredor do Estado. Porén, o seu estilo diferido, voluntariamente ambiguo, volve deixar a cidadanía sen saber  se concorda co gasto  e distribución do teito de défice proposto desde Madrid polo PP e se de paso tamén é unha emenda á súa compañeira de partido e alcaldesa da capital de España Manuela Carmena,  que vén de aprobar co apoio do PSOE un plano economico  que incumpre esa regra de gasto, coa oposición do PP e  Ciudadanos e as ameazas de Montoro, quen fixou o obxectivo de défice anual.

De comprirse co teito de gasto ao pé da letra, a acción de goberno tripartito estaría hipotecada. Xa non se trata de considerar a crítica de Podemos un xesto de obediencia cara o goberno español ainda en funcións,  mas a evidencia de que a presentación do límite de gasto e obxectivo de estabilidade orzamentaria para 2016, o Goberno  do PP pretendeu deixar en herdo, down by law, a súa nefasta política económica”.

Como prentende defrontar Podemos as súas propostas sociais se acata vicariamente as únicas prioridades a redución do défice e a consolidación fiscal propostas polo PP, o que implicou un sacrificio enorme para a creación de emprego e para o mantemento dos servizos públicos básicos”? A transparencia é cara cando se perdeu a confianza. Porén, Podemos teima en practicar a arte da destrución da amizade desde os púlpitos das redes sociais no canto de procurar, en consecuencia coas arelas da “nova política”, prácticas situacionistas nas que axudar a xerar unha interactividade productiva. Non hai nin dous anos que os dirixentes de Podemos e Anova Cedeira partillaban proxecto político na esquerda nacionalista. Tomámolos polo que parecia invendible, inaccesible á recuperación por parte das institucións e a cousa acabou en emisión de apócrifos malandrinos. Porque as institucións non están apenas onde parecen estar, baixo teito. Escampan por toda parte nos usos, prácticas e dicires.  Cun bocado de vergoña, ou de dignidade, deberían gardar a lingua logo de tanto pacer  dicindo a primeira ocurrencia ou o que lles manda o partido desde Madrid. Ainda así, saen á tribuna como se nada, gostándose, aleccionando e mentando a Castelao sen ruborizarse.

Resulta incomprensibel unha defensa en toda regra dun teito de gasto aplicado polo PP nunha lexislatura que non foi o da recuperación económica mas o aumento das desigualdades.Pretende Podemos-Cedeira acatar todas as predeterminacións, proxectos e designios das alturas reducindo á mínima expresión a autonomía local?

Concorda Podemos Cedeira con Montoro cando afirma que o límite de gasto de reduza nun 4,4% porque dí que baixa o gasto en desemprego?. Entón, “por que é que o PP non destinou ese fondo á políticas de fomento de emprego liberando á Seguridade Social desa carga?” Concordan, talvez, con continuar reducindo os ingresos, medida na que siguen insistinto no PP? Sabe Podemos que a porcentaxe de défice que lle asignan a Galiza e aos concellos é maior do que para a Administración do Estado, malia seren quen prestan a maior parte dos servizos básicos á cidadanía?

Entanto o PSOE procura o que os une ao PP, os dirixentes locais de Podemos na angueira de reivindicarse como oposición desde os altavoces das redes sociais e o escenario impecable de La Voz,  parecen estar a percorrer  o mesmo vieiro. O máis triste é que Podemos Cedeira actua e fala así porque o necesita. Non precisamos ir a La Voz para sentilos tocar o bombo. A que vén agora esa inmoral equidistancia entre o PP e o PSOE e a esquerda nacionalista BNG e ANOVA locais? Simples desorientación nun intre no que Rajoy abraza o PSOE e fai a Podemos o referente da oposición no parlamento español, ten sentido simbólico e político que Podemos-Cedeira abrace con fruición de converso o legalismo ideolóxico mostrándose tan cumpridor co teito de despesa imposto polo ministro de Facenda,  que se amostre tan cómodamente aliñado co reparto arbitrario e inxusto arbitrado desde Madrid por un Goberno en funcións que colocou o obxectivo de défice por riba das persoas.

 

Tags

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off