off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 23 Xuño, 2015 at 12:41 p.m.

Pablo Iglesias afirma que non se entenderá na cuestión territorial

by

Referíndose a ERC, Pablo Iglesias afirma que non se entenderá  na cuestión territorial, mas a incomprensión dos feitos nacionais vén de vello


papeletaPodemos_IglesiasEn declaracions en TVE, o lider de Podemos, Pablo Iglesias avanzou que non se entendería con Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) porque é un partido que quere a independencia de Catalunya e a súa formación non. Até aquí. É de supor que ainda que non se deite con ERC, respectaría o resultado dunhas plebiscitarias. Alén diso, o Iglesias axe como se a hexemonía dominante non fose a que é  e  a cuestión nacional e as esquerdas no Estado español, unha asignatura pendente. Tan grande é a incompresión intelectual dos feitos nacionais.

“Con ERC poderémonos entender en cuestións relacionadas cos dereitos sociais, con cuestións relacionadas coa organización territorial do Estado poderemos debater de xeito afabel mas acho que non nos entenderemos”. “Cando me preguntan se quero que Catalunya lisque de España digo que non quero”, suliñou nunha entrevista a TVE.

Pablo Iglesias teima en seguir tratando os “dereitos sociais” sen vincallo territorial ningún, en abstracto. Como se os dereitos sociais substanciaran á marxe dos económicos, culturais ou medioambientais, os chamados dereitos humanos de terceira xeración e a súa substanciación espazo-corporal.

No estado español a  defensa dos dereitos sociais ten sido sempre inferior á dos dereitos civís e políticos porque aqueles emanaban como faragullas da hipertrófica concentración de poder estatal. O chamado “estado das autonomías” serviu para facer mais efectivo o reparto do poder na “transición” (a continuación do franquismo por outros medios) que logo da crise do bipartidismo español e da fonda crise social e do sistema, teima  en reestructurarse sen que a denominada “ruptura democrática” ou “nova política” permita visar cambios nesa liña. A fraude da transición – coa claudicación  eurocomunista respecto á  autodeterminación nacional (Constitución, Monarquía) e  social ( Pactos da Moncloa)  son apenas algúns dos precipitados metamórficos (eses pseudocambios sen que a rocha chegue a fundirse)  do proxecto hexemónico do nacionalismo español. De feito, o subdesenvolvimento social do estado español tamén é iso e non só a insuficiencia de servizos sociais públicos. Lembremos que en 2013 o barómetro do CIS informaba que o  38,5% de cidadáns españois quería suprimir as autonomías  ou reducir as súas competencias (quere a esquerda autónoma madrileña renunciar á súa autonomía?)

Con certeza, as transferencias públicas (como as pensións), os servizos (como a sanidade ou educación), a emigración endémica ou a sede fiscal de empresas,  teñen beneficiados en determinadas xeografías. Como beneficiados ten que se mesturen cando convén a cuestión territorial (o dereito a decidir, o soberanismo e a independencia) e as mobilizacións populares, como se o ciclo combinado da esquerda e do sindicalismo galegos non se conformaran alomenos dende os sesenta con rasgos histórico-culturais comuns e  como proxecto político de liberación alicerzados, ambos e dous, na indisociabilidade da liberación nacional e a emancipación social. Unha tradición marxista e soberanista que se teima en silenciar.

Logo do Pacto do PSOE e Ahora Madrid e de vermos a Pedro Sánchez diante dunha inmensa bandeira española por toda mensaxe eleitoral, as palabras de Iglesias deitan a súa coloratura máis propia, sen adubíos nen ornamentacións. Ao cabo, é doado e mesmo gratuito proclamar que se está a prol do dereito a decidir ( falar de autodeterminación cando quen o reclama está lonxe é pura camuflaxe)  para inzar o camiño de legalismos para que non se exerza. Mas compre  lembrar tamén que históricamente a estatista esquerda española nunca respeitou ese dereito chegando mesmo á súa ridiculización. Fronte a iso o lider de Podemos achega escasas alternativas ao consabido “pobo español  como único “suxeito de decisión” (a teimosa resposta do nacionalismo español negador da liberdade dos outros). Onde é que estaba a esquerda inexistente cando as institucións teiman en retirar da vida público-institucional o galego e con el os dereitos de cidadanía dos seus falantes ou cando se torturaban independentistas e Garzón ollaba para outro lado ou cando se  fechaba Egunkaria?

One Comment

  1. Pablo Iglesias quere que se dea o dereito de autodeterminación pero non quere que ningunha nación, fundamentalmete Catalunya, salga do estado. Por iso di que a soberanía para el é que haiba servizos sociais, etc…
    A min paréceme que ningún país vai aceptar a independencia que poida facer ningunha nación de forma unilateral. Se se fai un referendum e se chega a un acordo para a independencia co estado pois a comunidade internacional tería que aceptarte porque xa te acepta a outra parte da que te independizas.
    Creo que a proposta de Podemos pode estar ben se se consigue facer un referendum en Catalunya. Se se fixera aquí e no País Vasco xa sería a leche. Ainda que creo que Galicia non ten a masa crítica suficiente como para afrontar algo así.
    O problema territorial do Estado é algo que está sen resolver. Os militares ata fai pouco influían no goberno para que a Constitución dixera que é o exercito quen garda a unidade de España. Esa unidade tena que gardar o pobo querendo estar unido. Non uns militares bananeros con ametralladoras.
    Eu creo que non se chegará á independencia de ningunha das partes do que se chama España sen un dialogo co resto.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off