off
Editorial, Eleccions 20-D 2015, Política, Politica espanhola — 20 Xaneiro, 2016 at 11:10 a.m.

Un regulamento ambiguo que garante os privilexios adquiridos e veta o estado plurinacional

by

“…a lei das maiorías é a lei da forza e a lei da espoliación erguida en principio de xustiza”

Ricardo Mella, A lei do número

Un redactado ambiguo que se é interpretado de xeito restrictivo permite formar configurar os grupos parlamentares á vontade das maiorías, as mesmas que apelan á estabilidade  e seguridade xurídica cando están a dicir control social e a unhas leis e regulamentos que garanten os privilexios adquiridos. O que  bunker administrou a vontade as súas cartas legais a prol dos seus intereses partidistas.

A constitución dun Grupo Parlamentar permite un determinado status, medios e dereitos. Quer dicer ter plena capacidade de obrar no seo dun parlamentarismo que se basea en agrupacións de parlamentarios e non nos deputados individuais. Daí que as disputas e tirapuxas se teñan trasladado sempre ás condicións necesarias para a constitución de grupo parlamentar e ás interpretación máis laxa ou literal segundo conveña á maioría parlamentar. A fixación de requisitos númericos balancea entre funcionalidade e o respeito ao principio representativo e ao pluralismo político. Velaquí que  apostar por un ou outro é unha intepretación política, un acto de vontade política xa que o propio artigo 23.1 incorpora un requisito numérico – ideolóxico:

“Asemade, poderán constituirse en Grupo Parlamentar os Deputados de unha ou varias formacións políticas que, mesmo sen reunir o mínimo, teran alcanzado un número de escanos non inferior a cinco e, alomenos, o 15%, dos votos correspondentes ás circunscripcións nas que apresentaran candidatura ou o 5% dos emitidos no conxunto da Nación”

Quer dicer, para os casos en que non se conte cun mínimo de quince deputados, o regulamento estabelece un vieiro alternativo que permite facer grupo contando cun mínimo de cinco deputados (engadindo, porén, un requisito adicional, ter unha determinada porcentaxe de votos, quer na circunscripción (15%) onde se apresentara, ou ben no conxunto do Estado(5%).

Que o artigo 23.1  do Regulamento da Congreso dos Deputados ten dado a diferentes interpretacións non era segredo ningún. Acabouse por impor a literaliadade da norma – aquela que seica lles permite ao PP, PSOE e Cs entender que o 15% dos votos deban obterse en todas e cadas unha das circunscripcións- en vez de interpretaren a norma do xeito máis favorabel ao exercicio do dereito á participación política (a das circunscripcións en conxunto). Daí tamén o recurso ao “empréstito” de parlamentarios . UPyD, por exemplo, acadou Grupo Parlamentar na anterior lexislatura, malia non reunir os requisitos, do mesmo xeito que Amaiur non o puido constituir malia reunir os requisitos materiais (vinculación a formación política e número de integrantes esixido).

Con certeza, a aplicación de medidas correctoras que garantan na Cámara a respresentación de minorías diferenciadas, nacionais ou territoriais dependen dun requisito numérico que ten sido criticado por ser excesivamente elevado xa que non permiten reflectir na Cámara a plurinacionalidade do estado español. O que fica é unha disputa política revestida ou adubiada de refinamento normativo.

O incerto agoiro da España plurinacional

A renuncia de Podemos aos catro grupos no Congreso albisca malos tempos á hora de visualización institucional da España plurinacional. Tendo en conta o ambiguo regulamento da cámara baixa arriscaban moito ao prometaer o que non tiñan certeza de poder cumprir. E a mesa acabou baixo control de PP e Cs, o que non axudou. A división entre o Podemos de Iglesias e o Podemos periférico feito da suma de cataláns, galegos e valenciáns tampouco pulou. De feito, deixaba a Podemos máis debilitado en termos parlamentares e o PSOE, que semellaba disposto a apoialo,  acabou por non aforrar a Podemos as contradiccións territoriais.  Velaí Compromís- Podem que de momento non se une ao grupo único (algúns dos seus deputados poderían ir ao grupo mixto).

En  Comú Podem e En Marea, porén, consentiron a renuncia a ter grupo próprio a cambio dun grupo común nominalmente confederal.

Un grupo confederal que terá dificil concreción na práctica parlamentar e que lembra ao Partit dels Socialistes de Catalunya(PSC)  que malia ter personalidade própria ficou esvaido por décadas no PSOE.

Desde a perspectiva pluranacional a criazón dun só grupo de Podemos é simbólicamente negativa xa que tira a toalla antes de comezar. Está por verse o que acontecerá co compromiso do referendum en Cataluña e  é acreditabel albiscarmos un escenario no que o PSOE presione a Pablo Iglesias a facer un goberno de “esquerdas” a condición de renunciar ao referendun en Catalunya e predisposición de Ciudadanos a tiralo adiante se non se toca cuestión territorial. De acontecer, as novas esquerdas periféricas  perderían credibilidade á hora de defender un outro reparto de poder e a posibilidade dun estado plurinacional.

A En Marea tocaralle demostrar que con un só grupo a defensa da España plural é posibel, medra e sirve. Porque, ao cabo, o problema non está no xogo de intereses lexítimos dentro do Congreso mas na evidencia que na rúa a defensa e recuperación da conciencia nacional ainda é visto como dereito dos mais, iso que semella tan terribel cando o dí o Bloco e os independentistas galegos, vascos e cataláns e é a panacea cando vén de España.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off