off
Opinião, Pensamento, Politica espanhola — 2 Outubro, 2014 at 9:00 a.m.

Neocolonialismo constitucional

by

A Unión Europa (UE) non admite oficialmente o dereito de autodeterminación no seu marco legal. A doutrina imperante é que se trata dun dereito periclitado históricamente.  Aínda que recentemente revalidouse para xustificar a emerxencia de novos estados tras a desintegración da Unión Soviética (URSS). Porén, a UE non albisca acollelo como dereito a decidir no caso de pobos que aspiran a independizarse nos actuais Estados-Nación.  Desta maneira, mentres desde arriba se configuran unidades supranacionais con cesión de soberanía, dacabalo da dinámica imposta pola globalización capitalista, ao mesmo tempo sufócanse proxectos para construír desde abaixo identidades autónomas recoñecidas. Cumpriría dicir que desde o poder utilízase o principio de legalidade para negar o superior principio democrático.

…mentres desde arriba se configuran unidades supranacionais con cesión de soberanía, dacabalo da dinámica imposta pola globalización capitalista, ao mesmo tempo sufócanse proxectos para construír desde abaixo identidades autónomas recoñecidas

Con esa perspectiva, países con constitución escrita como Canadá ou España, e outros sen ela, caso da Gran Bretaña, mobilizaron todos os seus recursos para dificultar ou impedir os procesos soberanistas protagonizados por distintas comunidades históricas. Aínda que cada un desde “a súa   propia legalidade”. No francófono Quebec e en Escocia, permitindo un referendo nas poboacións dos territorios emancipantes, e en Catalunya negando de plano esa facultade. O resultado, a pesar das diferenzas de procedemento, é parecido no fondo: un certo tufo de neocolonialismo constitucional.

Da mesma forma que existe unha crecente propensión por parte dos axentes institucionais a xudicializar a disidencia política nos tribunais (asuntos como os escraches; as informacións sobre corrupción; as manifestacións ante o Congreso dos Deputados;  etc.), as democracias neoliberais utilizan cada vez con maior frecuencia a Constitución como instrumento de dominio político e de uniformización social. É o último recurso, a solución final, para evitar modificar o statu quo. Dá igual cal sexa a idoneidade do texto fundante. Como ocorre coa Constitución española, que xa cumpre dúas xeracións que non a votaron, son lentellas: si ou si. O reto exponse como un vincallo de obrigado cumprimento máis aló das súas iniciais otorgantes e representados. Nese contexto, pódese dicir que estamos gobernados a longa distancia por mortos viventes.

…as democracias neoliberais utilizan cada vez con maior frecuencia a Constitución como instrumento de dominio político e de uniformización social.

O mundo do século XXI, hexemonizado por un sistema económico que desborda fronteiras, séguese regulando por mecanismos políticos emanados do século XIX.  Conceptos como “constitución” e “eleccións”, que representaron avances civilizatorios no despegamento do primeiro capitalismo industrial,  dous séculos máis tarde a miúdo reportan rendementos decrecientes.  Mentres o mercado é libre por axioma, o sufraxio universal viuse jibarizado á “partidocracia”, e a constitución a miúdo  supón unha especie de recauchutada razón de Estado con pedigrí democrático.

O caso español é paradigmático. Pasouse dunha ditadura a unha democracia de lei a lei. Sen rutura. É dicir, sen prevalencia do principio democrático. De feito os grandes temas que configuraron a estrutura política do novo réxime (Pactos da Moncloa, Lei de Amnistía ou Proxecto de Reforma Política) foron pre-constitucionais. Podería dicirse que a Constitución de 1978 veu a desenvolver normativamente “principios” xa protocolizados tras o consenso entre camarillas ideolóxicas. Precisamente foi durante ese período transaccional cando tivo lugar o único caso de “secesión” legalmente consentido. A “independencia outorgada” do Sahara Occidental, que non foi froito do dereito de autodeterminación, senón unha vergonzante e ilexítima “cesión” a Marrocos.

A dobre suspensión-exprés feita polo Tribunal Constitucional (TC) á Lei de Consultas catalá, aprobada maioritariamente polo Parlament, e ao decreto de convocatoria do 9-N, contradi a interpretación da Constitución como expresión da vontade xeral e desvaloriza a categorización do réxime español como Estado de Dereito. Dous por un, confundindo valor e prezo. Porque onde o PSC distinguiu entre Lei de Consultas (votando a favor) e Decreto, o TC viu una mesma patoloxía.  Se concibimos o dereito, como escribiu o gran xurista Von Hiering, como “un organismo obxectivo da liberdade humana” e valoramos que “a lei suprema da historia é a comunidade”, o pronunciamiento do alto tribunal ten connotacións decisionistas. Pero se a introspección facémola desde a praxe habería que recoñecer que unha función histórica do constitucionalismo é asegurar o poder político da clase dominante. A algo así debía referirse Keynes cando no comezo do seu libro As consecuencias económicas da paz,  publicado en 1919, recoñecía que “Europa estaba organizada social e económicamente para asegurar a máxima acumulación do capital”.

E aquí novamente “a excepción española” exemplifica esa mutación que fai da vontade xeral constitucional un escenario para a hexemonía política. Négase a capacidade do pobo catalán para autodeterminarse coa escusa de que iso cambiaría as regras do xogo aprobadas por todos os españois en referendo, e que por tanto só a eles en conxunto compete emendalas (imitando a postura do goberno capicomunista chinés con Hong-Kong). Mentres, pola contra, déixase ao “acordo privado” dos dous partidos maioritarios asuntos tan transcendentes como a entrada na Unión Europea en 1986 e a contrarreforma do artigo 135 da Constitución en 2010, non ratificados en referendo. Desta forma, un abuso do principio de legalidade socaba o Estado de Dereito, creba o principio democrático e tingue de ilexitimidade ao sistema.

En política a xente nunca trata de atarse a si mesma, só de atar aos demais, é a postura defendida polo prestixioso politólogo noruegués nas súas últimas investigacións sobre as verdadeiras motivacións do fenómeno constitucional na actualidade.

A constitución como bandeira de conveniencia, ou se preferimos dicilo en termos rancios, “o atado e ben atado” do legado franquista. Unha expresión que, lonxe de ser inocua, revela o ascendente dun tipo de constitucionalismo que opera como camisa de forza fronte ás demandas da sociedade civil en evolución. Un investigador tan afastado desas posicións ideolóxicas como o marxista Jon Elster,  na súa obra Ulises desatado, utiliza a mesma imaxe para rectificar unha opinión anterior sobre a autoimposición de restricións como esencia da elaboración de constitucións. En política a xente nunca trata de atarse a si mesma, só de atar aos demais, é a postura defendida polo prestixioso politólogo noruegués nas súas últimas investigacións sobre as verdadeiras motivacións do fenómeno constitucional na actualidade.

O ferrollo botado polo nacionalismo español sobre a vontade de decidir da cidadanía catalá, lonxe de solucionar o conflito agrávao e enquista. A patada cara arriba ao problema dada por Madrid fabricará aínda máis independentistas naquel territorio e activará un fundado receo noutras nacionalidades do Estado español.  Prisioneiras da tenaza de PP e PSOE contra o dereito a decidir, nesas comunidades o fiel da balanza política tenderá a pasar do eixo dereita-esquerda ao de nacionalismo-centralismo. Porque, á inversa da cita que abre esta web, hoxe xa ninguén cre que o universal sexa local con muros.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off