off
Movementos sociais, Opinião, Politica espanhola — 17 Novembro, 2014 at 11:22 a.m.

Pablemos

by

Unha formación apaña-todo ou “partido vasoira”, e un líder ao seu xeito. Iso é Podemos tras o rotundo veredicto emitido polas urnas electrónicas o pasado sábado 15 de novembro: o partido de Pablo Iglesias. Agás Santiago Carrillo, cando o 14 de abril de 1977 impuxo a aceptación da Monarquía  á cúpula do Partido Comunista de España (PCE), nunca antes na España democrática un dirixente político tiña concentrado tanto poder na súa man. E no caso da organización de Pablo Iglesias, co valor engadido de apresentarse como o “partido da xente”.
Por unánime decisión dos seus activistas, Iglesias foi investido secretario xeral de Podemos, facendo ao mesmo tempo dos  principais órganos de decisión do partido unha caixa de resonancia do seu liderado. Desde o Comité de Coordinación (CdC), que estará integrado por 10 persoas, até a Comisión de Garantías Democráticas (CGD), pasando pola máis coral Consello Cidadán (CC), constituído por 62 delegados netos, todo no organigrama executivo de Podemos foi deseñado en clave presidencialista.

Un caso inédito na recente historia da partidocracia española, sobre todo tendo en conta que Podemos aínda carece de presenza parlamentaria nas institucións do país, limitándose o seu currículo ao cinco eurodeputados obtidos nas eleccións europeas do pasado 25 de maio. Curiosamente, servíndose naquela ocasión dun programa -reclamo do que só seis meses despois a cúpula de Podemos renega nos seus aspectos máis radicais, como o concernente á denuncia integral da débeda soberana por ilexítima ou poñer en causa o euro.

Podemos aínda carece de presenza parlamentaria nas institucións do país, limitándose o seu currículo ao cinco eurodeputados obtidos nas eleccións europeas do pasado 25 de maio.

E todo iso no medio dunha gallopada de entusiasmo popular e mediático sen precedentes. Porque, contradicindo toda prudencia política, a cada órdago monopolizador lanzado por Pablo Iglesias e o seu equipo as bases responderon cunha entrega sen condicións. Eliminou a posibilidade dunha dirección colexiada botando man do vello discurso  caudillista; implantou as súas coordenadas programáticas coa ameaza de dimitir se non eran aceptadas; “estigmatizón” ao competidor propondo que as minorías se automarxinaran, e acaba de culminar o seu paseo triunfal logrando o nunca visto en democracia: que os de abaixo cedan orgullosamente todo o poder aos de arriba.

A fidelidade ao líder demostrada polos “pablistas” que entraron a formar parte dos “círculos” de poder de Podemos lembra, mutatis mutantis, ao elenco de “senadores de designación real” con que se armou a andrómena con que botou a andar a primeira lexislatura da transición. Nin o “asembleario” Consello Cidadán, máximo órgano entre congresos, nin o elitista Consello de Coordinación,  escapan á lóxica apaña-todo que identifica á marca Podemos.  O staff do CC foi elixido votando a plana ofertada en exclusiva polo equipo de Pablo Iglesias, Claro que Podemos, reproducindo así nos feitos ás deostadas listas pechadas e bloqueadas dos partidos do réxime, e ademais os integrantes do CdC serán cooptados dunha relación feita a proposta do secretario xeral.

Da magnitude da inquebrantable adhesión ao pablismo dá  idea a contía de votos obtidos pola cabeza de lista oficial (Claro que Podemos) e o seu equivalente alternativo para os distintos órganos. Secretario Xeral: Pablo Iglesias o 96,87% dos votos; Pablo Monge o 1,01%. Consello Cidadán: Íñigo Errejón o 89,54% dos votos, Cristina Oliván o 5,25%. Comisión de Garantías Democráticas: Gloria Elizo o 86,12% dos votos, Cristina Oliván o 5,02%. Todo, democraticamente atado e ben atado.

se as enquisas continúan sendo favorables á nova organización, chegará o momento dos pactos para gobernar, escenario que moi probablemente culminará tomando de consorte ao PSOE, un dos dous partidos factótum da crise e do sistema.

Din as crónicas que entre os invitados á asemblea constituínte que se propuxo liquidar o bipartidismo dinástico había, entre outros, representantes de Esquerda Socialista (IS), a á reformista do PSOE, e que no seu discurso de clausura está vez Iglesias omiteu críticas ao partido que lidera Pedro Sánchez. Un xesto congruente coas fichaxes realizadas recentemente por Podemos para a fontanaría do partido. Os últimos foron, o economista Juan Torres, antigo secretario xeral de Universidades da Xunta de Andalucía e o politólogo Vicenc Navarro, un famoso académico que colaborou na confección do programa eleitoral do anterior presidente de goberno José Luís Rodríguez Zapatero.

Hai outros socialistas desenganchados que forman parte da vella garda de Podemos desde as súas orixes, como o xurista Carlos Jiménez Villarejo, ex fiscal especial anticorrupción durante os anos de chumbo do felipismo. Catalán de nacemento, o eurodeputado dimisionario Villarejo, tío da exministra socialista de Asuntos Exteriores Trinidad Jiménez, publicou un artigo no diario El País o pasado 7 de novembro, co título de “Una consulta antidemocrática”, onde negaba toda lexitimidade ao 9-N, en liña coas teses prohibicionistas do Tribunal Constitucional ante o exercicio do dereito a decidir.

Rematada a maratón constituínte, a nomenklatura de Podemos hase centrar nas eleccións autonómicas e estatais do 2015 para proseguir a súa longa marcha a través das institucións. Unha vez descartada a participación nos comicios municipais, polo menos nas pequenas localidades onde a cota de poder a gañar é case nula. E se as enquisas continúan sendo favorables á nova organización, chegará o momento dos pactos para gobernar, escenario que moi probablemente culminará tomando de consorte ao PSOE, un dos dous partidos factótum da crise e do sistema.

Unha peregrinación asín frustrada de abaixo-arriba (do horizontalismo ao verticalismo e da democracia deliberativa á democracia plebiscitaria), caso de consumarse, lembraría o acontecido en Alemaña co Os Verdes (Die Grüne) no seu particular asalto aos ceos. Unha formación de raíz profundamente contestaría que en 1998 entrou a gobernar co PSD de Gerhard Schröder e cinco anos despois, en marzo de 2003, sancionou a Axenda 2010, un paquete de medidas  para “flexibilizar a economía alemá” en aspectos como traballo, saúde, pensións e  inmigración (entre outras medidas de marcado talante ecolóxico). Un roteiro  que inspirou á troika (CE, FMI e BM) para lanzar o seu arsenal de políticas austericidas que Podemos prometeu derrogar.

2 Comments

  1. Gabriel Beceiro

    Estamos certos de que todas as formacións políticas que citas optaron por presentárense ás europeas antes de facer os deberes que se lles supón deben facer as autodenominadas forzas da “esquerda alternativa”? Para alén do efecto nutritivo que supuxo Podemos a escala española -a aparición de algo novo que crea a súa propia posibilidade para abrir o debate opturado por décadas de duopolio- e acordar unha apaixonada visibilización colectiva de compromiso aletargado, non gosto de pensar en termos oraculares: a praxe exercida por esta formación até o de agora é a que é. Chamemos ás cousas polo seu nome. Que fixo Podemos? Nada. E a súa elección é unha elección entre posibilidades. Cando se realiza unha delas as outras fican canceladas. Podemos escolleu o atallo virtual das vedettes (do 15M sairan outras voces que desapareceran) e virá o momento de preguntarse e agora que? Tomar ou poder ou crear benestar dende abaixo? Que fixo pola defensa do territorio galego da expoliación urbanística, que declaración en defensa do idioma de noso,etc?
    A idea que a súa só aparición pode provocar algo radicalmente novo é ao meu ver ciencia ficción. A cuestión da lingua non é menor. É o síntoma. Reflicte o límite da dialéctica de Podemos: o estatalismo como destino. Pactar co Psoe. Entanto non fagan a súa propia revolución cultural, os galegos e galegas pouca cousa debemos esperar dunha formación providencialista que nin tocando poder respeita o maior dos nosos rasgos diferenciais. De algo debería servir a experiencia català malia acharse nunha situación infinitamente millor cá nosa, tamén en termos lingüísticos. Acho que o de Podemos é como o día da marmota.Ogalla teñas razón, caro Antón, mas a esquerda é pensar críticamente- que non o mesmo que ir contra- e a fórmula central é por non deturpar o verbo. Non vaia ser que a dimensión liberadora de Podemos, ainda non acadado o Poder, se debruce no mesmo de sempre, quer dicer, nesa manifesta ausencia no seu discurso: des-aprender a ser españois. Dáme por pensar que a realidade que invocan, fria e distante, na que se revela un serio distanciamento da nosa identidade lingüística e cultural, encerra propriamente, unha praxe alonxada do discurso. Maximización dos votos, partidos apaña-todo, chámaos Carlos Taibo. Que pintamos os galegos e galegas nesa dinámica pensada e artellada en termos estatalistas? Non se cuestiona o principal, meu. E a maioría dos problemas que temos en Galiza gardan relación co capitalismo de matriz españolista que Podemos non cuestiona. A pouca soberanía que temos os galegos, mais unha vez, delegada.Pensemos que en caso de se aproveitaro pulo catalá para abrir un proceso constituinte español, Galiza aparecería sen presenza de seu subsumida mais unha vez en forzas estatais.

  2. Antom Labranha

    Eu son dos que pensan que o urxente é que o persoal se decida a deixar de votar aos responsables da desfeita, aos mesmos aos que hai que axuntar unha corrupción ilimitada. Nese sentido sexa Bem-vindo Podemos, xa que BNG, ANOVA ou EU non parecen en condicións de conseguir ese troco na conduta electoral da cidadanía.

    Polo demais, todas as nódoas que lles pos -que creo acertamente colocadas- son as de sempre, as que parecen omnipresentes en todas as formacións políticas e non políticas.

    Eu póñolles unha a máis:

    Mágoa non entendan que as linguas non son códigos arbitrarios de intercambio de mensaxes, senón alicerces do que nos define e dignifica como colectividade. Aínda “podemos” subsistir se mantemos viva a nosa lingua.

    Non creo que irmos contra Podemos sexa unha boa estratexia. Creo que, parafraseando a Gandhi, traballar en positivo é o camiño.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off