off
Cedeira, Política local — 27 Novembro, 2014 at 12:47 p.m.

Cemento e potes floridos para gañar o futuro

by

Entanto Cedeira e a comarca toda padecen unha durísima crise, especialmente grave polas taxas de desemprego e  falta de expectativa laboral, os fondos europeos de desenvolvemento rexional adícanse -con pompa, circunstancia, e inxentes notas de imprensa- a cementar e colocar potes floridos nun parque preexistente no que no seu dia tamén se investiron cartos argallando como agora, argumentos de “funcionalidade” para maquillar a desnaturalización e desfeita do antigo Parque Pista Floreal (complexo integrado no seu día por cinema, sala de festas e zona verde pouco moi pouco cementada). Patrimonio perdido dos cedeireses por obra e graza duns propietarios desleigados e as políticas desaprensivas do devanceiro político de quen hoxe goberna. Que agora se adiquen 132.707,17 euros  do POS provincial 2014  para refacer  xardíns en uso,  en conta de facelo en economía productiva non só é puro eleitoralismo mas unha grave irresponsabilidade nun intre no que o consumo local continua estancado, sendo como son os servizos un sector clave na recuperación e as familias, que non fan máis cá perder renda e poder adquisitivo, servindo de colchón estrutural do desemprego nos máis novos e dos que non o son tanto. Finanzamento da deputación, para isto? Onde é que foron os campións da austeridade no gasto, os aforradores? Vaise impoñendo a austeridade de compadres. Para o centro de día de xestión pública non hai cartos. Alégase a austeridade para reducir costos, entón externalizan, privatizan. Mas tíranse dos subsidios e fondos públicos cando sirven para a política do simulacro. Aquela que sirve para engaiolar incautos até que emitan voto en momento predeterminado. Porén, cómpre non esquecer que o propio Rubido anunciaba hai pouco que  “os 25 pisos dunha promoción inmobiliaria privada ubicada na zona do Floreal poderían converterse nas primeiras vivendas tuteladas do Concello” e que un concelleiro do actual goberno de Cedeira é un promotor inmobiliario con intereses  na zona.

Traballo mal feito en Tagentópolis

Cando a proposta da intervención na praza do Floreal  foi a pleno só o BNG votou en contra porque era una “desbalde de cartos impresionante en recementar pois iso era o proxectado”. A empresa Vilasuso – a concesionaria  da reforma está a realizar a maioría das obras na vila-  recementou os parterres e cando xa parecía que acabaran, apareceu outra empresa mais pequena  abrindo gavias porque seica a anterior empresa non instalara os cabos eléctricos e as farolas non tiñan conexión e non funcionaban. Segundo fontes consultadas por Ollaparo, outro dato a termos en conta para entendermos o relato do acontecido é que esta segunda empresa foi traballar como ás agachadas. Vaite ti a saber por qué.

[wzslider autoplay=”true” info=”true” lightbox=”true”]

Sala Áncora

SalAncora_cheda_OllaparoNo pleno extraordinario do 14  novembro, un dos puntos da orde do día era o levantamento de reparación das obras de rehabilitación da Sala Áncora.  Na sesión a portavoz do  BNG  María Xosé Rodriguez  preguntara sobre as obras orzamentadas en 50.000 € e a resposta de goberno do PP foi que serían arranxos polos problemas de humidade que ten a sala e que tamén ían tirar algún tabique para que quedara máis funcional. Funcional para qué? Esa debeu seu a pregunta que se fixo Maria Xosé Rodriguez  cando interpeleu ao alcalde sobre impacto da obra no espazo que viña sendo o lugar de ensaio do grupo de danza galega Buxainas. O grupo de goberno presidido por Luís Rubido acabou por recoñecer que o obxectivo era crear un espazo para a xuventude (os  de Buxainas deben ser da terceira idade) e que ante a imposibilidade de iren para os espazos tamén en obra do Auditorio (pois é onde o goberno popular quere privatizar o centro de día logo de arranxalo con cartos públicos) acabaron sendo ubicados en Piñeiro.
 Acontece que o interventor ten emitido unha nota de reparo normativo xa que non se poden investir fondos públicos nunhas obras destinadas a un local que non existe no Inventario municipal de bens inmobles
Nunca ninguén se molestou en incluír ese espazo como edificio público e polo tanto non existe a efectos de reforma. A oposición nacionalista de esquerda instou ao goberno municipal a que deixen de facer todo á  machada, improvisando segundo conveña e que respecten a legalidade xa que a administración debería ser exemplar, sobretodo nun momento no que a sombra de Tagentópolis é ben comprida.  O BNG pronunciouse en contra  pola arbitrariedade e manifesta irregularidade dos investimentos realizados polo goberno de Luis Rubido. Unha irregularidade que semella non servir para que o actual goberno popular reflexione sobre un gasto que non semella ser razonable  nen necesario.
Todo para a mocidade sen a mocidade
O goberno do PP de  Cedeira quere habilitar un espazo para a mocidade investindo 50.000 euros nun equipamento que legalmente non existe, de aí os reparaos do interventor. O paradoxo do asunto é que Buxainas é unha asentada agrupación de danza  composta nomeadamente por xente moza ao que  se lle facilitou un outro local de ensaio ben máis lonxe, no escolar de Piñeiro.  Porén, o relevante aquí é o modelo que impón o PP:  unha mocidade que non é  suxeito copartícipe e protagonista senón pasiva e consumidora de recursos.   A cidadanía cedeirense acostumouse a non presionar o goberno para que progresivamente adotase suas propostas, acomodandose a práticas tradicionais de clientelismo no que a troca consiste en non incomodar. Feita esa resalva, é importante enfatizar que faría ben Buxainas en reaxir e  reflexionar sobre o tratamento recibido. Precisamos de oxixeno  para ventilar corazóns e mentes da vellas prácticas dirixidas. Porque alén dos lícitos intereses particulares e corporativos hai intereses difusos ou coletivos nos que se xoga a calidade da democracia.
Medidas como esta agochan, baixo apariencia de darlle protagonismo ao sector máis novo da poboacion, a continuidade do modelo posfranquista de gobernanza paternalista, visibel nos conservadores españois ( e o seus parceiros periféricos) e nos angloxasóns de aquén e de alén mar, que impulsa un proceso de desocialización e de individualización que vai sustituindo  paseniña e constantemente a cultura da responsabilidade compartida pola cultura trapalleira do desbalde, o enrequecimento soerguido no patrimonio común, no capitalismo de compadres e no desprezo da disidencia que entre nós coincide de cheo cos perdedores.
Encanto Caritas reparte alimentos, o concello adícase a recementar parques, privatizar servizos,  pagar o alugueiro dun centro social de vellos que antes estaba ubicado nun equipamento público ou facer merendeiros nas parroquias. Así é como o goberno do PP pretende poñer as bases para immpulsar e dinamizar a economía facendo de Cedeira  un lugar máis atractivo para vivir e traballar cando a maioría das aldeas non teñen conexión a internet?, así é como pretenden axudar a incrementar a competitividade do tecido produtivo a través do coñecemento e a innovación?, así é como pretenden aumentar a cohesión social e territorial do concello cando hai un déficit estructural nas parroquias e aldeas que van ficando sen poboación por non xerar expectativas para se instalar a xente?, así é como pretenden  millorar os niveis de cualificación, a calidade do emprego e a inclusión social? así é como pretende emponderar á mocidade? Para cando uns orzamentos participativos onde a cidadanía poida decidir en que se queren meter os cartos?
A política de cemento e testos floridos da que tanto gosta Luís Rubido  derívase da praxe electoralista que rexe ao PP, segundo a cal consideran como  prioridade absoluta o accesorio se con iso afortalan o espazo de troca que lles permita renovar cargo. O leitor atento terá percebido que a troca en tempos de austeridade dase por outros medios. A comprida etapa de Rubido deu paso sen solución de continuidade á etapa de Rubido. Máis do mesmo.

One Comment

  1. Certo. Non se encetan cuestions básicas. E como unha fuxida cara adiante sen resultados de progreso.
    Paseniñamente Cedeira vai morrendo.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off