off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 7 Setembro, 2015 at 10:36 a.m.

A revolución dos amateurs

by

meeting.banner_ollaparoComezou humildemente, sen chamar a atención, como o  lene latexo da bolboreta, no espazo municipal que outros olímpicamente desprezaran. Mas no curto periodo de tempo tornouse nun referente ético. Aquel pensar global e actuar local que inspirou ao 15M e logo galvanizou candidaturas comuneiras nas eleccións do pasado 24 de maio, terminou inventando outra forma de facer política. Desde as polis e á marxe do partidos-aparello, as plataformas de cidadáns e a súa democracia de proximidade están a facilitar o que o sistema estatal negaba. O último exemplo é a mobilización social que acaba de motivar unha rede de cidades asilo en todo o territorio nacional para refuxiados e inmigrantes. Unha orgullosa iniciativa fronte á calculada inacción do goberno, que mostra aos pobos de Europa que aínda é posible reverter nos feitos cotiáns as políticas caníbal do Capital e da Guerra.

Existe algo de reparación histórica nesta emerxencia do contrapoder municipal como antídoto á crise, a corrupción e a depredación institucional. Coma se constatásese que precisamente é por ese flanco plebeu, tradicionalmente menosprezado polos políticos profesionais, onde cómpre activar transformacións sociais. Dúas datas escolman os períodos nos que a irrupción do local desbanca ao absolutismo dos poderes establecidos. A primeira acometida tivo lugar en 1931, cando unhas eleccións municipais deron a vitoria ás forzas republicanas acabando así coa Primeira Restauración borbónica. A seguinte, cunha diferenza de 80 anos, produciuse tras a irrupción do quincemaismo en 2011 e as súas derivacións políticas no marco electoral. Esta última aposta non cancelou a Segunda Restauración mas cuestionou a súa existencia até o extremo de ter que reflotala habilitando unha Segunda Transición.

Aínda que nun primeiro momento, metade froito das circunstancias e metade do oportunismo, sembellaba que o legado político máis nídio daquela enxurrada de indignación popular ía personalizarse en Podemos, un partido que verbalizaba ser a voz dos de abaixo se ben constituíase xerárquicamente desde acima, a realidade está brincando sobre esas expectativas. Afectado dun mal de altura que fixo á cúpula de Podemos renegar dalguns dos seus acenos de identidade (renda básica, redución idade de xubilación, rexeitamento da débeda ilexítima, etc.) para centrarse en chegar á Moncloa a calquer prezo, foron as pluralistas plataformas cidadás que gañaran en cidades como Madrid, Barcelona, Zaragoza, Santiago de Compostela, A Coruña. Cádiz ou Ferrol quen manteñen a conexión directa co espírito horizontalista, participativo e inclusivo daquela protesta holística.

Virara a mesa. Onde nun principio había unha exultante máquina para “asaltar os ceos”, hoxe mal resiste unha caricatura da súa inicial arrogancia, e iso grazas á respiración asistida que aínda lle prestan as canles televisivas que o patrocinaron. Na medida en que actualmente a capacidade de sorpasso do municipalismo alternativo como actor político autónomo pasa por liberarse da tutelaxe caudillista maquinada polo “pablismo”, nun atrapallado intento para frear o seu esborralle. A cuestión aquí e agora non é se Podemos, na súa pretendida longa marcha a través das institucións, logrará desprazar ao PSOE para protagonizar unha Segunda Transición. Senón, pola contra, como debe auto-organizarse esa cidadanía insurxente para trasladar ao ámbito macro o éxito mancomunado logrado a nivel micro, e desde alí polinizar a ruptura democrática. Grande papeleta!

Diferentes fins por meios diferentes. Onde o novo partido bla, bla, bla de Pablo Iglesias cenifica un frentismo placebo co que solapar a súa clonación polo sistema, as políticas proactivas de junteros e comuneiros serven para paliar o problema dos desafiuzamentos, dotar axudas para as emerxencias sociais e mandar na práctica unha mensaxe de solidariedade internacionalista ao epicentro democrático da UE. A cimeira de representantes municipais en Barcelona para crear unha rede de cidades-refuxio con que respostar ao drama dos refuxiados e a inmigración por fame, é o vivo testemuño da sociedade civil emancipada. Tamén a consigna do dereito a decidir en Catalunya partiu dos concellos. É a revolución dos amateurs: da xente, pola xente e para a xente. Deixouno dito o gran León Felipe: “No sabiendo los oficios los haremos con respeto/Para enterrar a los muertos como debemos / cualquiera sirve / cualquiera … menos un sepulturero.”

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off