off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 9 Outubro, 2015 at 7:05 a.m.

Rebeldes periféricos

by

cup_ollaparoApós debandada de Syriza, volta a (a)normalidade onde adoitaba. Repiten gañadores os gobernos que aplicaron o austericidio (en Portugal porque os socialistas non queren unha confluencia das esquerdas); os cadros do duopolio dinástico volven á barafunda para rubir ás listas electorais (PP-PSOE/PSC); e emerxentes e mergullados (Podemos-IU) parodian con avaricia aos seus rivais na loita polo poder.  A única físgoa trasgresor que aínda emite sinais de vida intelixente  despunta na periferia cunha candidatura de unidade popular de estirpe municipalista. O tempo dirá se se trata dun revulsivo para que unha minoría teimosa  dispute os signos de capitulación do taboleiro político convencional ou o definitivo canto do cisne da alternativa refractaria ao sistema.
Até o momento, os dous partidos-ideoloxía que de maneira exclusiva e case excluínte  partillaron o poder en España desde a aprobación da Constitución en 1978, PP e PSOE, foron colocados na porta de saída polos electores cataláns o 27-S cuns resultados pouco menos que irrelevantes. Entre ambos, a través das súas respectivas filiais, sumaron 28 escanos dun Parlamento composto por 135 deputados e unha raquítica equivalencia en votos do 21,22%. Pretender con eses datos condicionar a política daquela comunidade só é interpretabel cun trazo de arrogancia pròprio de mentalidades feudais, que de novo confunden o mapa co territorio, as persoas de carne e óso coas estatísticas, a realidade co que sae na tele.

Dupla vanglória, xa que o declive do duopolio dinástico hexemónico tamén confirma a súa escasa representatividade a nivel estatal. O barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) do pasado xullo, último dos realizados, cifraba nun axustado 53,10% as expectativas de socialistas e populares xuntos nunhas hipotéticas eleccións xerais. Esa dinámica  do esborralle que aínda pode acentuarse tras os comicios do 20 de decembro, ser marxinais en Catalunya e apenas superar o quorum a escala país, indica unha emenda á totalidade do réxime do 78 e do seu carcaza constitucional (unha democracia asentada no principio monárquico).

Cartell TUP_ollaparoCon esas referencias, a insurxencia da Candidatura d`Unitat Popular (CUP) coa súa proposta bifronte de insurrección política (a autodeterminación) e social (o anticapitalismo) introduce unha novidade respecto das expectativas doutras formacións de esquerda xurdidas a rebufo das mobilizacións do 15-M, as mareas cidadanistas e as plataformas reivindicativas. E iso no sentido de lectura ruturista. Porque, entretanto, por exemplo Podemos, após un primeiro período de graza no que acariñaba valores refractarios (falta de pagamento de débeda odiosa ou renda básica universal), pasaba á clandestinidade para rubir ao poder a calquera prezo, a CUP mantén o seu envite orixinal de impugnación ao statu quo mesmo despois do suceso da súa aposta.

O que fai cribel a súa aterraxe antisistema, que entronca na memoria con aqueles outros proxectos pre ou prol constituíntes que sob o nome de Xunta Democrática ou Plataforma Democrática insinuaban o sorpasso  do postfranquismo para daquela ser transados polas cúpulas do PCE e do PSOE da época, é a súa reiterada vontade de desobedecer as regras do xogo. Cando a cabeza de lista da CUP, o independente Antonio Baños, afirma que a vitoria eleitoral supón que “o proceso morreu e agora empeza a construción republicana”, está a ratificar que a clave da súa proposta consiste en activar o envite constituínte que enterrou o consenso da transición. República popular fronte a monarquía hereditaria; anticapitalismo fronte a economía de mercado; autodeterminación fronte a unidade indisoluble: os alicerces para unha deconstrucción do atado e ben atado da Segunda Restauración que fixo posible o paso da ditadura a unha democracia coroada con indignidade e aleivosía.

Coas reservas propias que require todo exercicio de prospectiva política, cabería dicir que na ideoloxía da CUP hai vestixios de maceración do vello conflito que durante a Primeira Internacional enfrontou a socialistas autoritarios (marxistas) e socialistas antiautoritarios (bakuninistas). Alomenos iso é o que se pode deducir da súa constitución como partido-estrutura (o trazo marxista) e o seu entroncamento asembleario, horizontalista e municipalista (rumbo libertario). Aínda que iso interpretando a participación política regulada por mor  de “imperativo legal” para desenvolveren proactivamente o seu proxecto emancipatorio, sen caer no erro histórico de rexeitar os circunstanciais avances democráticos que veñan de fóra. Se temos en conta que o paso da ditadura á monarquía constitucional consumouse de “lei a lei”, nada impide que poida reverterse esa mesma transición para ir dunha monarquía a unha república con procedementos democráticos. A cuestión, unha vez máis, radicará no fluxo de maiorías que faga desa demanda unha necesidade obxectiva inaprazable.

Neste sentido, a favor da CUP figura a decisión explícita de axuntar a mobilización cidadá  permanente á súa capacidade de intervención parlamentaria, nunha secuencia sen solución de continuidade que busca permitila polinizar coa súa proposta de confluencia popular prol-constituínte ao resto da sociedade catalá.  Máxime co “momento republicano” que ofrece o feito de abrirse o xuízo oral á infanta Cristina polo caso Nòos a primeiros de 2016,  por onde desfilase medio Pazo Real a testemuñar. Unha formulación abortada in nuce no caso de Podemos, cando optou por fidelizar o apoio das bases a maior gloria do partido e dos seus líderes, mentres Pablo Iglesias obsequiaba aos reis cun  pack de Xogo de Tronos durante a súa visita ao europarlamento. Prendado de si mesmo, como se demostrou na concentración-autobombo do 31 de xaneiro na Porta do Sol de Madrid, e convertendo de facto a Podemos no principal vector para subordinar a desobediencia civil a circuíto pechado de interéselos partidistas.

Nin as derradeiras eleccións europeas, nin as andaluzas, anunciaron algo novo no mapa político estatal que cuestionase a lóxica da democracia sen demócratas que cuñou o réxime do 78 e a súa constitución cepo. Só as iniciativas cidadanistas, aguilloadas pola crise e a corrupción sistémica, argallaron sobre márcha mecanismos de participación política inéditos e transgresores. Coa súa aposta comuneira cuestionaron o “non hai alternativa”  coral que xa cacarexaban os partidos ao descartar o ámbito local como escenario de acción política para concentrar as súas forzas no poder con maiúscula das eleccións xerais. Por iso é polo que a reincidencia da CUP permita pensar en que a desconexión non é tanto unha cuestión de poder como de querer.

(Nota. Tomo prestado o título "Rebeldes periféricos" do libro publicado na excelente editorial La Linterna Sorda  sobre a historia das mulleres-coraxe que, como escribe a súa autora Ana Muiña, "desde a periferia demostraron que persistindo nas utopías, tarde ou cedo, acaban por facerse realidade").

One Comment

  1. Creo que espera demasiado das CUP.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off