off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 12 Decembro, 2014 at 12:00 p.m.

A Segunda Transición: o mito da “concorrencia de debilidades”

by
“Gardádevos de toda empresa que precise novas vestimentas?”
David Thoreau

Ollaparo_pedradetropezoPor que case sempre tropezamos politicamente na mesma pedra? Como é posible que tras comprobar en nosas propias carnes o fracaso e a impostura da Transición esteamos apunto de repetila 39 anos despois? Dúas preguntas que identifican o contexto no que agora mesmo estamos e que, contra o que puidese parecer, teñen unha resposta concreta: a causa está na ataxia do cambio xeracional. Dito sen termos empolados: en que non necesariamente unha xeración aprende da cabeza allea, ou sexa, da experiencia das anteriores. Por iso é tan importante a transferencia cognitiva e afectiva que implica a memoria histórica, un termo que une o individual da memoria e o colectivo da historia. O zoon politikon, o home e a muller como seres sociais, instancia parteira da democracia sen adxectivos.

De aí precisamente que todos os poderes (fácticos e simbólicos) conspiren para impedir ou frustrar ese trabado vital do ecosistema social, borrando as pegadas das súas fechorías para deixar a conciencia das xentes que non experimentaron os feitos directamente como unha folla en branco onde re-escribir os seus códigos opresores. O obxectivo radica en lograr que non exista a conexión pasado-presente-futuro que identifica ao feito civilizador, crebar o elo ético-histórico-cultural, pondo no seu lugar un tobogán de eventos illados, sen vínculos, carentes de empatía social, que facilite a dominación e a explotación desde o ente Estado como elemento de continuidade ao servizo da cleptocracia.

Nos cursos “Sobre o Estado” impartidos por Pierre Bordieu entre 1989 e 1992 no Collége de France, o famoso sociólogo daba algunhas definicións do Estado que axudan a explicar este fenómeno da continuidade descontinua a favor do statu quo. Dicía o conferenciante: o Estado, tal como se entende polo común, é o fundamento da integración lóxica e da integración moral do mundo social, o Estado é o principio de organización do consentimento como adhesión á orde social; o Estado é unha ilusión ben fundada, ese lugar que existe esencialmente porque cremos que existe e o Estado é unha entidade teolóxica, isto é, unha entidade que existe por mor da crenza. Nunha palabra, a “inquebrantable adhesión” ao Estado, como ocorre tamén co feito relixioso, baséase en “unha alucinación”, algo que non existe na realidade e que, precisamente por iso mesmo, é tan difícil de combater. As pantasmas non viaxan en metro.

Precisamos tecer víncallos entre xeracións (intergeneracionais e intrageneracionais) que eviten a desconexión, tender un fío condutor capaz formular camiños de emancipación. E iso precisa aquel “sapere aude” (atreverse a pensar) que Kant demandaba para superar a minoría de idade mental que nos fai dependentes. Na presente conxuntura histórica, onde por primeira vez en décadas produciuse en España una certa simetría entre xeracións (foron os netos quen desenterraron aos avós na soidade das cunetas), atreverse a pensar máis aló do coto pechado enmarcado polo Estado é case a condición sine qua non para un verdadeiro sorpasso democrático. O perigo en cernes é que ese esclarecemento preñado de esperanzas se peche en falso. Porque, non nos enganemos, a vontade de cambio non se sustenta en valores propios, senón e sobre todo no profundo descrédito dos relatos esgrimidos polos detentadores do sistema para lexitimar o consentimento. A nosa obrigación, por tanto, alicerza en evitar que se cumpra o agoiro de Guy Debord: que o que se apresenta como verdadeiro sexa outra vez un momento do falso.

Juan Carlos Monero, un dos fundadores do novo partido Podemos, que tanta fe instiga, adoita facer súa a opinión derrotista do escritor Manuel Vázquez Montalban sobre a transición como “unha concorrencia de debilidades”.

As ameazas que nos axexan cando nacemos socialmente encadeados ao presentismo e ao curtopracismo van moito máis do terreo estritamente político. A cadea trófica que engloba o noso ecosistema existencial ten un substrato transxeneracional de dobre hélice. Se o curtocircuíto se produce entre a xeración vivente e as inmediatamente precedentes, representadas no núcleo familiar amplo (pais e avós), hai o perigo de esquecer a historia inmediata e estar condenados a repetila. Porén, tamén existe unha dimensión que estraga o futuro ao actuar dentro do sistema depredador, productivista e consumista, esquecendo ese legado xeracional respecto ao porvir e a gallopante limitación de recursos. A lema dos verdes “non herdamos o mundo dos nosos pais, tomámolo prestado dos nosos fillos”, é revelador das consecuencias dunha actuación solipsista.

Todo isto vén a conta do momento político presente, ilusionante pola irrupción da rebeldía popular, e as dúbidas sobre se en realidade a conxuntura non é máis que unha reprodución doutros momentos históricos xa vividos que culminaron en frustración. Juan Carlos Monero, un dos fundadores do novo partido Podemos, que tanta fe instiga, adoita facer súa a opinión derrotista do escritor Manuel Vázquez Montalban sobre a transición como “unha concorrencia de debilidades”. Cousa incerta, aínda que moi literaria. Igual que agora, no 75 había unha gran mobilización social apostando polo cambio radical, e ese enorme capital transformador quedou inédito porque os dirixentes políticos de esquerda lograron sacar a disidencia das rúas e canalizala placebamente a través dos partidos e a competición electoral.

A pregunta que procede facer a Monedero, que pola súa mocidade só coñece aquela transición de lidas, é se como líder dunha forza política emerxente acredita que agora tamén se dá “unha concorrencia de debilidades”. Porque de ser así, a ruptura desexada sería imposible.

A pregunta que procede facer a Monedero, que pola súa mocidade só coñece aquela transición de lidas, é se como líder dunha forza política emerxente acredita que agora tamén se dá “unha concorrencia de debilidades”. Porque de ser así, a ruptura desexada sería imposible. A tese da “correlación de debilidades” carece de lóxica salvo que se estableza unha comparativa entre o franquismo e a oposición baseada só no potencial guerreiro. “Cantas divisións ten o Papa?”, preguntou ao parecer Stalin cando lle advertiron sobre o ascendente social do Vaticano. Pero a Transición non se formulaba como un puxilato militar. O franquismo estaba a agonizar na figura do seu caudillo; carecida de legalidade e máis aínda de lexitimidade, e no marco dunha Península Ibérica que viña de producir a “revolución dos cravos” en Portugal, o continuísmo era case impensabel. O derrube sen acoso opositor da URSS en 1991 é unha mostra da inconsistencia da resignación por razón da forza. E é por iso mesmo que a cita coa que se tenta xustificar o que en realidade foi unha claudicación da esquerda, recuperada agora por un dos homes crave de Podemos, pode inducir á sospeita de que se está preparando un escenario semellante por mor da manuseada “eficacia”.

Non é este o único signo de tentativa dunha Segunda Transición para que todo siga igual que contempla a Podemos como un escuro obxecto de desexo. Se facemos un cronograma de ambos os procesos, veremos que as similitudes son maiores que as diferenzas.

Non é este o único signo de tentativa dunha Segunda Transición para que todo siga igual que contempla a Podemos como un escuro obxecto de desexo. Se facemos un cronograma de ambos os procesos, veremos que as similitudes son maiores que as diferenzas. Empezando pola intrusión simbólica. Resulta curioso comprobar como nestes momentos precisos en que novas forzas político-sociais se aprestan a “asaltar os ceos”, desde diferentes instancias institucionais, académicas e mediáticas relánzanse os supostos valores daquela Primeira Transición. Personalidades como o ex comunista Javier Pradera, máis tarde factótum do xornal El País, auténtico intelectual orgánico do proceso, e un dos mentores da “concorrencia de debilidades”, volven ser obxecto de homenaxes e glosas, no que sen dúbida supón unha campaña para rehabilitar a tradición do consenso. O amparo facilitado a Rodolfo Martín Vila, ex director xeral de Sogecable, a división audiovisual do Grupo Prisa, fronte á petición de extradición xudicial para responder da matanza de Vitoria, vai na mesma dirección de inmunidade. Ao xeu xeito subscribiuno o historiador Santos Juliá ao afirmar nun debate sobre aquela Transición que “o pasado necesita ser explicado en si mesmo, non polo o acontecido despois”. Un argumentario que nega a relación causa-efecto nas ciencias sociais e lembra de lonxe a aquel “non é nada persoal, só negocios”, dito polo personaxe de Vito Corleone na película O Padriño para acicalar os seus crimes mafiosos.

Resulta curioso comprobar como nestes momentos precisos en que novas forzas político-sociais se aprestan a “asaltar os ceos”, desde diferentes instancias institucionais, académicas e mediáticas relánzanse os supostos valores daquela Primeira Transición.

Non sostemos que Podemos sexa a arma secreta da Segunda Transición, porén si que esa posibilidade existe se a tese da “concorrencia de debilidades”  gaña adeptos e se deixa todo en mans de dirixentes,  elites e homes providenciais. Á morte de Franco, foron certamente as cúpulas do PCE, CCOO e demais movementos afíns, as que aceptaron volver as ancas ao institucional desarmando a protesta da fronte cidadá e laboral. Mais correspondeu a un PSOE imberbe a misión de situar o totum revolutum do antifranquismo como centro do taboleiro electoral a fin de converter ao “felipismo” nunha verdadeira opción de poder. A acumulación de forzas para esa remontada logrouse captando primeiro a moitos cargos do PCE tras a experiencia das municipais, e desposuíndose dalgúns orzamentos radicais que, como o dereito de autodeterminación ou o non á OTAN, impedían alcanzar esa maioría social imprescindibel para gobernar.

Non sostemos que Podemos sexa a arma segreda da Segunda Transición, porén si que esa posibilidade existe se a tese da “concorrencia de debilidades”  gaña adeptos e se deixa todo en mans de dirixentes,  elites e homes providenciais.

A realidade é túzara, unha vez máis. Podemos é, segundo todos os inquéritos unha espléndida hipótese política. Porén, o drama sería que o radiante porvir que proclama o “pablismo”  se acadara a conta de amordazar á disidencia cidadá que fixo realidade logros como Gamonal e Can Vies; parar a privatización da sanidade madrileña; reabrir o sumario xudicial do accidente do metro de Valencia; frear a contrarreforma educativa en Baleares; impedir o proxecto Eurovegas en Madrid; socializar a loita contra os desafiuzamentos e a fraude as preferentes; manter a actual lei do aborto, e tantas outras conquistas populares. Porque esas mesmas enquisas tamén prognostican que para poder levar ao BOE “as súas promesas”, Podemos necesitaría pactar co PSOE, un dos alicerces da caste, cuxo líder Pedro Sánchez acaba de manifestar que o seu obxectivo é “renovar o pacto do 78”. Entón, unha vez desactivada a protesta dos indignados, “a concorrencia de debilidades” podería servir de escusa a unha Segunda Transición sen alma xeracional. Ao cabo, mais unha vez, “a man invisibel” da política realmente existente faría daquel orgulloso e movilizador “pódese”, un deprimente e obsceno “non podemos”.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off