off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 10 Agosto, 2016 at 7:13 p.m.

“El País” quérenos gobernar

by

Non está asegurado que quen tivo retivo. Polo menos iso deben pensar as altas instancias do Grupo Prisa cando guindaron a pedra e agocharon a man. Porque nin o aséptico “Manifesto aos deputados electos”, nin o máis belixerante. “É posibel un goberno de cambio: repetir as eleccións non é a solución”, viron a luz como primicia nas súas páxinas sendo como son produtos da súa canteira. Foron outros media, portais dixitais situados nas contrafortes da súa contorna ideolóxica, quen asumiron a tarefa de divulgalos en primeira instancia. Rasto inútil, porque ambos os dous  textos levan o selo indelébel da factoría informativa que preside e dirixe Juan Luís Cebrián, aquel “mozo Maura” do xornalismo tardofranquista.

Até agora El País tentara marcar o seu sinal no referente á formación de goberno utilizando recursos propios, sen colorantes nin conservantes. E fixérono con tanta teimosía que un empeño asín traslucía debilidade (como cando pediu sen suceso e por triplicado a Rajoy que solicitase o rescate país). O arsenal consistiu nunha batería de editoriais, páxinas de opinión e entrevistas con partidarios dunha saída política sen pactos á esquerda do PSOE. Procurabase unha Segunda Transición en toda regra, sen ter en conta que corenta anos non pasan en balde e que o talento de outrora para facer un eficaz e rendibel mito do consenso, hoxe está definitivamente amortizado.

De aí con certeza a necesidade dunha posta en escena que disimule o patrocinio dos manifestos polo rotativo das grandes da banca, as quenllas das finanzas, os fondos voitres, accionistas ligados á industria armamentista e unha clase directiva contaminada cos “Papeis de Panamá” e turbios especuladores a chapiñar no negocio do petróleo. Aínda que para apostar sen risco o diario xogou a dúas cartas ao mesmo tempo. Con unha amosaba un texto apoiado por un elenco de personalidades de amplo espectro: desde ex ministros do PSOE até dirixentes do PP, pasando por antigos colaboradores da extinta UCD e delincuentes internacionais de recoñecido prestixio. E coa outra puña sobre o tapete a unha escuadra militante, integrada no seu maior parte por significados socialistas, sindicalistas e vellos cadros do PCE de Santiago Carrillo. Todo co alvo de evitar que ao imprevisibel secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, ocórraselle a idea de aliarse soziños con Podemos e as formacións nacionalistas.

O denominado “Manifesto aos deputados eleitos” chama a facilitar a formación dun gabinete “que conte co respaldo parlamentario suficiente”. Subscríbeno sobre todo representantes do que foi o bipartidismo dinástico hexemónico e os seus afluentes culturais, académicos e profesionais. Entre outros: Fernando Savater (director da revista Craves e fundador de UPyD); Joaquín Almunia (ex secretario xeral do PSOE e xefe dos “homes de negro” de Bruxelas como vicepresidente da Comisión Europea e dúas veces comisario de moeda única e competencia); Gabriel Elorriaga (ex deputado do PP); Feliz de Azúa (académico da “lengua española”, asiduo colaborador de El País vencellado desde os seus inicios ao partido de Albert Rivera ); Cayetana Álvarez de Toledo (ex directiva do PP e da FAES de Aznar); Irene Lozano (ex deputada de UPyD e do PSOE sucesivamente); Daniel Busturia (empresario condenado en Francia na macroestafa do caso Efl-Aquitanie); Francesc de Carreras (profesor de Dereito Constitucional, columnista do rotativo e fundador de Ciudadanos); Julio Segura (máximo responsabel da Comisión Nacional do Mercado de Valores durante a crise bancaria e ex dirixente do PCE carrillista) e Javier Solana (ex ministro de cultura do PSOE e antigo secretario xeral da OTAN).

E quizais por aquilo de que a man dereita non saiba o que fai a man esquerda, ao mesmo tempo que se daba a coñecer este manifesto ambidestro, o seu equivalente zurdo botaba a andar con parecida letra pero distinta música. Onde os primeiros falan con caracter xenérico de formar un executivo, estes arriscan en que sexa un “goberno de cambio” composto por PSOE, Podemos e Cidadáns ou, se non fose posible, un encabezado polo líder do PSOE “con algúns integrantes consensuados e cun organismo de seguimento e control do pactado” (sic). Coa particularidade de que entre os adherentes á segunda declaración política se visibiliza un dobre vínculo nutricio. Xentes todas elas relacionadas laboral ou intelectualmente  El País mas tamén coa Fundación Alternativas, que é o think tank heterodoxo de Ferraz, a súa invisibel man esquerda na política, a universidade, os medios e a cultura. Sobre todo despois de que a oficialista Fundación Ideas fóra desmantelada ao descubrirse que o seu director, Carlos Mulas, daba soporte técnico-ideolóxico ao partido para combater os axustes e recortes do goberno de Mariano Rajoy e á vez traballaba como asesor do FMI postulando programas austericidas para Portugal.

O carácter de “marca branca” socialista da Fundación Alternativas (ollo á curiosa empatía coa SGAE do saqueo) percíbese na avultada restra das súas postulantes. A saber, por exemplo: Joaquín Estefanía (sucesor de Cebrián na dirección do xornal e antigo membro do Partido do Traballo); Juan Cruz (o xornalista apaña-todo da casa, ex militante do PCE canario); Ana Belén (un activo clásico da fronte cultural do PCE despois tornado en “a zella” socialista); Nicolás Sartorius (ex dirixente de CCOO afín ao felipismo); Cristina Almeida (do PCE ao PSOE tras recalar en EU e Nueva Izquierda); Carlos Jiménez Villarejo (anterior europarlamentario de Podemos, ex fiscal anticorrupción co felipismo, na esfera do PCE-EU, que nunca investigou ao GAL); Emilio Ontiveros (catedrático de economía e socio principal dun armazón financeiro ligado ás Caixas de Aforro); Diego López Garrido (ex deputado socialista, antes en EU e Nueva Izquierda e na actualidade vicepresidente da Asemblea Parlamentaria da OTAN); Odón Elorza (dirixente socialista vasco) e Manuel Guedan (profesor, ex dirixente da ORT maoísta, satélite intelectual PSOE). Ademais, polo menos tres dos asinantes (Sartorios, Gutiérrez-Aragón e Segura) estamparon as súas iniciais en ambos os manifestos.

O curioso é que son precisamente os asinantes deste segundo bloco gauchista os encargados de impedir que haxa un goberno radical desde o momento en que a súa proposta se cingue basicamente a un acordo entre PSOE, Podemos e Cidadáns. Un auténtico triángulo das Bermudas desde o punto de vista práctico, como xa se demostrou na primeira investidura, pola incompatibilidade fratricida entre Cidadáns e Podemos. Todo iso significa que tanto os que apelan a “os deputados eleitos” como os acólitos da Fundación Alternativas predican o continuísmo e a resignación, a maior gloria da cantilena “non hai alternativa” con que se mexe o berce da globalización neoliberal.

Que País, que paisaxe, que personaxes!.. como afirmara o clásico antes da soneca

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off