off
Estado, Opinión, Política — 8 Setembro, 2016 at 08:32

Soberanos ou intervidos

por
Todos somos fillos do Diluvio Universal
(Mircea Catarescu)

 

la-classe-operaia-va-in-paradiso_petriEureka! Ao fin un intelectual do réxime recoñecendo publicamente o fracaso da Transición e as súas metástases. Iso é o que acaba de facer Santos Juliá nun artigo de opinión que leva o teatral título de ” Huelga general de electores (El País, 5/9/16). Porque, sen pensar con certeza nas consecuencias dos seus actos, o historiador de cabeceira do diario que preside Juan Luís Cebrián acaba de proclamar a inanidade de orixe da nosa soberanía popular, da que “emanan todos os poderes do Estado”(Artigo.1 da C.E.). Aínda que para acadar ese estado de lucidez mental necesitase botar man do balbordo sobre a investidura á presidencia do goberno. Grazas por vir.

Afirma Juliá que temos “un Parlamento carente de voz propia, sempre baixo a férula do poder executivo, e este do poder presidencial”. Quer dicer, unha democracia intervida pola clase política e a clase gobernamental.

Mentres os eleitores, auténticos titulares da cousa pública, desaparecen do mapa político desde o momento en que introducen a papeleta na urna. Todo para o partido, nada sen o partido.

Mágoa que Juliá fique debruzado na escuma da actualidade sen remontarse a aquel trapaceiro consenso do cambio para que o principal seguise igual, como o “goberno do cambio” que mais unha vez levan á pista. O protocolario atado e ben atado ao que agora PP e PSOE prometen alta fidelidade, á conta de negar calquera posibel saída desde a esquerda e o dereito a decidir. Vivan a cadeias!

A Transición non foi o paso dunha ditadura a unha democracia, como tantos seareiros, incluído o acreditado columnista de referencia, afirmaran até a saciedade. Son dous conceptos incompatibles metafísicamente, para os que non hai alquimista nin variña máxica que valla sen desnaturalizar os seus principios. Unha aberración elevada ao ridículo coa xustificación procedimental de que se fixo de “lei a lei”. Lastre cainita que aínda impide, entre outras moitas cousas, aplicar unha decente lei de memoria histórica que restableza a verdade dos feitos.

Non hai pontes que crucen o abismo que separa a un sistema criminal doutro que non utiliza ás xentes como escudos humanos. Por iso o resultado foi un continuísmo-beixoqueiro vergoñento. O goberno do pobo sen o pobo.

Todo o ocorrido desde as eleccións do pasado ano demostra que temos unha democracia supeditada aos aparellos de poder, patentes e latentes. Goberno en funcións por aquí e goberno en funcións por alá, pero o Parlamento, sede nominal da soberanía, non está en funcións. Entón, por que non cumpre o papel para o que foi constituído? Seica a cidadanía non merece que aqueles que foron elixidos para representala cumpran o seu mandato? A que vén fialo todo á investidura do presidente cando el e o goberno son unha simple emanación do Parlamento, que é quen posúe a potestade lexislativa, mentres aqueles só existen por delegación?

Tanta ofuscación só pode explicarse polo empacho de poder das cúpulas dos partidos e pola escasa sensibilidade democrática dos seus integrantes. Con razón dicía Lord Acton, en cita non abreviada: “o poder tende a corromper, e o poder absoluto corrompe absolutamente, de modo que os grandes homes son case sempre homes maus.

Santos Juliá vén de cair da guindeira, porén outros do seu gremio teiman en facernos comungar con rodas de muíño. Como o catedrático de Dereito Constitucional Jorge de Esteban, que desde a tribuna do Mundo non para de esbardallar, paifocada tras paifocada. Para o que fose embaixador ante o Vaticano por designación do goberno socialista, o Parlamento tamén está en funcións por “analoxía co goberno” (sic). Semellante parvada non só acada publicidade nun rotativo de ámbito estatal senón que ademais é empregado por políticos, xornalistas e xentes de peor vivir como munición para as súas disparatadas anédotas  en faladoiros e teledebates. Un insulto  para os millóns de cidadáns, votantes ou non votantes, que pagan (relixiosamente?) a factura das eleccións. Partida orzamentaria que, de producirse uns terceiros comicios, roldaría os 150 millóns de euros, uns 25.000 millóns das antigas pesetas para financiar “a festa da democracia”. Aínda que mellor sería dicir “a soneca da democracia”.

Con ese panorama parece unha provocación que o Parlamento xa constituído siga os pasos do Goberno de garda, e mantéñase na práctica “fóra de xogo”. Sobre todo por parte do bloco da oposición ao PP, que podería traballar en común para propor leis aperturistas que poñan en evidencia a nula vontade rexeneradora dos conservadores (máis aló de acordar cambiar a data do 25-D) e a súa política do cadeado. Non importa que logo se estrelen co veto no Senado, onde o Partido Popular ten maioría absoluta. Serviría para relanzar a iniciativa política ao Parlamento e demostrar a falsidade do enroque sobre o exclusivo troquel da investidura. Porén esa é a ruptura de mínimos entre os de abaixo e os de acima que o formato da Transición evitou tomando como modelo aquela “democracia orgánica” das Cortes franquistas.

Claro que postos a enleala, o mellor é cando ós nosos pensadores ocórrenselles ideas. Como a de “bótese ao carón señor Rajoy?, agora ampliada ao seu adversario Sánchez por expreso desexo dun Grupo Prisa cada día máis irrelevante. Que maxistral lección de democracia! Mal que nos pese, ambos e dous foron eleitos pola militancia dos seus partidos (o secretario xeral do PSOE nun proceso de primarias) e despois ratificados en senllas eleccións (Rajoy en dous momentos e en liña ascendente de votos), e que agora, desde os púlpitos do sistema, urxa a descabalgalos porque a uns señores que ninguén elixiu non lles peta, é de aurora boreal. Na altura chamárono consenso, hoxe chámanlle “patriotismo constitucional”. A derradeira vez que os poderes fácticos colocaron a diana sobre a cabeza dun presidente, primeiro cobrouse a súa dimisión (Adolfo Suarez a punta de pistola) e logo chegou Tejero e os seus tricornios. Loxicamente, o pobo español do 23-F, moito máis súbdito que soberano, non moveu un dedo para defender a un Congreso dos Deputados que sentía como un cenáculo de senlleiros alleo ás súas preocupacións. O herdo recibido.

 

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: